Os custos de produción abafan o sector agrogandeiro dende que a actividade económica retomou unha relativa normalidade tras os peores meses da pandemia da COVID. Xa a finais de 2021 os sindicatos agrarios desenvolvían mobilizacións para reclamar prezos xustos e coberturas duns custos que agora se disparan aínda máis entre a vaga expansiva da guerra na Ucraína, dende os combustibles aos pensos.
A situación agrávase aínda máis nos últimos días co paro no sector dos transportes. Sen unha folga formalmente convocada e á marxe das grandes plataformas do sector, os camións parados provocan que o leite non se recolla e que non cheguen materias primas esenciais para a produción e o sostemento das explotacións.
Con este pano de fondo chegou, este domingo, a manifestación convocada en Madrid por diferentes organizacións baixo o lema El mundo rural despierta. Os apoios da marcha foron dispares e tamén as reivindicacións que nela confluíron ou se mesturaron: dende o cumprimento efectivo da nova lei da cadea alimentaria, aprobada a finais de 2021 e que prohibe a venda a perdas, ata rebaixas nos prezos do combustible, pero tamén unha defensa xeral da caza ou unha crítica xeral contra o Goberno do PSOE e Unidas Podemos.
A manifestación chegou tras meses co sector agrogandeiro abafado polas subas dos custos de produción e nela mesturáronse organizacións e reivindicacións moi dispares, dende o cumprimento da xa vixente lei da cadea alimentaria para evitar a venda a perdas ata a defensa de cazadores e toureiros
Mostra desta heteroxeneidade foi tamén as concorrencia galega na manifestación. A ela acudiu o sindicato Unións Agrarias (membro da COAG), tradicionalmente próximo ao PSdeG, pero tamén unha delegación da Xunta co conselleiro do Medio Rural á cabeza, así como destacados membros do PPdeG. No eido estatal, á mobilización acudiron representantes das direccións do PP, Vox e Ciudadanos. Tanto os populares como a formación da extrema dereita votaron contra a lei da cadea alimentaria cando, o pasado 2021, recibiu o visto e prace definitivo do Congreso. Previamente, abstivéranse na votación do conxunto do texto legal.
Neste contexto, Unións Agrarias manifesta que "a gandaría está coa auga ao pescozo" e por iso a Xunta e o Goberno central "non poden ignoralo", a comezar por non permitir que o incumprimento da lei da cadea alimentaria non teña "consecuencias", din. Tamén cómpre, manifestan, "un plan de apoio que inxecte liquidez e saque do pozo ás explotacións" porque "a situación é límite e o tempo esgótase". O sindicato vólvese mobilizar este luns na Coruña.
Por parte do Goberno galego, o conselleiro do Medio Rural, José González, asegura que é un "orgullo" asistir a unha "manifestación na que vemos a todas as organizacións agrarias xuntas" e convocada, di, para trasladar ao "Goberno nacional" que "ten que lexislar por un sector de moito futuro". Matiza González que, en rigor, a lei da cadea alimentaria xa foi impulsada polo actual Executivo central, polo que requiren o seu "cumprimento". Acudiu tamén, di, para reclamar que o Ministerio de Transportes "dialogue" cos convocantes do paro para evitar o bloqueo das explotacións.
Na táboa reivindicativa defendida por Unións Agrarias e verbalizada polo titular de Medio Rural non figurou o que si defenderon outras das organizacións que acudiron á mobilizacións, algunhas delas apoiadas por toureiros, tales como a Federación Española de Caza o ou a Unión de Criadores del Toro de Lidia. No seu caso, defenden que a protesta foi para preservar tamén as "tradicións", os "usos e costumes" e un "modo de vida" que, ao seu xuízo, está ameazado polo PSOE e Unidas Podemos.