Hai un tempo falaba cun colega, biólogo. O asunto do lobo saíu na conversa e comentei algo que repito a miúdo: o lobo é a proba do algodón do compromiso coa conservación da natureza, non só aquí, senón en todo o hemisferio norte. Puxo cara de non entender o que evidenciou a diferenza de idade entre ambos. Hai anos, nun anuncio dun produto de limpeza, un mordomo pasaba un algodón por un aparentemente impoluto azulexo mostrando que, contrariamente ao agardado, quedaba un rastro de sucidade: “el algodón no engaña”, dicíalle á asombrada muller ao cargo da limpeza do fogar (eran outros tempos).
Observar como toman posición colectivos e persoas co lobo é a proba do algodón. Ter unha postura aparentemente comprometida con moitos outros asuntos ambientais é realmente doado. O lobo ten unha carga cultural, histórica e social incomparable, polo que mostrarse a favor da súa conservación non é equiparable a ter unha posición favorable a conservar o Amazonas, os osos panda ou os golfiños dalgún lonxano arquipélago.
Quizais por esa razón, cando se fala de lobos a cantidade de ruído é enxordecedora. Aquí poderiamos dicir que esa cantidade de ruído impide que os diferentes actores se escoiten entre si, pero sería mentira. O ruído vén de sectores e posicións moi concretas con fins tanxenciais ao lobo e a súa relación co medio natural, social e económico no que se desenvolve. Vexamos por que.
Un pouco de contexto
A lexislación galega e a española están supeditadas á lexislación europea e aos convenios internacionais que o Estado teña a ben asinar. Un destes convenios foi o de Berna, asinado polo Estado Español e publicado en outubro do ano 1986. Segundo este convenio o lobo está protexido en España dende ese momento. Pero non foi así: alguén “esqueceu” incluílo nas leis españolas derivadas de dito convenio. Polo tanto España leva incumprindo o convenio 35 anos. A lei de Patrimonio Natural (lei 42 do ano 2007 baixo goberno do PSOE) tamén volveu “esquecer” o lobo e “esquece” cumprir coa lexislación europea, concretamente coa Directiva 92/43/CEE, coñecida como “directiva de hábitats” situando ao lobo nunha inexplicable posición onde se poñen portas ao campo, por exemplo, distinguindo entre poboacións ao norte/sur do río Douro. É neste contexto cando finalmente unha pequena ONG, ASCEL (Asociación para a conservación e estudio do lobo ibérico) solicita ao Ministerio correspondente incluír o lobo no Catálogo Español de Especies Ameazadas. Este tipo de solicitudes poden ser realizadas por calquera persoa u organización tal e como se recolle no Real Decreto 139/2011 que desenvolve o Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial dando cumprimento á citada lei 42/2007. Trátase, polo tanto, dun procedemento regulado. Coñecelo e entendelo é elemental. Se non se comprende non pode haber debate ningún.
A primeira conclusión é que non é un capricho da ministra ou do goberno que atenden, a súa vez, a un capricho duns ecoloxistas silvestres. É, un procedemento regulado ao que calquera goberno se vería obrigado e este faino porque non queda outro remedio
As solicitudes trasládanse a un comité científico independente que examina e ve se se axusta á realidade biolóxica e xurídica. Neste caso a conclusión foi que o lobo debe estar no LESPRE (“Listado de Especies Silvestres en Régimen de Protección Especial”). A primeira conclusión, polo tanto, é que non é un capricho da Ministra ou do goberno que atenden, a súa vez, a un capricho duns ecoloxistas silvestres. Trátase, repito, dun procedemento regulado ao que calquera goberno se tería visto obrigado, e este faino porque non queda outro remedio, nada máis. Non me resisto, porén, a comentar que estando o PP no goberno, con Mariano Rajoy de presidente, unha proposta equiparable chegou ao Ministerio correspondente por parte dun concello galego, o de Teo, que solicitaba a inclusión do eucalipto no Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras. O comité científico concluíu que debería ser incluído en dito catálogo e o que fixo o goberno popular foi cesar ao comité científico e substituílo por un comité acientífico con membros de parte. Un bochorno que socava as raíces da democracia e resulta propio de estados profundamente corruptos e ignorantes por non dicir de réximes totalitarios.
Por que debe estar o lobo protexido?
En 1995 o biólogo mariño Daniel Pauly publicou un artigo breve pero de gran impacto, o seu título: “Anecdotes and the shifting baseline syndrome of fisheries” 1. Nel dilucidaba precisamente o concepto que podemos traducir como síndrome das referencias móbiles ou das bases cambiantes. Vén a explicar como cada xeración, científicos incluídos, tomaría como referencia do tamaño dunha poboación (de peixes, aves, mamíferos, insectos...) o tamaño desta durante a súa infancia ou xuventude e así, xeración tras xeración, tomamos como referencia “normal” o tamaño, máis cativo, da xeración anterior, levándonos a subestimar o declive constante das poboacións de calquera organismo da fauna salvaxe ou, incluso, de ecosistemas enteiros.
Isto ocorre co lobo na península Ibérica: aínda hoxe tense como referencia da súa poboación o tamaño nos anos 70, momento no que os lobos atravesaron un funil poboacional que os puxo ao borde da extinción. A partir dese momento o abandono demográfico por parte das persoas que emigraron do campo cara ás cidades e a prohibición do veleno, foron permitindo unha lixeira recuperación desta e doutras especies en diferentes lugares. Pero aquí ven o efecto da síndrome: as súas poboacións orixinais, considerando como tales as anteriores aos anos 50, distan moito de estaren recuperadas, non só numericamente senón tamén xeograficamente.
Cando se fala precisamente de números pódense dar as cifras oficiais provenientes de dúas estimas poboacionais, unha de 19902 e a seguinte de 2016 3 que son respectivamente 300 e 297 grupos familiares ou mandas. En Galicia o número de mandas sería de 90, algunhas delas compartidas coas comunidades veciñas e Portugal. Cómpre dicir que non se pode falar de individuos ou exemplares porque non son estimables de xeito fiable e varían ao longo do ano debido a altísima mortalidade da especie entre finais de verán e o inicio da primavera seguinte. Aínda así danse cifras. E aquí comezamos a ter un problema porque habería que coñecer o número de exemplares medio que compón cada grupo familiar. En Portugal, onde a especie está estritamente protexida, o seu plan de conservación estima 4,5 exemplares por manda, mentres que o Plan de Xestión da Xunta de Galicia estima 9, xusto o duplo. Obviamente esta diferencia numérica apenas esconde un interesado sesgo sobre a protección da especie ou non. A realidade en Galicia e no resto de España estaría máis próxima á cifra dada por un estado máis serio como é o portugués. Sería concretamente dunha media de 3,1 a 4,2 dependendo do momento do ano 4. Moi lonxe dos 9 da Xunta.
Non hai máis lobos que nos últimos 30 anos e esa cifra é moi inferior á existente en tempos históricos. A súa área de distribución non se estende senón que se recorta
Por outra banda vemos como pasan os anos e a poboación segue estancada por mor da caza, legal e furtiva, así como á mortalidade asociada a atropelos que impiden a expansión natural da especie pola súa área de distribución orixinal e, incluso, que cumpran axeitadamente os seus labores ecosistémicos. Se atendemos, ademais, á súa distribución territorial, vemos como esta foi minguando pouco a pouco. Curiosamente políticos de diversa pelaxe e prensa dan por feito que o lobo está en “expansión” e que cada vez hai máis.
Non é iso todo en canto a cifras. Se consideramos os números que se dan ao público, que veñen de multiplicar o número de mandas por 8, 9 ou incluso 10, poderíamos caer na tentación de pensar que é unha cifra elevada, pero esa cifra sería a poboación total, ben diferente da poboación efectiva, isto é, que número de exemplares son reprodutores. Como todo o mundo debería saber, nos grupos de lobo non se reproducen todos os individuos, só a parella dominante, polo que a poboación real reprodutora é moito menor. Isto é particularmente preocupante se temos en conta que a poboación atravesou unha crise demográfica nos 50-70 do pasado século, o que significa un colo de botella xenético. Perder un só individuo pode, por mero azar, limitar fortemente a variabilidade xenética e polo tanto comprometer a viabilidade da especie.
É rechamante que haxa persoas anti lobo que opinan completamente en serio que se protexemos ao lobo a súa poboación medrará ad infinitum. Ben, isto non é así, porque os depredadores apicais sempre teñen un número moi limitado de efectivos ademais de mecanismos que limitan o seu crecemento, xa que son territoriais e poden ter supresión reprodutiva de parte da súa poboación 5.
En definitiva: non hai máis lobos que nos últimos 30 anos e esa cifra é moi inferior á existente en tempos históricos. A súa área de distribución non se estende senón que se recorta. A súa poboación reprodutora é moi limitada 6.
Falando de cartos
Obviamente, se o lobo producira cero danos na gandería non habería polémica ningunha, pero a realidade é que produce danos. A cuestión entón é que volume, a quen e por que.
Se atendemos ao número de cabezas de gando existentes en comparación coas que se ven danadas, a porcentaxe é ridícula (estímase nun 0,5% da poboación total). Podemos pensar en raios, enfermidades varias que sen dúbida inciden incomparablemente máis na cabana gandeira, incluso se só consideramos a gandería extensiva ou semi extensiva. Son perfectamente consciente de que isto son afirmacións que valen para o colectivo, non para o individual, porque se un pequeno gandeiro perde un animal o problema é grande inda que para o colectivo sexa irrelevante.
Aínda que hai moitas e loables excepcións, moito gando é abandonado no monte sen coidados nin vixilancia real. Aquí están as explotacións vulnerables a ataques.
Agora ben, hai que considerar unha constelación de elementos. É un feito que o gando é moi pouco rendible. A gandería é un traballo duro, intenso, constante. E aquí aparecen as axudas da famosa PAC que son, en definitiva, as que permiten nalgúns casos continuar coa actividade e noutros gañar cartos doados. O que se oculta deliberadamente por parte das administracións (autonómicas e central) e sindicatos agrarios é que as axudas da PAC son condicionadas e que parte das condicións son de sostibilidade ambiental, non son un cheque en branco. Hai que cumprir determinadas condicións que as administracións autonómicas teñen que definir. Adianto: non o fan. Prefiren converter a PAC nun café para todos, tanto para os que teñen lobo no seu territorio como para os que non. Cométese así un fraude múltiple: en primeiro lugar, cara ao sector que pode chegar a pensar que as axudas da PAC lle pertencen por dereito divino; en segundo lugar co contribuínte europeo que ve malgastado parte dos seus impostos e por último á propia Unión Europea. Vén a ser un negociado de votos no rural con cartos alleos; negocio redondo.
En definitiva, o propio Estado Español, a través das súas administracións, crea un problema onde non o hai, ao non definir claramente que cuestións fan a unha explotación merecedora de axudas con condicionantes ambientais. Así que aquí débese comprender que o mantemento dunha especie clave nos ecosistemas como o lobo (ou calquera depredador apical) é algo que xa está pagado en todo o territorio.
Hoxe a gandería extensiva non ten nada que ver coa de hai 30 anos, xa non digamos 50. Aínda que hai moitas e loables excepcións, moito gando é abandonado no monte sen coidados nen vixilancia real. Aquí están as explotacións vulnerables a ataques. Débese reflexionar que se ben moitas persoas se reivindican gandeiros, o concepto mesmo de pastor foi borrado do mapa. Obviamente as ganderías que poñen medios e coidados, que poñen profesionalidade, teñen menos problemas.
Os lobos, como todos os predadores apicais, teñen efectos determinantes sobre os ecosistemas nos que viven. Un exemplo que podemos poñer na península Ibérica é a diferenza da incidencia da tuberculose bovina
Os lobos atacan tanto como se di? Causan tantos danos? Pois tampouco. Cando un animal aparece morto varias circunstancias poden terse dado. Unha delas é que a morte do animal se deba a, simplemente, cans. Os cans vagando pola paisaxe son un dos elefantes na habitación dos que ninguén fala. Non so hai que referirse a grupos de cans abandonados ou escapados senón incluso a cans con colar e nome, pero sen microchip, claro, que poden tranquilamente abandonar as súas casas por unhas horas e facer estragos. Dado o estado de invixilancia, ademais, no que se atopa moito gando, este poden morrer por diversas causas (unha delas que as vacas paran soas, vacas que foron xustamente seleccionadas para non parir soas, inda que isto daría para outro debate específico) e logo ser carroñeadas por, efectivamente, lobos, ou cans, ou ambos. En ocasións é posible dilucidar que pasou, en moitas outras, non. Deberíase implementar técnicas forenses que permitisen análises xenéticas, hoxe en día sinxelas e económicas, para entender o que pasa en cada evento e actuar en consecuencia. É un dato coñecido que no Reino Unido, onde o lobo leva extinguido dende a Idade Media, os gastos ocasionados por ataques de cans a años e ovellas ascenden a preto de 2 millóns de libras anuais.
Respecto a isto hai ademais que considerar que as administracións pagan os danos efectuados polo lobo. Claro que en moitas ocasións é un mecanismo avariado: burocracia e lentitude, unha combinación letal que tamén ten o polo contrario onde prosperan fraude e corrupción.
Ademais no balance nunca se pon a parte positiva. Os lobos, como todos os predadores apicais, teñen efectos determinantes sobre os ecosistemas nos que viven. Un exemplo que podemos poñer na península Ibérica é a diferencia da incidencia da tuberculose bovina no gando e nos ungulados silvestres comparando as áreas onde está presente o lobo coas que non o teñen. Como era de esperar, é moito menor nas áreas de lobo o que aforra millóns de euros ao ano e contribúe a unha maior seguridade alimentaria e sanitaria7. Só por esta razón pagaría a pena ter unha poboación de lobo sa e funcional en todo o territorio peninsular.
Control, xestión e outros eufemismos
A resposta dada polas diferentes administracións autonómicas alí onde hai lobo é matar. Nada máis. Podemos disfrazar o feito con “control”, “xestión”, “regulación”, etc, pero en definitiva é matar.
Levamos con esta política moitos anos. Funciona? Non. Están contentos os gandeiros? Non. A ver se vai ser que matar non serve para nada? A ver se vai ser que matar é contraproducente e incrementa os danos á cabana gandeira? Pois vai ser que así é.
Os lobos, sempre que poden cazan presas salvaxes, ao contrario que os cans que prefiren directamente gando, menor particularmente. Os lobos son animais sociais que para cazar necesitan estar en grupo, nas mandas mencionadas anteriormente. Se se lles da caza, as mandas desestrutúranse e polo tanto son incapaces de depredar sobre presas silvestres centrándose naquilo que máis risco ten: o gando. Polo tanto se queremos que haxa menos ataques de lobo ao gando é preciso deixar de cazar lobos. Un incremento puntual nos danos pode supoñer incluso unha diminución seria da poboación de lobo. Pode soar contraintuitivo pero así é tal e como se demostrou en moitos lugares do planeta8. É dicir, cazar lobos incrementa os danos a non ser que se faga de xeito masivo e “profesional” eliminando a máis do 30% da poboación anualmente 9. Esta postura, a día de hoxe, non é defendible e tampouco é viable económica ou tecnicamente por métodos legais.
Do resultado desta batalla vai depender que se lle siga a facer caso aos negacionistas da ciencia, aos terraplanistas da xestión da biodiversidade
Isto, sobre todo no contexto no que vivimos, logo de levar practicamente dous anos de pandemia a raiz da COVID-19 resulta de gran interese. A evidencia científica di algo contrastado e demostrado por investigadores tanto europeos como americanos pero moitos dos afectados, gandeiros, políticos, xestores e prensa e opinión pública fíanse de crenzas. Isto é moi serio e transcende a un mero debate sobre unha especie.
Trátase dunha discusión fundamental na que nos xogamos que tipo de sociedade queremos ser. Estamos optando por unha sociedade dirixida dende a superstición e a costume ou por unha sociedade na que se opta polo pensamento racional e a ciencia, nin máis nin menos. Máis que unha batalla ideolóxica é unha batalla civilizatoria. A dereita e non poucos despistados de esquerda xa escolleron bando. Iso é o que realmente está en xogo. Do resultado desta batalla vai depender que se lle siga a facer caso aos negacionistas da ciencia, aos terraplanistas da xestión da biodiversidade. Se un político anti-vacinas, a estas alturas, nos parece un ser ridículo, por que nos parecen respectables políticos que promoven o control letal? Todos neste momento temos en mente políticos de diversas procedencias partidarias e territoriais.
Quen quere matar lobos e por que
No gusto por matar lobos conflúen unha serie de intereses pouco confesables de negacionistas. Vexamos quen son:
1. Políticos diversos e algúns sindicalistas agrarios. Mentres existan os lobos poderán culpalos dos problemas do medio rural e crear unha gran cohesión grupal fronte a un inimigo común: os lobos e os “ecologetas”, seres mitolóxicos e vagos subvencionados que folgan nun sofá dun despacho e nunca pisaron o campo, contrasta o seu desaliño co luxo do despacho e o poder que teñen. Mentres, os problemas reais da destrución das rendas agrarias e da demolición cultural e social no medio rural, seguen aí. Non vaia a ser que de pronto non poidan tapar anos e anos de xestión nefasta; hai que lembrar que en Galicia, Castela, León, Cantabria e Asturias gobernan practicamente os mesmos dende a democracia e en todos estes anos o deterioro do rural, a todos os niveis, non parou. Rendas máis baixas, emigración, deterioro social e, por dicir algo directo, canais co prezo conxelado dende hai 3 décadas mentres que os custos soben. En definitiva, o lobo é unha cortina de fume que lles vén perfecta para tapar a súa inutilidade, a súa xestión patética. Que políticos autonómicos digan que o lobo acaba co medio rural logo de levar 40 anos desangrándose baixo o goberno dos seus partidos debería entrar na historia universal da hipocrisía. Mentres cole este discurso non hai que sentar a pensar e, o que sería peor, facer algo e poñer cartos enriba da mesa ou poñelos para algo útil. Sae máis a conta a demagoxia ruralista que poñer médicas, mestres, educación infantil, garderías, centros de día, transporte público real, fibra óptica ou discutir que pasa cos prezos das canais, evitando así, ademais, enfrontarse con quen realmente ten a tixola do rural polo mango. Todo ganancia. Aínda por riba, dende os gobernos autonómicos, como auténticos cuñados antisistema que son, fan chamamentos á incumprir a lexislación vixente. Tempos fascinantes.
Por certo, a caída das rendas agrarias e da demografía no rural é similar en zonas con e sen lobo. É máis, nalgúns lugares como Asturias a caída das rendas é peor nas zonas sen o depredador. A ver se as explicacións son outras.
2.- Os anticiencia e magufos varios: A ignorancia anticiencia leva a algúns a opoñerse a calquera cuestión que teña que ver co progreso científico. Nada novo. Aquí incluso podemos incluír a científicos con conflictos de intereses, pagados por administracións autonómicas “anti-lobo”; fan moito dano.
3. Urbanitas dificilmente encaixables. Simplemente persoas que non pertencen xa ao mundo rural pero que o reivindican dende unha visión ruralista romantizada e irreal cun rancio aroma a Ramiro Ledesma.
4. Cazadores. Non merece comentario ningún. Confunden privilexios con dereitos en todo caso.
O papel da prensa
A desinformación e a magufería como modelo de negocio é un xeito moi baixo de facer algo que nin remotamente pode lembrar ao xornalismo
A polémica non sería posible sen o papel da prensa actual. Non de toda obviamente, pero si desa prensa casposa que se arrastra polas barras dos bares da metade norte de España, dende Fisterra ata Aragón pasando polo norte de Castela, León e Asturias. O seu modus vivendi é o click-bait. Nada mellor que presentar a un lobo imaxinario que devora a avoa de Carapuchiña coa mesma ferocidade que a rabaños enteiros de gando. A desinformación e a magufería como modelo de negocio é un xeito moi baixo de facer algo que nin remotamente pode lembrar ao xornalismo. Quizais sorprenda saber que as informacións tendenciosas e alarmistas están en relación directa a un incremento das mortes de lobo, legal ou ilegalmente, e isto relacionase directamente con un incremento nos danos na cabana gandeira ao ano seguinte polo mecanismo explicado anteriormente 10.
O algodón non engana, a batalla cultural contra a biofobia, a superstición e o populismo está no monte.
1 Pauly, Daniel (1985). Anecdotes and the shifting baseline syndrome o fisheries. Trends in Ecology and Evolution, 10(10):430.
2 Blanco, J.C., Reig, S. & De la Cuesta, L. (1990). El lobo en España. Situación, problemática y apuntes sobre su ecología. ICONA. Madrid. 118 pp.
3 MAGRAMA (2016). Censo 2012-2014 de lobo ibérico (Canis lupus, Linnaeus, 1758) en España. Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente. Madrid.
4 Fernández-Gil, A., Quevedo, M., Barrientos, L.M., Nuño, A., Naves, J, de Gabriel, M., Ordiz, A. & Revilla, A. (2020). Pack size in humanized landscapes: the Iberian wolf population. Wildlife Biology, 2020.
5 Wallach et al. 2015. What is an apex predator? Oikos 124: 1453–1461
6 Echegaray, J. & Vilà, C. (2008). ¿Hay tantos lobos en España?. Quercus, 272: 80-81
7 E. Tanner, A. White, P. Acevedo, A. Balseiro, J. Marcos & C. Gortázar (2019). Wolves contribute to disease control in a multi-host system. Scientific Reports 9, Article number: 7940
8 Wielgus RB, Peebles KA. 2014. Effects of Wolf Mortality on Livestock Depredations. PLoS ONE 9: e113505
9 Bradley et al. 2015. Effects of Wolf Removal on Livestock Depredation Recurrence and Wolf Recovery in Montana, Idaho, and Wyoming. The Journal of Wildlife Management.
10 Fernández-Gil A, Naves J, Ordiz A, Quevedo M, Revilla E, Delibes M (2016) Conflict Misleads Large Carnivore Management and Conservation: Brown Bears and Wolves in Spain. PLoS ONE 11(3)