O Supremo "reprocha" o desleixo da Xunta no concurso eólico de 2010 e ratifica a súa ilegalidade

Parque eólico en Galicia © Xunta

Naquela polémica campaña electoral de 2009, o PP centrou a súa cruenta batalla contra PSdeG e BNG nunha suposta imposición da lingua galega e no que o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, definira como "cambalache eólico". As supostas irregularidades do concurso do goberno bipartito foron dirimidas nos tribunais con sentenzas varias. O Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarouno legal e ditaminou ilegal a anulación que o Goberno do PP fixo da repartición de megavatios, para logo avalar a cancelación dos proxectos. Meses despois, o Executivo resolvía un novo concurso, tumbado tamén polo TSXG en 2016. Agora, é o Supremo quen se pronuncia, acoutando o impacto daquela sentenza pero insistindo no desleixo e no "reprochable" proceder da Administración nun sector que ficou estancado e perdeu milleiros de empregos e ducias de iniciativas pola inseguridade xurídica que o arrodeaba

Feijóo denunciara o "cambalache eólico" do goberno bipartito pero os tribunais ratificaron a legalidade daquel concurso

A sentenza do pasado 9 de outubro, á que tivo acceso Praza.gal, estima só unha parte do recurso de casación presentado pola Xunta e tres empresas contra o ditame do TSXG que obrigaba a Administración a revalorar todos os proxectos e anular as adxudicacións. Foi Capital Energy, empresa ligada ao empresario Florentino Pérez, quen demandara no Superior tras quedar sen megavatio ningún nunha das zonas (a 7, a do Barbanza) nas que se presentara. Consideraba que a valoración que se fixera non era a axeitada ao puntuar os expertos de idéntico xeito todos os proxectos nun dos criterios máis importantes, o que valoraba o plan industrial asociado a cada parque. 

O TSXG anulara o concurso da Xunta de Feijóo de 2010 e obrigara a volver atrás logo dunha denuncia de Capital Energy

A idea era que os "proxectos emerxentes ou estratéxicos" foran os máis puntuados (nun baremo de 0 a 3), pero a comisión de expertos acabou por darlles 1 punto a todas as iniciativas e aforrar así problemas. Fíxoo logo de preguntar á Consellería de Industria sobre os criterios a seguir para valorar ese carácter estratéxico ou emerxente dos parques, pero a Administración non respondeu nin aclarou nada. Foi por iso polo que o TSXG considerou que a Xunta actuara con "desistimento das súas funcionas valorativas", declarou nulas as resolucións e ordenou a "retroacción das actuacións á fase de valoración" de cada oferta. De todas elas e do concurso enteiro. 

Porque as pretensións de Capital Energy eran dúas: que se valorase axeitadamente a zona que lle afectaba, pero tamén que se anulase todo o concurso eólico para retrotraer as actuacións á fase de valoración. Sorprendentemente, e na fase de conclusións deste proceso, a empresa demandante rexeitou a segunda pretensión, que tamén fora aceptada na sentenza do TSXG. 

A empresa vinculada a Florentino Pérez desestimou a última hora unha das súas pretencións, a de anular todo o concurso

Agora, o Supremo limita o alcance da aplicación da sentenza, ao entender que só debe afectar ao sector do plan que prexudicaba á empresa que recorrera. Entende que é "certo" e dun "razonamento impecable", como aclarara o TSXG, que se nun proceso selectivo se considera incorrecta a aplicación dun criterio de valoración, a sentenza non pode circunscribirse só ao que afecta os recorrentes por razóns de igualdade. No entanto, entende que non se debe anular todo o proceso porque neste caso faise por zonas que considera "compartimentos estancos e autónomos". Xa que logo, o Supremo entende que toda a valoración naquel concurso estaba mal feita, pero que como cada unha das zonas era independente da outra, a anulación só debe aplicarse sobre o que afectaba a Capital Energy, sobre unha das once zonas. 

O Supremo entende que non se debe anular todo o concurso senón só o que afecta á zona sobre a que recorreu a empresa

Malia iso, é a propia sentenza a que destaca a relación entre as diferentes zonas ao sinalar que na do Barbanza incrementáranse en 23 o número de megavatios grazas aos sobrantes doutras áreas. 

Sexa como for, o Supremo destaca que a Xunta non diferenciou os diferentes proxectos de parques eólicos e "prescindiu das súas características singulares", o que implica "na práctica a inaplicación" da regra de valoración establecida "por entender que non tiñan criterio para aplicalo". Tal e como establecera xa o TSXG, este tribunal insiste en que aplicar a mesma puntuación a todas as iniciativas por igual "implica un desleixo das súas funcións valorativas que é contraria ás bases da convocatoria". 

O Supremo reprocha que a Xunta non aplicase os criterios fixados, que omitise unha valoración e que incumprise as bases da convocatoria

Ademais, establece que a Administración permitiu que a comisión de avaliación non aplicase os criterios establecidos "baixo o pretexto da dificultade de definir que se entende por sectores emerxentes ou estratéxicos", algo que "resulta aínda máis reprochable de tomar en consideración que esta comisión avaliadora está integrada, entre outros, por varios funcionarios da Consellería de Industria e do Igape e o presidente nomeado polo conselleiro". 

Xa que logo, o Supremo ratifica a sentenza do TSXG, reprocha que non se aplicase o criterio fixado, omitindo unha valoración e incumprindo as bases da convocatoria e acusa a Xunta de desleixo nas súas funcións. Varias fontes xurídicas coñecedoras deste e doutros procesos sobre a industria eólica en Galicia advirten que o ditame "insiste en certificar a ilegalidade do concurso de 2010" e destacan que se poña en evidencia a "inexistencia de criterios políticos" por parte de Industria á hora de "determinar que proxectos industriais son emerxentes ou estratéxicos". Ademais, lembran que o feito de que o ditame limite a aplicación das medidas a unha zona non supón emenda ningunha ao reproche xeral e a un proceso que "afondou na desfeita" que supuxo para o sector. 

Ademais das irregularidades deste concurso, o Executivo de Núñez Feijóo leva asumidos xa varios pagamentos derivados da anulación da poxa levada a cabo polo bipartito. O propio sector aludiu en incontables ocasións á paralización, perda económica e laboral, inseguridade xurídica e enguedello xudicial que provocaba a derrogación do concurso. Foron moitas as empresas beneficiarias que reclamaron indemnizacións que suman varios millóns de euros para as arcas públicas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.