A Audiencia Nacional considera que o novo recurso da Xunta sobre as medidas de protección do lobo inclúe “afirmacións non apoiadas en datos obxectivos” e volve rexeitar a suspensión da súa aplicación porque “debe prevalecer o interese xeral de conservación da especie”
A Audiencia Nacional volve desestimar as peticións da Xunta para paralizar a aplicación da orde do Ministerio para a Transición Ecolóxica na que se inclúe o lobo no listado de especies silvestres en réxime de protección especial. Desta maneira, o lobo xa non pode ser cazado excepto que se documenten ataques sistemáticos destes animais nunha zona concreta.
A Xunta impugnou a orde do Ministerio pola que se obriga a unha maior protección do lobo en canto saíu aprobada o pasado mes de setembro. O Goberno galego argumentou que se trataba dunha medida negativa para as persoas que se dedican á gandaría no rural polo que solitou unha suspensión cautelar da súa entrada en vigor. E a Audiencia Nacional xa se pronunciou en decembro rexeitando esta opción, pero esta decisión volveu ser recorrida desde a Consellería de Medio Ambiente.
Entre os argumentos da Xunta figura que “non sempre o dano derivado do ataque do lobo ao gando é integramente reparable” e que “o sistema implandado pola orde engade conflitividade e xenera alarma social que non é reparable”. Porén, a Abogacía do Estado móstrase contraria á suspensión cautelar que volveu reclamar a Xunta porque “as cuestións plantexadas” son “as mesmas” que as da solicitude que xa foi denegada.
Esta resolución da Audiencia Nacional non significa que estea decidida a legalidade do fondo da orde ministerial, pois aínda non hai sentenza. O que sucede é que mentres se tramita o procedemento non se suspende a vixencia da norma, como estaba demandando a Xunta. Polo tanto, as medidas para unha maior protección da poboación de lobos seguen en vigor.
“Acordar a suspensión da execución da orde recorrida supondría que o lobo se podería seguir cazando en Galicia, o que suporía un dano irreversible e irreparable”, defende o auto da Audiencia, que indice en que “debe prevalecer o interese xeral de conservación da especie” sobre os "posibles danos económicos" causados por este animal ás explotacións gandeiras.
A respecto da “conflitividade social” e da “inseguridade xurídica” que defende a Xunta no seu recurso, como efectos secundarios da vixencia desta orde de protección sobre o lobo, a Audiencia sinala que son “afirmacións non apoiadas en datos obxectivos” e que “responden a intereses distintos".