O pasado 2021 o Parlamento deu o seu visto e prace á lei de Recuperación da Terra Agraria, impulsada polo PP -non pola Xunta- e en cuxo trámite mesmo foran consensuados algúns aspectos concretos con BNG e PSdeG. Entre outros moitos aspectos, a norma incluíu e mesmo reforzou que os populares combateran abertamente cando naceron da man do Goberno de coalición de socialistas e nacionalistas (2005-2009), caso do Banco de Terras ou a inclusión nel de leiras abandonadas.
A lei actual inclúe medidas que o PP atacara como "sovietización encuberta" de consecuencias "gravísimas" cando as impulsara o Goberno de PSdeG e BNG
Mentres a Xunta impulsou accións para a recuperación de terras co impulso do Goberno de coalición, o PP alertara do que denominaran unha "sovietización encuberta" de consecuencias "gravísimas" por non ser Galicia "un país pertencente ao extinto pacto de Varsovia". Máis dunha década despois, o Goberno dos populares vén e informar neste febreiro de 2023 que ten en marcha o proceso para incluír leiras abandonadas no Banco de Terras co obxectivo de poñelas a producir.
Este 6 de febreiro o conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse con representantes da Asociación de Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), unha das figuras abeiradas na lei. Alí, sinala a Xunta, Medio Rural informou de que "iniciará o proceso de declaración en parcelas en situación de abandono ou infrautilización para os propietarios coñecidos que non formen parte" destas Sofor e, segundo os criterios da norma, "non teñan o mesmo nivel de xestión que as do resto da agrupación forestal".
"A Xunta comezará a investigación da propiedade dos terreos de donos descoñecidos coa finalidade de incorporalos, no seu caso, ao Banco de Terras cara á súa posta en valor", confirma Medio Rural
Pero tamén, agrega, "a Xunta comezará a investigación da propiedade dos terreos de donos descoñecidos coa finalidade de incorporalos, no seu caso, ao Banco de Terras cara á súa posta en valor". O decidido, especifican, é "empezar co uso da facultade de investigación nestas figuras forestais para poñer á disposición os terreos e mellorar a xestión conxunta da agrupación".
A lei de recuperación permite ao Goberno galego iniciar estas investigacións sobre terras abandonadas "por iniciativa propia, por comunicación ou por denuncia". Mentres se desenvolve a investigación, as parcelas abandonadas e sen propiedade coñecida poden ser incorporadas ao Banco de Terras "transitoriamente". Se aparece a persoa propietaria, será instada a facerse cargo dela. En caso contrario, o procedemento ordinario contemplado na norma é que pase á propiedade pública galega, quedando integrada no Banco de Terras.
Este, a grandes trazos, era o procedemento xa defendido pola Consellería do Medio Rural do Goberno de coalición, que encabezaba Alfredo Suárez Canal (BNG). Fronte a estas medidas, o PP aseguraba ver á Xunta poñendo en marcha unha "incautación de terras". "Coidadiño co sentido da propiedade!", advertiran os populares ao Goberno. Despois, durante a campaña electoral de 2009, na provincia de Ourense proliferaran panfletos con alertas segundo as cales, PSdeG e BNG ían "quitarche as túas terras e darllas a outros coa escusa de que non as traballas". Membros do PP contribuíran á súa difusión, pero o partido negara ser o seu autor.