A Audiencia Nacional rexeita a petición da Xunta de paralizar a orde ministerial que protexe máis o lobo

Exemplares de lobo ibérico CC-BY-SA Juan José González Vega

O tribunal di que á espera de analizar o fondo da cuestión debe evitarse o “dano irreversible e irreparable” que suporía a caza dun animal protexido mentres que os ataques ao gando “serían prexuízos reparables economicamente”

A Audiencia Nacional vén de emitir este mércores un auto no que desestima a medida cautelar solicitada pola Xunta para que se suspendese a aplicación da Orde ministerial que eleva o nivel de protección do lobo. O tribunal di que á espera de analizar o fondo da cuestión debe evitarse o “dano irreversible e irreparable” que suporía a caza dun animal protexido mentres que os ataques ao gando “serían prexuízos reparables economicamente”. 

O auto agora emitido di que na súa argumentación a Xunta defendeu que “a conservación das poboacións de lobo ibérico en Galicia presenta un estado favorable”. Unha afirmación que fai malia admitir o propio Goberno galego que o último censo de lobos en Galicia é de 2015 e encargar este mesmo ano outro aínda non finalizado.

Auto da Audiencia Nacional que rexeita a medida cautelar pedida pola Xunta para non aplicar a orde ministerial que protexe máis ao lobo CC-BY-SA Praza Pública

Pola súa banda, o Goberno de España defendeu que a Orde “non supón, en ningún caso, unha invasión das competencias cinexéticas das comunidades autónomas” xa que “a facultade de protección do medio ambiente e biodiversidade trátase dunha competencia exclusiva do Estado con arranxo ao artigo 149.1 da Constitución”. O Estado tamén rexeita que a orde afecte ao modelo de axudas establecido pola Xunta aos gandeiros para previr ataques de lobos xa que “a orde recorrida non só no prohibe, senón que ademais fomenta as medidas de prevención, sempre e cando non teñan un carácter lesivo para a especie protexida”.

A Xunta defendeu que “a conservación das poboacións de lobo ibérico en Galicia presenta un estado favorable” malia admitir ela mesma que o último censo é de 2015 e encargar agora un novo

A Audiencia Nacional inicia a súa argumentación sobre a medida cautelar solicitada pola Xunta salientando que “a maior parte das alegacións da recorrente fan referencia a cuestións de fondo do recurso”, sobre se o lobo aumentou ou non a súa poboación ou o seu hábitat. Pero o tribunal rexeita entrar en prexulgar o fondo do asunto.

O auto di que “acordar a suspensión da execución da Orde recorrida tería como consecuencia que o lobo poderíase seguir cazando en Galicia, o que suporía un dano irreversible e irreparable”. Pola contra, engade, “os posibles danos ao gando polos ataques do lobo de continuarse coa aplicación da Orde impugnada, serían prexuízos reparables economicamente, é dicir, poderían ser obxecto dunha indemnización a través das canles legalmente establecidas ao efecto”. Por iso, conclúe, “no caso que nos ocupa, debe prevalecer o interese xeral de conservación da especie sobre eses posibles danos económicos”. 

Un exemplar de lobo ibérico CC-BY 3Dinaani

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.