A líder do BNG defende que non só a Xunta senón tamén os concellos poidan impulsar proxectos e o do PSdeG propón que unha axencia pública lidere as iniciativas enerxéticas estratéxicas
A tres días de que máis de douscentos colectivos de toda Galicia se manifesten en Santiago contra o “caótico” desenvolvemento dos parques eólicos en todo o país, este xoves a portavoz nacional do BNG e o secretario xeral do PSdeG coincidiron en reclamar un modelo de desenvolvemento dese tipo de enerxía renovable que conte con participación pública como mellor garantía para evitar a “especulación” privada. Ana Pontón defende que non só a Xunta senón tamén os concello poidan impulsar proxectos, mentres que Valerín González Formoso propón que unha axencia pública lidere as iniciativas enerxéticas estratéxicas.
Un modelo de participación pública en proxectos eólicos polo que apostan outros países europeos e que no seu momento defendeu o goberno de coalición de PSdeG e BNG entre 2005 e 2009, a través dun concurso eólico despois anulado polo PP que obrigaba ás empresas competidoras a dar entrada á Xunta no seu accionariado.
O actual modelo deixa en mans das empresas propoñer os emprazamentos e Xunta e Goberno de España limítanse a validar que cumpren coa lei
Pola contra, o actual modelo de desenvolvemento dos parques eólicos deixa en mans das empresas privadas propoñer os emprazamentos concretos dos aeroxeradores, en ocasións en lugares coincidentes cos propostos por outras competidoras, mentres que a Xunta ou o Goberno de España -a primeira nos parques de menos de 50 MW e o segundo nos de máis- limítanse a validar que cumpren cos requisitos ambientais ou de conexión co sistema eléctrico.
Fronte a ese modelo, que está a provocar protestas por todo o país polo seu impacto sobre as comunidades locais e a natureza e o patrimonio, segundo constatan expertos e o Consello da Cultura Galega, Pontón defendeu este xoves nun encontro en Pontevedra con colectivos afectados un modelo no que non só a Xunta senón tamén os concellos poidan participar nos parques eólicos que se constrúan. Unha proposta que se suma á súa defensa de que sexa unha empresa pública quen impulse o modelo eólico.
A nacionalista defendeu que se faga unha previa planificación do territorio, que os novos proxectos estean vinculados a iniciativas de tipo industrial e que a enerxía se empregue para o desenvolvemento económico de Galicia e non para o beneficio de grandes empresas enerxéticas con sede en Madrid. Pontón tamén avogou por modelos de autoconsumo e comunidades enerxéticas. Unha serie de iniciativas que, ao seu ver, evitarían o actual “espolio eólico especulativo e depredador”.
Coa aposta de Pontón pola iniciativa pública á hora de deseñar os novos proxectos eólicos estratéxicos coincidiu tamén este xoves Formoso, quen mantivo un encontro co secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez. O socialista reclamou que unha axencia pública, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), poida “promover e participar societariamente en proxectos enerxéticos estratéxicos”. “O Goberno galego debe co-liderar eses proxectos xunto co sector privado”, di Formoso, para garantir o subministro das “empresas tractoras” da economía galega. O obxectivo debe ser, reclama, “poñer os intereses do país por riba dos intereses especulativos privados”.
Segundo Formoso, Galicia “cada vez é menos excedentaria a nivel enerxético pola pasividade da Xunta, a falta de pedagoxía e a ausencia dun modelo enerxético vencellado ao respecto ao territorio”. Un modelo que provoca protestas no rural que “teñen moito que ver coa especulación” xa que “non deixa ningún rendemento” no territorio.