Hai uns días, nunha mesa dun café, varias persoas debatían como era posible que os produtos de horta fosen tan caros. Lembraban que na súa propia casa, cebolas, verzas, grelos ou repolos habíaos durante todo o inverno. As nais, as tías, as avoas (sempre elas) tiñan cantidade suficiente para alimentar á familia durante a semana. Sen gastaren practicamente un patacón.
Hai uns días, nunha mesa dun café, varias persoas debatían como era posible que os produtos de horta fosen tan caros. Lembraban que na súa propia casa, cebolas, verzas, grelos ou repolos habíaos durante todo o inverno
A observadora informada diríalles que todo é consecuencia do troco de modelo produtivo agrario. Mesmo podería explicarlles que se trata da evolución lóxica despois da lenta pero imparable conversión dos espazos agrícolas galegos desde hai 70 anos. Que o proceso, lonxe de frearse, tende a acelerarse para ser xa algo distinto na actualidade. A observadora, que non é inxenua pero tampouco vidente, podería contarlles que as decisións políticas nas que tamén participan as persoas da mesa, os hábitos de consumo, a redución da poboación rural e a explotación comercial capitalista están detrás da dinámica da que se queixan. Mesmo podería explicarlles que o modelo do que con tanta saudade se fala contiña aspectos perniciosos froito dun tempo e dun xeito de explotación vencellado ao territorio, si, pero que supuña condicións de vida para a xente do rural que ninguén hoxe quixera para si.
Algunha das voces da mesa, resistíndose a aceptar a realidade tal como é, insiste en que nada hai coma os ovos da casa e os tomates que plantaba súa nai. Polo medio non faltará quen afirme que nas hortalizas de hoxe non se pode confiar, porque son todo químicos e abonos e quen sabe que máis. Como se o esterco, o quince-quince ou o “sulfato” que se lles botaba, porque senón a peste non deixa nin o primeiro, non fosen químicos tamén.
A horta galega conta con pouco máis de un milleiro de explotacións de carácter profesional. Moitas delas resisten e móvense con pouca axuda oficial por ser concibida para superficies e investimentos que non se adaptan ao seu tamaño e modo produtivo
Sabéndose excluída desa parte do debate, no que existe unha afirmación sen datos pero tan incuestionable coma unha verdade universal que asombra calquera argumentación, a observadora dirixiría os pensamentos cara un cuestión á que na mesa non se chegará probablemente: Por que, tendo un pasado produtor, a horticultura galega ten tan pouca presenza? Realmente non podemos producir horta?
Respondéndose a sí mesma, a observadora botaría un ollo ao que din os datos: A horta galega conta con pouco máis de un milleiro de explotacións de carácter profesional. Moitas delas resisten e móvense con pouca axuda oficial por ser concibida para superficies e investimentos que non se adaptan ao seu tamaño e modo produtivo. A explicación é longa e ben merecería un artigo de seu, pero sirva como premisa que tanto as axudas da PAC como as de incorporación de mozas e modernización orientáronse maiormente a primar a quen se acollía a unha granxa preexistente ou tiña un bo desempeño xa de partida.
A produción hortícola foi ficando reducida a unhas poucas áreas: o Baixo Miño, o Salnés, os arredores do Ulla, a zona de A Laracha e Carballo, as Mariñas Coruñesas e a Mariña de Lugo. Tamén algunha explotación na zona sur de Lugo e en Ourense. Aínda cunha distribución irregular, o certo é que a probabilidade de dar con algunha horta profesional é cada vez menor e menos aínda se as procuramos no interior do País.
As explotacións aguantan sobre todo porque realizan un esforzo brutal na mellora tanto da súa base tecnolóxica como territorial. Un esforzo que non se ve recompensado a miúdo pois o referente de competencia sitúase nun mercado repleto de produtos chegados de moi lonxe
O destino comercial das producións hortícolas galegas é dual: Por unha banda o mercado local (restauración, pequena tenda e mercados e feiras) e por outra, con tendencia ascendente, o mercado ao maior (cadeas de distribución, medianos e grandes comercializadores de verduras). A pequena distribución galega sufriu unha forte contracción nas últimas décadas mentres que a grande experimenta un proceso de concentración reducindo as mans ás que vender os produtos hortícolas, co conseguinte impacto nos prezos.
Con todo as explotacións aguantan sobre todo porque realizan un esforzo brutal na mellora tanto da súa base tecnolóxica como territorial. Un esforzo que non se ve recompensado a miúdo pois o referente de competencia sitúase nun mercado repleto de produtos chegados de moi lonxe, con calidades e variedades vexetais impostas pola enxurrada coa que redes de transporte e distribución asolagan os expositores. Un esforzo que non ten marxes nin capital para campañas de promoción e/ou publicidade. Un esforzo sen premio polas etiquetaxes que non xogan a favor nin do produtor/a nin da consumidora, porque se esconden ou que se descoñecen.
Supervivencia é unha palabra que as nosas horticultoras coñecen ben. A súa loita cotián sitúase alén das prácticas que as persoas consumidoras realizamos a diario. Claro que hai retos para as explotacións. Algúns deles implican esforzarse na mellora tecnolóxica e produtiva, no aumento da base territorial, na planificación dos cultivos que permitan cubrir axeitadamente as demandas de proximidade e da distribución. Outros o traballo cooperativo, colaborativo, en conxunto, que permita mellorar os rendementos no traballo e cubrir os ocos que o consumo demanda.
A cidadanía que imos á tenda a diario e botamos de menos ás mulleres que nos mantiñan, somos directas implicadas no desenvolvemento da horta galega. Cómprenos a nós ollar as etiquetas, procurar a orixe e demandala se non está á vista. Fai máis un consumidor informado que unha campaña publicitaria
A observadora informada sabe que cada metro cadrado de horta en Galiza pode producir ata 14 veces máis do que un metro cadrado dedicado a gandería. Pero tamén sabe que non se trata de substituír unha cousa pola outra, senón racionalizar tanto os usos do territorio como darlle unha oportunidade a novas zonas de produción sen esquecer aquelas xa asentadas.
Non cabe dúbida que isto implica algo máis que á propia produtora. A cidadanía que imos á tenda a diario, que tomamos café e botamos de menos ás mulleres que nos mantiñan, somos directas implicadas no desenvolvemento da horta galega. Cómprenos a nós ollar as etiquetas, procurar a orixe e demandala se non está á vista. Fai máis un consumidor informado que unha campaña publicitaria.
A tarefa de pór en valor e de desenvolver a horta galega implica moitos vértices. O do sector comercial, o do sector produtor e desde logo o do sector consumidor. Pero non podemos esquecer o ámbito da política. Todas as intencións anteriores están moi ben, pero sen a parte onde se toman as decisións, pouco poden facer aqueles que están na banda menos empoderada. Esta é, xa que logo, a labor que lle corresponde a Administración.
Existe, si, unha horticultura galega, real, alén do probable. Pero require dunha aposta decidida por ela, para que o lamento de tela abandonada non sexa unha conversa do café do futuro das nosas fillas
Regular e arbitrar, poñer os medios para garantir a equidade nos mercados, nas etiquetaxes, na promoción e garantías dos produtos galegos. Velaquí xa que logo un elo fundamental na cadea que leva moito, demasiado tempo obviando o papel que debera ter tanto no control como na promoción e valorización do sector. Apostando pola mellora tecnolóxica e dotando servizos públicos de apoio ás explotacións, alí onde precisamente, están faltos do mesmo. É imposible competir cando a desigualdade é tan atroz. Por iso, precisamente, o papel político ten que ser fundamental.
Existe, si, unha horticultura galega, real, alén do probable. Pero require dunha aposta decidida por ela, para que o lamento de tela abandonada non sexa unha conversa do café do futuro das nosas fillas cando nunha cafetaría lembren que algunha vez na súa mocidade mercaban tomates do Rosal ou so Salnés, cebolas da Limia ou allos porros de Mondoñedo.