O ecoloxismo reclama da Xunta máis axudas á gandaría para compensar os ataques do lobo, que matan dúas mil reses ao ano

Un exemplar de lobo ibérico CC-BY 3Dinaani

Os ataques de lobos acabaron coa vida de 2.299 reses o pasado ano en Galicia, unha cifra semellante á dos tres anos anteriores, segundo os datos da Consellaría de Medio Ambiente da Xunta, que utiliza os prexuízos provocados á gandaría como o principal argumento para opoñerse á maior protección para o lobo aprobada polo Goberno central hai unha semana

Entre as vítimas do lobo destaca a ovella, que suma case a metade dos animais mortos cada ano (1.044 no 2020), seguida da vaca (667 o pasado ano) e xa con cifras máis cativas a cabra (298) e o cabalo (290)

Para a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, a medida deixa nunha situación “moi delicada" aos "gandeiros" e "á xente que vive no rural". A inclusión do lobo no Listado de Especies en Réxime de Protección Especial en todo o Estado siginifica que só se poderá cazar en Galicia en situacións excepcionais (cando se produzan ataques de importancia ao gando e previamente fallaran as medidas preventivas).

Segundo a propia Consellaría de Medio Ambiente, cada anos prodúcense en Galicia ao redor de 1.300 ataques de lobos, que deixan como resultado algo máis de dúas mil reses mortas. A cifra movérase entre 1.200 e 1.700 animais mortos entre 2010 e 2016, para aumentar de súpeto no ano 2017 (2.379) e posteriormente manterse estabilizada neste novo nivel.

As 1.044 ovellas mortas o pasado ano representan o 0,56% do total de ovellas existentes en Galicia. No caso das vacas, as 667 vítimas do lobo supoñen o 0,07% do total

Entre as vítimas do lobo destaca a ovella, que suma case a metade dos animais mortos cada ano (1.044 no 2020), seguida da vaca (667 o pasado ano) e xa con cifras máis cativas a cabra (298) e o cabalo (290). Lugo é a provincia que máis ataques de lobo rexistra, con mil animais mortos o pasado ano, seguida de Ourense (586) e A Coruña (551); a moita distancia aparece Pontevedra (162).

 

Aínda que as cifras poden semellar elevadas, deben ser postas en relación co número de reses existentes en Galicia. Así, por exemplo, as 1.044 ovellas mortas o pasado ano representan o 0,56% do total de ovellas existentes en Galicia. No caso das vacas, as 667 vítimas do lobo supoñen o 0,07% do total de 954.017. No das cabras, as 298 reses mortas foron o 0,66% do total. E, finalmente, no dos cabalos os 290 animais mortos representaron o 0,89% do total.

As organizacións ecoloxistas subliñan que a poboación de lobos leva dende os anos 80 estancada en Galicia

Dende os grupos ecoloxistas vén sinalándose o carácter "contraproducente" de moitos dos controis poboacionais de fauna salvaxe a través da caza, pois "non adoitan cumprir co seu fin" e "mesmo poden empeorar a situación", sinalaba ADEGA hai catro anos. A organización ambientalista pedía facer fincapé máis nas axudas aos gandeiros e non tanto na persecución do lobo, unha denuncia na que tamén incidiu na última semana Ecoloxistas en Acción, que demando "medidas de apoio á gandaría para solucionar os moitos problemas aos que se enfrontan, como son o prezo dos seus produtos, unha inadecuada PAC e a falta de apoio das administracións".

"Unha boa combinación entre as medidas preventivas e o pago de danos de maneira áxil é a mellor ferramenta para acadar unha solución permanente e minorar a conflitividade social asociada ao lobo"

O ecoloxismo denuncia o "fracaso na política de axudas por danos" e pídelle á Xunta máis axuda para o sector gandeiro. Así mesmo, alerta tamén dun "fracaso" na posta en marcha de medidas preventivas. "Deben dispoñerse recursos e asistencia técnica ás explotacións con danos recorrentes para tratar o motivo da permeabilidade desas ganderías aos ataques do lobo", sinalaba ADEGA. A entidade reclamaba como como solución "unha boa combinación entre as medidas preventivas e o pago de danos de maneira áxil", solicitando que "as axudas deben ser xenerosas e manter certo criterio de flexibilidade para os casos de dúbidas, nas que apesar de que o lobo non sexa o principal sospeitoso exista unha compoñente de ataque procedente de cánido".

ADEGA pedía "non esquecer" que o lobo neste momento "exerce unha función de 'aliado' fundamental na contención da propagación da poboación do xabaril"

As organizacións ecoloxistas subliñan, así mesmo, que a poboación de lobos leva dende os anos 80 estancada en Galicia, o mesmo que os ataques, sinalando ADEGA que o incremento que amosan as cifras da Xunta a partir do ano 2017 "puido ter máis a ver coa mellora no protocolo de recollida de avisos (servizo telefónico do 012) e co efecto do incremento das axudas que cun aumento real nos ataques".

Así mesmo, ADEGA pedía "non esquecer" que o lobo neste momento "exerce unha función de 'aliado' fundamental na contención da propagación da poboación do xabaril". "De cuantificarse o número de suídos que o lobo xestiona dentro do medio natural, cos consecuentes danos que se evitarían a cultivos, a cifra económica podería resultar sorprendente", dicía a asociación nun informe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.