O silencio administrativo do Goberno galego ante reclamacións das empresas prexudicadas, que seguen gañando nos tribunais, fai que á contía das indemnizacións haxa que sumar outro millón máis por xuros de demora
Doce anos despois de que o primeiro Goberno de Alberto Núñez Feijóo anulase o concurso eólico que puxera en marcha o bipartito de PSdeG e BNG, a xustiza segue emitindo sentenzas que obrigan á Xunta a indemnizar ás empresas prexudicadas por aquela decisión. Así o vén de facer o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nunha sentenza do 2 de febreiro que condena á Xunta a pagar 929.786,01 euros a Aucosa Eólica SA polos gastos que tivera para participar naquel concurso despois anulado.
Con esta, as sentenzas condenatorias similares suman xa máis de tres millóns de euros desde a primeira coñecida en 2015, pero a esa cifra -calculada a partir das sentenzas iniciais do TSXG, que deviron en firmes ou que nalgún caso mesmo foron revisadas lixeiramente á alza polo Supremo- hai que engadir os xuros de demora, outro millón de euros que en parte se deben ao silencio administrativo co que a Xunta respondeu inicialmente ás reclamacións que lle formularon as empresas, como se reflicte na sentenza agora emitida.
Hai anos que a xustiza se pronunciou contra as decisións sucesivas do Goberno de Feijóo de anular primeiro o concurso eólico de PSdeG e BNG e de convocar despois un novo proceso. Pero seguen a producirse sentenzas tamén contrarias á actuación da Xunta coas empresas que participaran no primeiro deses procesos, para as que o Goberno galego establecera en 2009 que serían indemnizadas polos gastos en que incorreran para participar no concurso eólico anulado.
O TSXG reitera que “se produciu un evidente dano á entidade demandante, que ha de atribuírse á Administración, quen truncou o proceso de adxudicación” do concurso eólico
Porén, a sentenza agora coñecida, avanzada por El Correo Gallego e á que tivo acceso Praza.gal, deixa en evidencia novamente que a Xunta gardou silencio e non respondeu ás reclamacións desas indemnizacións que lle formularon varias das empresas afectadas, que tiveron que recorrer á xustiza. Para cando esta se pronuncia dándolles a razón, o tempo pasado desde a reclamación inicial non atendida pola Xunta é tal que os xuros de demora que o Goberno galego ten que pagar supoñen unha porcentaxe relevante, de arredor doutro millón de euros a engadir aos tres millóns das indemnizacións en si.
No caso agora sentenciado a empresa non presentou a súa reclamación de indemnización polos gastos que tivo no concurso eólico despois anulado ata outubro de 2017 por estar pendente ata uns meses antes doutras resolucións xudiciais previas sobre outras cuestións relacionadas con aquel proceso. Para ese momento a Xunta xa acumulaba media ducia de sentenzas condenatorias do TSXG que a obrigaban a indemnizar a outras empresas por gastos similares. Pero non respondeu á nova reclamación e Aucosa Eólica tivo igualmente que recorrer á xustiza para obter o seu dereito.
A sentenza agora emitida recolle novamente argumentacións xa incluídas en sentenzas anteriores, en particular que “se produciu un evidente dano á entidade demandante, que ha de atribuírse á Administración, quen truncou o proceso de adxudicación” do concurso eólico. “O resarcimento ha de comprender sen dúbida aqueles danos, de carácter antixurídico, que o interesado non ten o deber de soportar”, engade a resolución xudicial.
A sentenza analiza os gastos demandados pola empresa e acepta uns e denega outros. Argumentan os xuíces que “os gastos indemnizables son aqueles que se realizaron na previa fase administrativa para poder participar no concurso e que posteriormente deviron inútiles”, como os traballos de enxeñaría para elaborar os proxectos eólicos que pretendía executar ou os visados deses proxectos.
Pola contra, a sentenza rexeita que a Xunta asuma outros custes que pretendía a empresa, como as súas cotas de socia da Asociación Eólica de Galicia (EGA). Foran preto de 6.000 euros que o tribunal salienta que “non se trata de requisito imprescindible para participar no concurso”.