A superficie agrícola utilizada en Galicia leva décadas en descenso. Segundo os datos publicados recentemente polo INE, esta descendeu en cen mil hectáreas nos últimos 20 anos. Sindicatos agrarios e grupos ecoloxistas veñen alertando de que en moitas zonas de Galicia terras moi ricas, empregadas tradicionalmente para a produción de alimento, mudaron nos útimos anos o seu uso, para pasar a ser dedicados á produción forestal con especies de crecemento rápido.
Isabel Vilalba: "nós levamos tempo dicindo que ten que haber unha protección do solo de alto valor agropecuario, ao ser un elemento estratéxico e escaso"
Todo isto, ademais, nun contexto no que unha parte moi importante dos alimentos que consumimos, o mesmo que os pensos que dan de comer ao gando, proceden doutras zonas do planeta, en ocasións con transportes quilómetricos, o que incrementa a pegada de carbono e empeora o proceso de quencemento global. As mesmas voces do ecoloxismo e do sindicalismo agrario reclaman tamén avanzar cara á soberanía alimentaria, de xeito que Galicia sexa quen que producir a maior parte dos produtos que necesita, aproveitando así a potencialidade do rural galego para a produción de alimentos, o que xeraría novas oportunidades económicas para estas zonas.
Isabel Vilalba: "Está a poñerse o foco no cereal de Ucraína, como se fose un tema conxuntural, obviando que hai cuestións estruturais, coma a crise enerxética, o cambio climático e o feito de que estamos nunha estrutura globalizada na que moitos dos alimentos que consumimos percorreron milleiros de quilómetros"
Estas preocupacións víronse acrecentadas nos últimos tempos ante a escaseza de cereais e pensos debido á guerra en Ucraína e outros acontecementos non previstos que de cando en cando poñen de relevo a nosa dependencia das importacións de produtos básicos. Con todo, o sucedido nos últimos meses debido ao conflito armado en Ucraína debe ser visto non como un suceso conxuntural, senón como unha eiva estrutural dun sistema global de produción de alimentos baseado na distribución destes produtos a través de rutas de milleiros de quilómetros.
Falamos con Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), e co enxeñeiro técnico agrícola Óscar Antón Pérez sobre todos estes procesos, a diminución da superficie agrícola utilizada en Galicia, as necesidades de terra agraria que tería un sistema de produción máis sustentable e baseado nas explotacións e o consumo de proximidade e o obxectivo de acadar a soberanía alimentaria.
Faltan terras de uso agrícola en Galicia?
Óscar Antón Pérez: "Non se acometeu unha reforma das estruturas agrarias que levase á integración desas terras nas explotacións que si permanecían en actividade"
Óscar Antón Pérez destaca que "Galicia está hoxe en día dividida dunha forma distinta a como estaba tradicionalmente. Hai unha parte do terreo que está tecnicamente moi avanzada a nivel agrícola: unha parte da Mariña de Lugo, a zona central de Lugo, no Deza e Tabeirós ou na zona de Arzúa, Melide ou Santa Comba. Hai unha gran tecnificación e unha gran demanda de terra, que leva a problemas para atopar superficie para seguir cultivando. As granxas que producen leite, ademais, traballan moita superficie, porque necesitan espazos grandes para as súas forraxes. En cambio, hai outras zonas de Galicia, como algunhas comarcas do sur e do leste de Lugo, o leste, sur e unha parte do centro de Ourense, e parte do interior da Coruña e Pontevedra onde a tecnificación non existe e alí si que hai unha gran cantidade de terreo abandonado".
Óscar Antón Pérez: "No eixo atlántico, onde unha parte das superficies que no seu momento foron agrícolas hoxe están urbanizadas e outras pasaron a usos forestais"
"O proceso de abandono da superficie agraria utilizada é un proceso global que está a suceder na maioría dos países desenvolvidos da nosa contorna, debido por exemplo á introdución dos pensos compostos e trasladando esta dependencia da terra a outros lugares do planeta, onde se cultivan estes alimentos. Outro factor importante é o proceso de transformación poboación que tivo lugar nas últimas décadas en Galicia coa transformación do sistema agrario tradicional; isto deu lugar a que grandes cantidades de superficie deixasen de ser utilizadas porque tamén había moita menos xente no mundo rural", explica Óscar Antón Pérez. "Ademais, non se acometeu unha reforma das estruturas agrarias que levase á integración desas terras nas explotacións que si permanecían en actividade. Se non hai medidas políticas, sucede o que sucede hoxe: que hai unha parte de superficie agraria aproveitada e outra que quedou en abandono", engade.
"Este proceso únese ao que foi sucedendo especialmente no eixo atlántico, onde unha parte das superficies que no seu momento foron agrícolas hoxe están urbanizadas e outras pasaron a usos forestais, con especies de crecemento rápido coma o eucalipto, o que deu lugar a zonas de interfaz, que en ocasións son problemáticas en relación aos incendios forestais", comenta o enxeñeiro técnico agrícola.
A necesidade de producir alimentos
Isabel Vilalba: "Como se parte do suposto beneficio individual e non dunha estratexias de país, chegamos a que en moitos vales a mellores terras agrarias están ocupadas por eucaliptos"
Pola súa banda, Isabel Vilalba destaca que "a produción de alimentos é estratéxica en calquera lugar, porque é unha necesidade básica da poboación. Hoxe está a poñerse o foco no cereal de Ucraína, como se fose un tema conxuntural, obviando que hai cuestións estruturais, coma a crise enerxética, o cambio climático e o feito de que estamos nunha estrutura globalizada na que moitos dos alimentos que consumimos percorreron milleiros de quilómetros". "Hai un gran problema social que sofren familias que teñen salarios conxelados e pensións baixas e que van a supermercado e atopan os produtos cada vez máis caros, nomeadamente as froitas e hortalizas. Cada vez hai máis persoas que teñen dificultades para acceder a unha alimentación saudable, variada e fresca", denuncia a secretaria xeral do SLG.
"Para producir alimentos, a terra e fundamental, por suposto. E por iso nós levamos tempo dicindo que ten que haber unha protección do solo de alto valor agropecuario, ao ser un elemento estratéxico e escaso. A día de hoxe atopámonos con lexislación que vén da época franquista que sitúa como prioritaria a actividade mineiro-extractiva da terra, por riba do seu uso alimentario. Temos que cambiar o foco", reclama.
Isabel Vilalba: "Na Lei de recuperación de terras agrarias a orientación da Xunta é mobilizar grandes cantidades de terra pensando en empresas que as poñan en produción. Para nós, en cambio, a orientación debería ser a de facilitar que persoas que queiran asentarse na zona rural poidan ter a terra necesaria para producir"
"O foco ten que estar sobre as necesidades alimentarias da poboación. Porén, a día de hoxe, cando se fala de recuperación de terras, ponse o foco na actividade económica que un determinado operador ten na actualidade, obviando as necesidades alimentarias que ten a poboación galega", subliña Vilalba. "Por que se perde terra agrícola mesmo en zonas con grande actividade? Porque non existe esa protección da terra e moitas veces hai un uso especulativo no que se lle di ao propietario que lle é máis rendible poñer eucalipto, o que por desgraza pode ser verdade. E como se parte do suposto beneficio individual e non dunha estratexias de país, chegamos a que en moitos vales a mellores terras agrarias están ocupadas por eucaliptos. E despois plántase nas terras que quedan libres, en ladeiras onde nunca se cultivou porque as condicións son moito peores", comenta.
"Teríamos que ter un mínimo de terra usado para a produción de alimentos e protexido como tal, cando menos un terzo do territorio, para cubrir a curto prazo as nosas necesidades básicas. E a cantidade, a medio prazo, seguramente debería ser moi superior. Nós propuxemos incluílo na lei de recuperación de terras, pero xa recibimos a resposta de que hai un lobby forestal moi potente que se opón. E isto é o que leva a perder actividade produtiva na zona rural e a incrementar a nosa dependencia alimentaria do exterior", destaca Vilalba.
Óscar Antón Pérez: "hoxe en día é máis sinxelo e probablemente máis barato en Galicia mercar un camión de tomates procedente de Almería que un procedente do Rosal e reverter isto depende de decisións políticas"
Non se trata, simplemente, de incrementar de forma cuantitativa a superficie agrícola, senón sobre todo do modelo produtivo que se escolle. A secretaria xeral do SLG denuncia que "na Lei de recuperación de terras agrarias a orientación da Xunta é mobilizar grandes cantidades de terra pensando en empresas que as poñan en produción. Para nós, en cambio, a orientación debería ser a de facilitar que persoas que queiran asentarse na zona rural poidan ter a terra necesaria para producir". "Temos que estar alerta ante a implantación de modelos que xa funcionan noutros lugares e que son moi problemáticos. Na Terra Cha temos o exemplo dunha empresa, xa asentada en Andalucía, Portugal ou Marrocos, que funciona a través da explotación de grandes superficies e o traslado de grandes cantidades de traballadores temporeiros, que soportan unhas condicións laborais e de vida moi precarias", di
"Este tipo de actividade xera moitos ingresos para esa empresa pero non xera un medio rural vivo. E o mesmo se pode dicir das macrogranxas baseadas na produción intensiva, moi negativa para o medio, e na importación de pensos chegados de milleiros de quilómetros", engade.
As medidas que cómpre poñer en marcha
Óscar Antón Pérez: "como se cambia isto? Pois a través de plans políticos que estimulen a posta en marcha de proxectos agrícolas que se cadra teñen que reducir a cantidade de unidades producidas por hectárea, pero que incrementen a superficie produtora"
Óscar Antón Pérez destaca que "nas últimas décadas fíxose unha planificación política e administrativa que favoreceu a produción de determinados produtos en determinadas zonas en detrimento doutras. E isto foi unha decisión política. Dende un punto de vista da sustentabilidade, en cambio, o obxectivo debe ser reducir as dinámicas de transporte destas mercancías". "Hoxe en día é máis sinxelo e probablemente máis barato en Galicia mercar un camión de tomates procedente de Almería que un procedente do Rosal e reverter isto depende de decisións políticas. E hai que ser moi conscientes de que isto non se vai cambiar dun día para outro: as dinámicas agrarias non se cambian dun día para outro. Pero, dende logo, teñen que cambiar", di.
"Como se fai isto? Pois a través de plans políticos que estimulen a posta en marcha de proxectos agrícolas que se cadra teñen que reducir a cantidade de unidades producidas por hectárea, pero que incrementen a superficie produtora. E isto, en lugar da dinámica actual que deixa superficie en abandono ou que leva a súa conversión en espazo de plantación forestal de especies de crecemento rápido", resume.
Óscar Antón Pérez: "necesítase unha administración máis pendente do rural. Non abonda con dar cartos a unha iniciativa nova, hai que formar esas iniciativas novas e estar ao pé delas, axudándolles, facendo seguimento"
Finalmente, Óscar Antón Pérez lamenta que na actualidade "non hai ese plan político". "É certo que hai medidas: banco de terras, leis de ordenación do territorio..., pero non se acompañaron doutras medidas e de ferramentas e de previsións temporais. Hai ideas, pero pouco máis", di. "Que é o que nos interesa? A produción hortícola, a produción frutícola, que tamén a temos moi abandonada, temos que facer un esforzo coa carne de calidade... Pois tracemos un plan a medio e longo prazo, un plan que inclúa compromisos asinados, obxectivos concretos, financiamento e reunión, é dicir, que se faga en colaboración coa xente que vive e traballa no rural. E un plan que inclúa formación e proximidade, porque deste país abandonouse a formación, que non é só dar un curso de cando en cando. Necesítase unha administración máis pendente do rural. Non abonda con dar cartos a unha iniciativa nova, hai que formar esas iniciativas novas e estar ao pé delas, axudándolles, facendo seguimento", propón.
Isabel Vilalba: "hai cuestións básicas como protexer o solo para ese uso alimentario. Pero é fundamental tamén crear as condicións para que as persoas que queren dedicarse a producir alimentos non atopen unha carreira de obstáculos ao seu paso"
Mentres, Isabel Vilalba reclama que "hai cuestións básicas como protexer o solo para ese uso alimentario. Pero é fundamental tamén crear as condicións para que as persoas que queren dedicarse a producir alimentos non atopen unha carreira de obstáculos ao seu paso". "Hoxe todo son dificultades, en primeiro lugar non hai ningún programa para que lles sexa accesible a terra; non hai plan para favorecer o acceso a vivenda, por moito que hai vivendas e vivendas abandonadas; póñense pegas para que poidan comercializar os seus produtos, comezando polas dificultades que existen nos mercados de abastos, as eivas nas canles locais...", denuncia. "Como sociedade non lle demos a importancia que ten a que estas persoas poidan producir alimentos de proximidade, saudables e fomentando opcións de creación de emprego nas zonas rurais", critica.