0 Gardados para despois

"A inseguridade xurídica creada en Galicia foi peor para o eólico que a crise económica"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O economista e investigador do Departamento de Economía Aplicada da USC, Pedro Varela Vázquez, é coautor xunto a Carmela Sánchez do estudo sobre o impacto socioeconómico do sector eólico en Galicia (Socioeconomic impact of wind energy on peripheral regions) publicado na prestixiosa Renewable and Sustainable Energy Reviews. É tan só un dos traballos deste profesor sobre un ámbito que non só debulla, senón do que é apaixonado. Nesta entrevista, analiza a situación dos muíños de vento en Galicia, do "tren" e a "oportunidade perdida" polo país e do "barullo" e "inseguridade normativa" que a anulación do concurso do bipartito provocou nun sector que, mentres tanto, "foi adiantado pola dereita". Se dentro de tres ou catro anos quixeramos promocionar o eólico desde o sector público e privado, teriamos menos posiblidades que no ano 2008", di. 

Perdeu Galicia a oportunidade de ter un sector estratéxico clave?

No eido industrial perdeu unha oportunidade, non digo dun sector puramente estratéxico, pero si dun sector alternativo a sectores tradicionais. O eólico, a comezos da década pasada, foi unha alternativa para moitas empresas do naval. Moito do emprego que se creou foi en ramas industriais moi vinculadas ao naval e en áreas de Ferrol e Vigo, onde se crearon as principais empresas. Ademais, outras compañías que xa eran do naval reconvertéronse, como por exemplo Emesa, que chegou a ter uns 400 empregados.

"Galicia perdeu a oportunidade dun sector alternativo aos tradicionais; ademais, o emprego estaba moi repartido xeograficamente"

Que importancia tivo o eólico no emprego galego?

En termos totais, estímase que había 5.000 empregados a tempo completo no ano 2005 vinculados ao sector eólico. A principios dos 2000 e ao final desta mesma década, a taxa de creación de emprego estivo arredor dos 1.500 e 1.700. Nestes once anos creáronse empregos en actividades temporais vinculadas á instalación de parques eólicos: compoñentes, consultoría ambiental e financeira... As áreas de Ferrol e Vigo, e en menor medida A Coruña ou Lugo, foron os principais sitios, pero era un emprego que estaba moi espallado por toda Galicia e permanente e in situ nos parques eólicos porque requirían empregados de mantemento na zona, a 30-40 quilómetros como moito. Foi un emprego moi repartido xeograficamente.

Pero houbo unha enorme perda, tal e como destacan no informe...

Se en 2005 falabamos de que o emprego supoñía o 0,5% do emprego total galego, máis de 5.000 postos de traballo, en 2010 esta cifra estaba xa no 0,15%, unha redución de 0,35 puntos que supoñían uns 3.500 postos de traballo menos.

"Pasamos de máis de 5.000 empregos en 2005 a uns 1.000 de agora; a creación de emprego na actualidade é cero"

E esa creación de emprego segue estancada?

O estudo parámolo en 2010 porque o noso obxectivo era analizar o auxe e a decadencia do sector. Desde 2010 até agora apenas se instalaron megavatios e o ano pasado tan só 3, unha cifra moi pequena, pouquísimo cando se estaban a instalar entre 200 e 300 anuais antes de 2005. Desde 2010 ata agora mesmo, a creación de emprego directo e indirecto é cero. En canto ao mantemento, a cifra é moi semellante. Estariamos falando duns 1.000 empregos dedicados ao mantemento deses parques na actualidade.

Que foi máis importante no devalo do eólico, a crise económica ou a inseguridade xurídica?

Todos os factores son esenciais para explicar esta caída. A crise económica é un factor macro e xeral que, ao igual que afecta ao consumo das familias, tamén afecta á instalación de parques eólicos porque é un sector que precisa entre 1 e 1,2 millóns de euros de investimento por cada megavatio, polo que as necesidades financeiras son importantes. Porén, a seguridade xurídica é moi importante, mesmo máis importante. E a inseguridade normativa aquí foi clave.

"A crise económica foi un factor macro e xeral pero a seguridade xurídica é máis importante e aquí non a houbo"

E Galicia foi quedando estancada...

Se analizamos outros territorios que están a sufrir unhas crises financeiras semellantes á de Galicia, decatámonos de que a evolución do sector eólico foi nesas comunidades moito máis favorable en canto a nova potencia ca no caso galego. Inflúen moitas cousas.

Cantas?

Afecta a inestabilidade normativa estatal. Cando o Estado ten a competencia de lexislar en canto a réxime tributivo e de subvencións e de incentivos económicos e leva a cabo un cambio tan forte como o que se fixo desde 2012, a afectación é moi importante. Cando un promotor entrega o proxecto ao banco, tamén ten que entregar a rendibilidade esperada e o paso do sistema de primas a este de rendibilidade razoable -que non se sabe realmente que efecto vai ter, pero que será unha redución dos incentivos economicos- é obvio que as entidades financeiras van ter que asumir máis risco porque a rendibilidade é menor.

"O problema en Galicia é a propia inseguridade dos concursos eólicos, con dous diferentes en ano e medio e adxudicatarios que cambiaron"

Como afectaron en Galicia a anulación de concursos eólicos e a inestabilidade normativa que se creou?

En Galicia o problema é a propia inseguridade dos concursos públicos. Houbo en ano e medio dous concursos públicos nos que os principais axentes adxudicatarios cambiaron. Isto crea, obviamente, unha inseguridade tradicional e típica: non sabes ata que punto tes os dereitos ou se tes esas concesións administrativas ou non. Afecta tamén o cambio de parámetros; no último proxecto eólico incorporáronse plans industriais que non estaban ligados moito ao sector eólico, senón ao conserveiro, ao téxtil, á madeira... Obviamente, certos instrumentos como o canon eólico ou o fondo de compensación ambiental desincentivan á instalación de novos parques porque é un imposto ao que hai que sumarlle o de xeración de electricidade do 7% de competencia estatal... Todo suma.

Que supón a sentenza do Supremo que ratifica a ilegalidade da anulación do concurso do bipartito por parte da Xunta de Feijóo?

Hai axentes que foron beneficiados con potencia na época do bipartito que xa contaban case con perder ese dereito ao cambiar a baralla o novo goberno, pero que agora se ven con eses dereitos de novo. Supoño que moitos deles recorrerán e quizais pidan unha compensación económica pola perda destes dereitos, o que provoca máis barullo no sector.

"Moitos dos adxudicatarios co bipartito recorrerán e pedirán compensacións; foron prexudicados gravemente naquel momento"

Cre que agromarán os recursos e as reclamacións ante a Xunta?

Nese ámbito non son moi experto. Non sei ata que punto decidirán recorrer ou non, pero canto máis fosen beneficiados en potencia, máis proclives serán a reclamar unha compensación porque esta anulación prexudicounos gravemente naquel momento. Aqueles que superasen os 400, 300 ou quizais os 200 megavatios pedirán unha compensación, aínda que moitos tamén foron beneficiados polo novo concurso. É un caso complicado que supoño que cada empresa analizará de maneira individual. Hai intereses cruzados.

O concurso eólico do bipartito recibira duras críticas. Era tan malo como algúns dicían?

O primeiro que debemos ter claro cando falamos de concursos eólicos ou marcos normativos para o sector é que hai que deixarlles unha traxectoria ampla para poder avaliar o seu éxitoou fracaso. A primeira normativa, do ano 1995, tiña moitas eivas pero o bo que tivo foi unha traxectoria de desenvolvemento amplo que permitiu seguridade xurídica. No caso do proxecto do bipartito, ao meu parecer tiña un punto positivo porque deixaba a porta aberta a que certas instalacións tivesen un aproveitamento e un beneficio público, o que favorecía unha maior aceptación social porque os cidadáns perciben que son partícipes en maior medida da obtención de electricidade por vía eólica. Esta participación pública hai que modulala porque pode desincentivar os promotores privados, pero se se fai de maneira correcta o aceptamento da cidadanía é maior.

"O problema do concurso eólico do bipartito foi que non tivo tempo nin traxectoria ampla, seguramente por motivos políticos"

Daquela, cal foi o problema que tivo o concurso eólico do goberno bipartito?

O problema do concurso do bipartito foi que non tivo tempo, non tivo unha traxectoria ampla, seguramente por motivos tamén políticos. Esta falta de tempo para un desenvolvemento non permitiu que o novo goberno, fose ou non da mesma cor, acudise aos axentes implicados para falar con eles, debater e aplicar os cambios precisos se fixesen falta. Faltou esa aprendizaxe institucional.

Que quere dicir con “aprendizaxe institucional”?

Ao final, levamos desde a primeira metade da década dos 90 cun sector eólico galego importante e significativo, pero sen apenas aprendizaxe institucional. Desde os diferentes órganos non houbo esa vontade de aprender e de analizar o que deu resultado e o que non. Houbo cambios de goberno, pero ningún a aplicou. En Dinamarca, por exemplo, axentes implicados aló din que malia os cambios constantes de goberno, hai un consenso global e todos os partidos asumen os erros propios. Iso é o que falta en Galicia.

"Estamos perdendo o tren; perdemos capacidade industrial e emprego cualificado mentres outros territorios progresaron"

E mentres, a Galicia adiantárona pola dereita?

Pois si. Galicia estaba competindo hai oito anos polo primeiro posto no ránking español en canto a maior potencia e agora estamos na quinta ou sexta posición e perdendo. Aínda que no Estado agora se instalan poucos megavatios, noutras comunidades como Castela-A Mancha ou Navarra séguense instalando; poucos, pero máis que aquí. O problema é que o sector eólico depende moito do mercado doméstico. A exportación é moi limitada, polo que se non tes un mercado potente estatal é complexo que poida emerxer unha industria potente. Desde os anos 2006-2008 perdemos capacidade industrial e emprego cualificado, mentres o resto de rexións europeas e mundiais progresaron moito en eólica terrestre, pero tamén en eólica mariña, en minieólica ou en novos produtos. Estamos perdendo o tren. Se dentro de tres ou catro anos quixeramos desde o sector público e privado promocionar o sector, teriamos menos posiblidades que no ano 2008 porque aquí agora xa non se trata de correr, senón de correr máis.

O Parlamento galego rexeitou por unanimidade a eólica mariña. Que opinión ten dela?

A eólica mariña ten exemplos reais en Europa, como no Reino Unido, onde a aceptación social é moito máis alta cá eólica terrestre. O impacto visual e sanitario (ruídos, por exemplo) é moito menor. Ten desvantaxes nos custos tecnolóxicos, máis elevados, pero non tanto noutros ámbitos. Agora están a xurdir alternativas tecnolóxicas como plataformas flotantes para os parques eólicos e hai grupos de investigación galegos que están a traballar neste campo. Os efectos económicos son aínda maiores que na eólica terrestre porque suporía un maior impulso para a industria naval, tanto en compoñentes como en mantemento. En Navantia xa se están fabricando bases para un parque de Iberdrola... Se empezamos a desenvolver a eólica mariña, os efectos na economía serían moito máis importantes e elevados.

"Falta pedagoxía coa eólica mariña; débese facer con rigor, pero é unha moi boa oportunidade e con efectos económicos moi importantes"

Daquela, falta pedagoxía?

Si, creo que falta. O efecto no turismo, por exemplo, é moi reducido. Hai parques eólicos en Dinamarca ou no Reino Unido moi preto da costa, pero non estamos falando de poñer parques eólicos nas rías, nin moito menos, senón moito máis aló. Obviamente, todo isto debería levar consigo estudos de viabilidade ambiental e debe facerse con todo o rigor, pero creo que é unha oportunidade moi boa. A oportunidade de negocio e de creación de emprego pode ser moi importante, pero aquí tamén hai motivacións políticas nas que non entro.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.