Moitas causas, unha morea de factores e unha protesta na que conflúen todos. O rural galego acumula tempo en crise, intensificada desde hai uns meses pola suba dos custos de produción, agudizada pola guerra da Ucraína e levada ao límite pola paralización do transporte ata conformar a tormenta perfecta. A protesta dos transportistas afoga moitas explotacións agrícolas e gandeiras afectadas de cheo por un paro que, malia coincidir con parte das súas demandas, está a piques de botarlles a campa e sitúa o campo galego "no peor momento da historia".
Así o definen sindicatos agrarios e os propios gandeiros. Óscar Blanco, presidente de Gandeiros de Mazaricos e á fronte dunha explotación con 130 vacas de muxidura, teno claro: "Vimos dunha época arrastrando custos de produción altísimos, con importantes subas da luz e dos combustibles, e agora o paro dos transportistas tenos paralizados... É o peor momento da historia", reitera. Xa tivo que tirar 3.000 litros de leite por falta de recollida e pide unha solución "urxente e a curto prazo" para que os camións "comecen a moverse e se poida sacar o produto almacenado".
"Non estamos en contra da protesta dos transportistas e entendemos a súa situación", explica Blanco, que lembra que en poucos meses "triplicouse" o prezo da electricidade, dos fertilizantes e doutras materias primas, provocando unha crise que a parálise no transporte pode converter en definitiva para moitas granxas.
A finais do pasado ano as protestas centrábanse xa en reclamar a suba do prezo do leite en orixe ou da carne aos gandeiros pola importante suba dos custos de produción e ante a imposibilidade de cubrir custos. Desde aquela, subiu aínda máis a electricidade, a escalada dos carburantes non se detén e os pensos, que manteñen o incremento, escasean pola perda do celeiro que supuña Ucraína e a protesta dos transportistas que dificulta a súa chegada ás granxas. O leite, igual de mal pagado malia a lixeira suba, a tirarse en moitas explotacións e granxas avícolas ou porcinas colapsadas polo mesmo problema.
Á suba dos custos de produción, agora agravada pola guerra, súmase o bloqueo do transporte: "É unha situación dramática"
Neste mesmo luns, Unións Agrarias (UUAA) mobilizouse ante a Delegación do Goberno na Coruña "contra o bloqueo das granxas" e esixiu, en reunión co delegado, "garantías absolutas" na recollida do leite e no subministro do cereal necesario para a alimentación do gando, así como na saída da produción das industrias cara aos puntos de venda. Denuncian que non se dá desde hai unha semana e que ten as explotacións "contra as cordas". "A gandería non pode seguir sendo refén dos transportistas", advirte o sindicato.
Ao tempo, tractores de gandeiros uníronse en Santiago este luns ás demandas dos transportistas, que suman unha semana nun paro que está a afectar de cheo moitas granxas. Comparten demandas malia que, en moitos casos, as protestas duns acaben por prexudicar outros.
"Non ten moita lóxica que liguemos a nosa sorte á dos transportistas porque eles teñen unha soa pata na reivindicación: as condicións laborais e os prezos dos carburantes", asegura Roberto García, secretario xeral de UUAA, que cre que "non ten pés nin cabeza" pensar que "a solución no transporte vai ser a solución dos gandeiros".
"Teñen o rural como refén; non ten moita lóxica que o sector gandeiro ligue a súa sorte á dos transportistas", critica Roberto García (UUAA)
García é moi crítico con que non se respecten "dous elementos sagrados" no paro dos camioneiros: "A alimentación dos animais e a recollida dos produtos, sexa leite ou becerros, non pode estar condicionada".
"Os transportistas teñen o rural como refén, seguramente de maneira non intencionada", insiste, tras censurar que gandeiros se unisen cos seus tractores ás protestas deste luns. "Posiblemente teñan outro tipo de intereses ou non se pararan a analizar a situación, pero quen lles deu cobertura só pode facelo se non tivo que tirar leite", engadiu quen lembra que nas explotacións "non se pode parar nin a alimentación dos animais nin a muxidura".
Desde o Sindicato Labrego Galego (SLG), a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba, cre que "a maioría da xente que saiu este luns á estrada, en camións ou en tractores, son persoas traballadoras que sofren a suba dos custos de produción e a imposibilidade de repercutilas nos seus produtos, que os pon nunha grave dificultade de supervivencia".
"A maioría dos que saen á estrada, en camións ou en tractores, son persoas traballadoras que sofren a suba dos custos de produción", di Vilalba (SLG)
"Por iso é necesario tomar medidas inmediatas", advirte quen cre "razoable que gandeiros ou transportistas reclamen que nos prezos agrarios ou na contratación dos seus servizos se repercutan os custos de produción, ou que en bens básicos como os carburantes haxa unha intervención do mercado que free a especulación e as grandes ganancias dos oligopolios". "Precisamos unha atención urxente ás necesidades comúns destes sectores", engade.
Outra cousa, aclara, é manifestarse xunto a "señoritos a cabalo, grandes perceptores de axudas PAC e que defenden modelos que son causa da destrución do medio rural e de que non se apoien modelos máis sustentables e sociais". Dio en referencia á manifestación que "polo mundo rural" percorreu o pasado domingo Madrid.
A manifestación que xuntou milleiros de persoas reivindicou prezos xustos para o campo, un plan de choque polo incremento dos custos de produción, a redución das tarifas eléctricas ou a aplicación da Lei de Cadea Alimentaria, pero tamén a "defensa, promoción e difusión da caza ante as políticas ecoanimalistas de Europa", o apoio á tauromaquia e ás actividades gandeiras derivadas dela ou a "conservación das tradicións, usos e costumes" do campo.
"É inevitable que a dereita apareza para tirar a foto", argumenta Roberto García, presente como líder de UUAA nunha marcha que considera "un éxito", que apoiou a Xunta e á que acudiron líderes do PP, Vox ou Ciudadanos. "Foi unha anécdota que houbo quen quixo dar máis importancia", insistiu.
Vilalba, pola súa banda, sinala o paradoxo de que a marcha acabase xuntando "organizacións políticas que seguen apostando pola globalización económica, pola especulación e por protexer os intereses do gran capital" fronte aos do mundo rural, labregos e gandeiros.
Sexa como for, o SLG coincide na "dramática situación" do rural nesta altura e denuncia a "pasividade total das administracións mentres hai explotacións tirando leite ou ás que non lles dá chegado o cereal para os animais". "Precisamos solucións a curto prazo e outras a medio e longo prazo para o que é o grave problema estrutural que sofre o agro e un modelo que non é sustentable", di coincidindo coa diagnose de Óscar Blanco, que este luns foi un dos gandeiros de Mazaricos que se reuniu co conselleiro do Medio Rural, José González. "Primeiro o urxente, pero o agro galego ten un problema de moi lonxe que hai que abordar", di.
A Xunta, ante a crítica situación, instou o Goberno central a reunirse coa plataforma convocante do paro do transporte para buscar unha solución "dialogada", así como a que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria e que o Ministerio de Agricultura se "reúna inmediatamente coa distribución, coa industria e coa gandaría para, canto antes, acordar unha suba do prezo dos produtos que están percibindo os gandeiros".
"Temos unha ferramenta para corrixir as calamidades e esixir que non se poida pagar por baixo do que custa producir", advirte Roberto García (UUAA)
Desde UUAA, Roberto García, coincide en sinalar o momento como "o peor" do agro pero cunha "diferenza fundamental" con respecto a outras crises: a Lei da Cadea Alimentaria. "Temos unha ferramenta para corrixir todas as calamidades e a maneira legal de esixir que non se poida pagar por baixo do que custa producir", explica.
"Temos que esixirlle ao Goberno central e á Xunta que se cumpra a lei", insiste García, que advirte da urxencia por parar unha situación inviable no agro: "Vendendo a perdas, co incremento dos prezos da enerxía, dos carburantes e dos fertilizantes e cun paro de transportes que nos impide garantir a alimentación dos animais ou darlle saída aos nosos produtos".
Entre transportistas e gandeiros, unha reivindicación común básica que resumía a pancarta que lucía un dos camións que percorreu unha das marchas lentas que este luns colapsou o tráfico en varias cidades galegas no oitavo día de paro: "Queremos traballar sen nos arruinar". No fondo, dous sectores afectados pola suba acelerada dos custos de produción e a actual solución xeopolítica e económica, pero que afrontan o problema de maneira moi diferente. E con ben diferentes altofalantes.