Outro pau xudicial á política levada a cabo pola Xunta no sector eólico. O TSXG considerou parcialmente o recurso interposto pola empresa EDP Renewables Europe, que reclamaba unha indemnización da Dirección Xeral de Industria logo de que o Executivo galego botase abaixo o concurso eólico do goberno bipartito e os procedementos de parques eólicos en tramitación en 2008.
O TSXG considerou parcialmente o recurso da empresa EDP, adxudicataria de catro parques co concurso do bipartito
Malia que na sentenza non se especifica a cantidade, a sala do contencioso-administrativo calcula que a Consellería de Industria terá que indemnizar con arredor de medio millón de euros a esta compañía, unha das tantas que acudiu á Xustiza pola supresión dun concurso que tombara o Goberno de Feijóo nada máis chegar ao poder e que o mesmo TSXG declarou despois legal, así como ilegal a anulación levada a cabo pola Xunta.
Nesta ocasión,a empresa demandante resultara adxudicataria de catro parques eólicos no concurso regulado polo goberno bipartito, polo que levou a cabo unha serie de gastos para poder presentar as solicitudes e tramitar os proxectos seleccionados de acordo coa normativa. Son estas cantidades as que reclama logo á Dirección Xeral de Industria, que non contesta a EDP ata que xa está en trámite a demanda, máis de tres anos despois da súa solicitude.
A Consellería de Industria terá que indemnizar a compañía con arredor de medio millón de euros tras a anulación do concurso
A sentenza insiste nesta "mala praxe" por parte da Xunta ao comprobarse que "só a vía contenciosa foi quen de reactivar o deber administrativo" de contestar en tempo en forma ás demandas da compañía, o que provocou unhas "actuacións posteriores absolutamente dilatadas e contrarias aos prazos" legais.
Ademais, insiste o TSXG -como xa fixera noutras ocasións- en lembrar o "evidente dano á entidade demandante que ha de atribuírse á Administración, quen truncou o proceso de adxudicación acordando a desistencia" dos procedementos eólicos en tramitación. Unha mesma consideración feita na sentenza pola que se obrigou ao Goberno galego a pagar máis de 220.000 euros a Cupa Renovables e onde se recoñeceu o dereito a indemnización dos parques eólicos anulados do bipartito.
Analizados os investimentos levados a cabo por EDP e os xustificantes de pagamento achegados, o alto tribunal acorda "recoñecer o dereito do recorrente a obter unha indemnización en concepto de responsabilidade patrimonial" da Xunta, -que se eleva a arredor de 500.000 euros- e condenar a Dirección Xeral de Industria á "adopción das medidas que sexan necesarias para o restablecemento da situación subxectiva recoñecida".
O concurso eólico do bipartito foi declarado legal polo TSXG; a súa anulación, ilegal; e o novo concurso da Xunta vén de ser tombado pola Xustiza
A polémica anulación do concurso eólico do bipartito fora declarada ilegal anos máis tarde polo TSXG nunha sentenza ratificada logo polo Supremo. Pouco antes, o mesmo alto tribunal galego acordara legal o procedemento de regulación do sector levada a cabo polo Executivo que presidía Pérez Touriño, mentres que o novo concurso posto en marcha polo Goberno de Núñez Feijóo foi tombado tamén polo TSXG hai tan só uns meses.
O Superior estimou a demanda en contra das valoracións das ofertas presentadas por Capital Energy, un dos candidatos que quedou fóra dos gañadores, o que botou atrás a resolución dos 2.325 megavatios e obriga a Xunta a volver ao comezo, ao ter que valorar de novo as devanditas ofertas. Ao tempo que o Goberno galego pelexa nos tribunais contra as demandas que invalidan o seu concurso, vese obrigada tamén a enfrontarse a indemnizacións e batallas xudiciais pola anulación do anterior. Para esta última sentenza coñecida que a obriga ao pagamento de medio millón de euros cabe tamén recurso.