O Goberno do PP recúa e ábrese á participación pública na eólica trece anos despois de renegar dela

Alfonso Rueda e Francisco Conde, na visita ao Parque Eólico Experimental de Sotavento, en Xermade CC-BY-SA Xunta

Hai agora trece anos, cando Alberto Núñez Feijóo aínda non cumprira doce meses en San Caetano, a Xunta aprobaba o novo concurso eólico, logo de tombar o do anterior goberno bipartito, e cumpría coa súa promesa -e a do PPdeG- de eliminar a participación pública nos proxectos. 

A Xunta do PP cualificou a participación pública na eólica impulsada polo bipartito de "atentado contra a liberdade de empresa" ou "tacha de legalidade directa e infranqueable"

Introducía así un canon de carácter finalista e medioambiental e, na propia lei que regulaba este canon e o aproveitamento eólico, deixaba clara a súa aposta por un modelo que "prescinde da participación pública como criterio de valoración nas autorizacións", algo que, aclaraba a Xunta, era un "extremo de substancial relevancia no anterior" e "incompatible" coa súa nova idea. 

Fora a culminación dunha batalla baseada na suposta inconstitucionalidade do concurso do goberno de coalición entre PSdeG e BNG, que garantía á Administración o 14% dos dividendos que xerarían os novos parques, precisamente por esa participación pública. O daquela conselleiro de Economía, Javier Guerra, considerábaa un "atentado contra a liberdade de empresa recollida na Constitución", mentres que o informe da asesoría xurídica da Xunta falaba de "tacha de legalidade directa e infranqueable". 

Alfonso Rueda e Francisco Conde, na visita ao Parque Eólico Experimental de Sotavento, en Xermade CC-BY-SA Xunta

Trece anos despois de vetar a participación pública, a Xunta anuncia a creación dunha sociedade público-privada para "promover proxectos de enerxía renovables"

Aquela participación pública como elemento de valoración no concurso eólico foi avalada polo TSXG -que tamén declarou legal o concurso do bipartito-, que a consideraba unha "opción válida conforme ás previsións contidas" na lei: "Non pode reputarse ilegal por vulnerar nin o principio de liberdade de empresa nin disposicións legais ou constitucionais". 

Trece anos despois, a Xunta recúa e anuncia que iniciará a tramitación dunha nova lei para que "os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais dos galegos se reinvistan en Galicia". Anunciouno o presidente, Alfonso Rueda, na súa visita en Xermade ao Parque Eólico Experimental de Sotavento, aínda que a intención de promover a participación pública non se limita só aos aeroxeradores. 

O decreto do bipartito defendía que a sociedade se "beneficiase" dos rendementos dos eólicos; Rueda pide agora que "o rendemento dos recursos naturais se reinvista en Galicia"

A intención, aclarou Rueda, é a "creación dunha utility" (polo xeral empresas que ofrecen servizos públicos de auga, gas ou electricidade) na que "participaría a Xunta xunto con outros actores públicos e privados" e que "buscaría promover proxectos de enerxías renovables". A "clara intencionalidade", insistiu, é a de que "parte dos beneficios que xeren teñan un impacto directo, dende logo en toda Galicia e, especialmente, nos lugares onde eses proxectos se instalen"

Na nota de prensa, a Xunta presume dunha "decisión pioneira" para "garantir que a sociedade galega no seu conxunto asuma un papel protagonista na transición enerxética" e impulsar un "marco normativo" para crear unha sociedade coa que "asumirá esa participación directa", cabo doutros socios, "que permitirá velar para que o rendemento económico dos recursos naturais de Galicia se reinvista en Galicia". 

Aeroxerador eólico nun monte galego CC-BY-SA M. Pereira

As palabras de Rueda coinciden, na súa esencia e obxectivo, co que manifestaba o decreto eólico do bipartito aprobado a finais de 2007 e que o PP atacara con virulencia, precisamente, pola súa aposta pola participación pública. Daquela advertíase que "por medio da participación do sector público no capital dos promotores de novos parques" garantíase que "a sociedade galega no seu conxunto se poida beneficiar de maneira directa dos rendementos xerados por estas instalacións". Máis de quince anos despois, Rueda alude á participación do conxunto da sociedade na transición enerxética, "tendo en conta que a riqueza dos recursos naturais de Galicia é patrimonio de todos os galegos".   

O anuncio da Xunta, á espera de máis detalles sobre o grao de participación da Administración e dos posibles socios, chega en pleno debate logo da aprobación a principios de marzo dos Plans de Ordenación dos Espazos Marítimos (POEM) para todas as costas do Estado, que definen as zonas previstas para instalacións de enerxía eólica mariña fronte a Galicia. Un debate que, polo momento, obviara as posibilidades de participación pública. 

Rueda limitárase a reclamar ao Executivo central "cogobernanza" na súa implantación e a Axenda enerxética de Galicia 2030, aprobada pola Xunta en xuño, nada di de participar no sector enerxético renovable. Tampouco o Goberno do Estado fixo alusión ningunha a unha opción común en moitos países, tanto na asentada eólica terrestre como na puxante offshore

"Participación simbólica"

Así o advertira o o Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli), que critica que "a participación simbólica da Xunta no capital do sector enerxético renovábel contrasta co seu destacado papel no accionariado de Reganosa, propietaria de regasificadora de Mugardos" e cualifica de "lamentábel" que a participación da Xunta no sector enerxético se centre nunha empresa dedicada ao negocio fósil. 

Aeroxeradores nun concello galego CC-BY-NC-ND Nacho Manotas

"A Xunta non ten ningunha intención nin de abandonar o accionariado de Reganosa, nin de ter unha participación significativa no sector enerxético renovábel, co propósito de acelerar e democratizar a transición enerxética en beneficio da sociedade galega. A creación dun Ente Galego da Enerxía, a semellanza do vasco, podería ser unha opción para iso", di.

A Xunta xa é propietaria do 24% de Reganosa e socia maioritaria de Sogama

A Xunta é propietaria do 24% de Reganosa e participa tamén, de maneira maioritaria, en Sogama (51%) xunto á eléctrica Naturgy, que posúe o 49%. Curiosamente, as dúas compañías, ademais de Abanca, conforman o control privado da empresa para captar fondos europeos promovida pola Xunta, que achega o 40% do capital. Malia a aposta ineludible da UE pola enerxía verde e renovable, ata agora nada fixera virar a idea do Goberno galego desde que hai máis dunha década vetara a participación da Administración no accionariado dos parques eólicos. 

Tanto BNG como PSdeG demanda historicamente, respecto do modelo eólico terrestre, a participación pública fronte á "especulación" privada. No caso da offshore, expertos insistiron en Praza.gal na existencia desa opción e en que a Xunta ten "ferramentas de sobra" para, polo menos, formular unha posibilidade da que nada dicía ata este martes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.