Aterra.gal: un plan e unha web para "solventar o problema de terras" en catro comarcas ourensás

Presentación do proxecto Aterra de xestión de terras © Aterra
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-aterra-c4d2049.jpeg

Unha iniciativa para "recuperar a terra agraria" impulsada "desde abaixo", pola sociedade civil, e co apoio técnico do GDR Limia-Arnoia e os 25 concellos que abrangue, nas comarcas de Allariz- Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova, están incluídos en Aterra.gal

“Impulsamos Aterra para intentar solventar o problema da demanda de terras que hai no noso territorio”, explica Eva González, xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia. “Hai unha demanda real de terra para producir? Si. E temos terras? Si. Pois a ver como articulamos un método que nos permita pór en contacto a quen oferta e a quen demanda terras”. Así xorde Aterra.gal, “desde abaixo”, co impulso da sociedade civil e a aposta do GDR Limia-Arnoia, que aproveita a súa experiencia para pór en marcha este proxecto innovador.

O feito de que este Grupo de Desenvolvemento Rural estea detrás, e mais os 25 concellos das terras que abrangue nas comarcas de Allariz- Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova, garante un asesoramento técnico e un respaldo administrativo. A iniciativa presentouse este mércores no Concello de Sarreaus e iniciará unha campaña de comunicación na zona para que a veciñanza coñeza este proxecto que pretende “recuperar a terra agraria” e poida participar del.

Visor de terras do sitio web da iniciativa Aterra © Aterra

"En Galicia accédese á terra co boca a boca e nós imos aproveitar esa rede informal de traballo articulada ao longo do tempo" 

En Aterra.gal está dispoñible un visor, a ferramenta tecnolóxica que vai permitir a recolla de datos tanto das demandas como das ofertas de terras, que se desenvolveu coa achega de investigadores do Laboratorio do territorio da Universidade de Santiago e presenta un mapa ao que se irán incorporando as terras inscritas. “Pero o máis importante é toda a rede de axentes locais que temos detrás para que isto funcione. De maneira tradicional, en Galicia accédese á terra co boca a boca, familia a familia, e nós imos aproveitar esa rede informal de traballo articulada ao longo do tempo para darlle un soporte técnico e tecnolóxico”, salienta Eva González, que leva unha década traballando neste GDR e vendo como iniciativas de agroecoloxía, por exemplo, queren acceder a terras para instalarse por primeira vez téñeno moi complicado. 

"Se somos quen de dar resposta á demanda de terra, somos quen de contribuír á activación económica do territorio, á posta en valor do medio e á fixación da poboación"

A chave deste proxecto é a que non se ve, pois da experiencia e do traballo acumulado na zona desde o GDR Limia-Arnoia van tratar de establecer unha metodoloxía que se poida exportar a outras comarcas, facendo o mesmo que ata o de agora, pero de maneira formal e coa seguridade técnica precisa. “Imos reforzar o equipo técnico para ter a unha persoa dedicada a isto”, sinala González, quen apunta que como pano de fondo está a necesidade de activar a economía e fixar poboación no rural: “Se somos quen de dar resposta á demanda de terra, somos quen de contribuír á activación económica do territorio, á posta en valor do medio e á fixación da poboación. Detrás de Aterra hai unha idea moi ambiciosa do que queremos para o noso medio rural”.

Os impulsores inciden en que Aterra ten sentido como acompañamento ao Banco de terras de Galicia e á Lei de recuperación de terra agraria posta en marcha pola Xunta. “Forma parte todo dun entramado para intentar mobilizar terra agraria e cremos que este pode ser un método que funcione, pois está moi deseñado polas agricultoras e agricultores, polos gandeiros, nun territorio que inclúe a comarca agrícola máis importante de Galicia, que é a comarca da Limia. Un proxecto coma este pode dar resposta a todo o territorio, que non é nada fácil coas diferencias que hai nun territorio tan complexo como o noso. Que sexa válido para os 25 concellos era un requisito necesario”, argumenta a xerente do GDR Limia-Arnoia.

Presentación da iniciativa este mércores no salón de actos do Concello de Sarreaus © Aterra

Galicia cambiou moito e o rural máis. Cada vez a xente ten menos vínculo coas súas aldeas, os vellos tristemente van morrendo e non hai quen lles dea relevo nas aldeas. A propiedade estase convertendo nun problema. E, por outro lado, aínda hai xente que se quere quedar aquí a vivir ou se quere instalar a traballar no sector agrario, no forestal ou no aproveitamento do monte. Aterra podería valer para crear superficies de protección da biodiversidade, non é só producir no sentido estrito da economía. É un proxecto moi ambicioso, temos que ir paso a paso e comunicando ben á xente o que se pode facer”, debulla Eva González.

"Aterra podería valer para crear superficies de protección da biodiversidade, non é só producir no sentido estrito da economía"

Aterra quere colaborar na planificación territorial e na ordenación do territorio do país, comezando polas comarcas ourensás nas que o equipo impulsor ten experiencia. “Ata o de agora a comunidade sabía que parcela valía para que, ou que anaco de parcela era bo para que. A especialización agraria de aproveitamento do territorio en Galicia era excepcional, modélica. Pero cando ese modelo se deixa de utilizar e non se substitúe por nada, vén un pouco o caos. Estes anos de abandono da terra e da actividade, cando a aldea deixa de ser o modelo de vida, de economía e de traballo en comunidade desaparecen moitas cousas. E agora é o momento de repensar cal é o modelo de ordenación e planificación”, conta González.

Recuperar a terra para que non se perda máis, niso están xa en marcha no GDR Limia-Arnoia. “No aproveitamento gandeiro do territorio recupéranse moitas hectáreas. Ademais produces carne de calidade, conservas a paisaxe e a biodiversidade”, exemplifica Eva González, que fai fincapé en que avanzarán paso a paso nesta iniciativa ambiciosa, centrándose primeiro en satisfacer a demanda de terra agraria existente nesas comarcas, aportando seguridade a quen aluga ou vende, e tamén a quen compra. En Aterra tamén está previsto xestionar o relevo se algunha explotación ou granxa vai pechar –por xubilación, emigración ou enfermidade– para tratar de manter a actividade das iniciativas que xa están a funcionar na zona.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.