O Goberno galego aproveitará unha lei xa en trámite sobre polígonos empresariais para introducir unha promesa feita por Feijóo en xaneiro e legalizar tamén o seu programa de Concellos Emprendedores, que o TSXG considerou discriminatorio
O 13 de xaneiro Alberto Núñez Feijóo anunciou que a Xunta priorizaría a tramitación de parques eólicos que se comprometan a vender a prezo fixo para a industria a metade da enerxía que produzan. Faríao, dixo, a través dun artigo que introduciría na Lei de áreas empresariais de Galicia, un texto que a Consellería de Medio Ambiente e Territorio xa estaba a elaborar centrado na ordenación urbanística dese tipo de polígonos e que nada ten que ver co sector eólico.
Catro meses despois, e xa con Alfonso Rueda como presidente, esa lei foi remitida pola Xunta ao Parlamento o pasado 20 de maio e nela nada incluíu o Goberno galego sobre parques eólicos. Pero o pasado venres o vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, anunciou nun encontro co comité de empresa de Alcoa que a medida será introducida nesa norma a través de “unha emenda”, algo que xa só pode facer a través do grupo parlamentario do PP. O procedemento e o momento elixidos supón limitar a participación e a posible achega de correccións da cidadanía en xeral, de diversos departamentos da propia administración e da oposición.
Por outra banda, o que si incluíu xa a Xunta no texto do proxecto de lei de áreas empresariais que remitiu ao Parlamento foron varios artigos, tampouco relacionados coa ordenación urbanística dos polígonos industriais, para legalizar o seu programa de Concellos Emprendedores, co que prima para recibir axudas a determinados municipios que rebaixen impostos a empresas e que foi considerado discriminatorio polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Feijóo levaba unha década lanzando todo tipo de promesas propias e reclamacións aos gobernos centrais socialistas sobre os prezos da enerxía para industrias como Alcoa cando en xaneiro anunciou a priorización dos parques eólicos que comprometan a súa enerxía a ese fin. Porén, malia que daquela xa tiña redactado e en exposición pública o borrador do proxecto de lei de áreas empresariais no que dixo que incluiría a nova medida, un texto centrado na ordenación urbanística dos polígonos [aquí aquela versión en PDF], o Goberno galego deixou pasar tres meses e medio ata a súa aprobación, ao tempo que Feijóo criticaba a Pedro Sánchez polo que denominaba unha transición enerxética "improvisada". E outras tres semanas pasaron desde a aprobación ata que finalmente o texto entrou no Parlamento.
Introducir agora no Parlamento unha emenda xa prevista hai meses supón que a Xunta impediu que varios órganos consultivos e a cidadanía en xeral se puidesen pronunciar sobre a medida cando o texto se someteu a consultas sen ningunha referencia a ela
O proxecto de lei que finalmente entrou na Cámara o 20 de maio segue sen dicir nada de parques eólicos, pero o venres o vicepresidente Francisco Conde volveu recuperar a cuestión: “Tomaremos a iniciativa de aprobar unha emenda na lei de áreas empresariais”, dixo, para que “canto antes poidan entrar en funcionamento” novos parques eólicos coa súa produción comprometida a prezos fixos.
Esa emenda só a poden presentar os grupos parlamentarios, no seu caso o PPdeG. Pero facelo agora implica que a Xunta impediu que varios órganos e a cidadanía en xeral se puidesen pronunciar ao respecto cando o anterior texto se someteu a consultas. O Goberno galego sacou a exposición pública o seu texto previo da lei de áreas empresariais sen ningunha referencia ao sector eólico entre o 5 e o 29 de novembro, polo que ningún cidadán puido pronunciarse sobre esa cuestión.
Ademais, o Goberno galego debe entregar os seus proxectos de lei ao Parlamento acompañados de diversos informes sectoriais de departamentos propios como a Asesoría Xurídica ou os servizos de Igualdade, así como dun ditame do Consello Económico e Social, o principal órgano de participación social de Galicia. Todos eles pronunciáronse xa sobre un texto que nada dicía de parques eólicos e xa non o volverán facer cando o PP introduza a emenda ao respecto.
Por outra banda, o feito de que as referencias aos parques eólicos sexan introducidas na lei de áreas empresariais polo grupo parlamentario do PP limitará tamén a propia capacidade de emendas dos grupos da oposición. Estes deben presentar emendas ao texto que a Xunta remitiu ao Parlamento, no que nada se di de parques eólicos, e atoparanse con que finalmente eses aspectos serán incluídos nas emendas do PP, cando xa non teñan tanta capacidade de negociación. O PP vén empregando habitualmente ese procedemento de emendar no Parlamento normas saídas da Xunta, co que se limita a capacidade de actuación da oposición.
A Vicepresidencia económica da Xunta foi preguntada o pasado luns por este diario sobre por que non introduciu ata agora a promesa do ex-presidente Feijóo no proxecto de lei e por que o fará agora a través dunha emenda que limita a participación da cidadanía. Ata o momento non deu resposta.
A priorización que a Xunta quere introducir dalgúns parques eólicos reducindo a participación cidadá na propia elaboración da norma chega cando o Goberno de España vén de comprometerse con deputados do BNG ou Teruel Existe a corrixir a súa intención de reducir esa mesma participación cidadán na tramitación estatal dese tipo de infraestruturas. Mentres, a decisión da Xunta de rebaixar os prazos de tramitación dalgúns parques eólicos que incluíu noutra lei en 2017, invalidada por unha sentenza do TSXG o pasado xaneiro, xa obrigou a reiniciar ou prolongar a tramitación dunha vintena deles.
Legalización dos Concellos Emprendedores
Hai medio ano o TSXG tombou por falta de sustento legal o proxecto Concellos Emprendedores co que a Xunta prima para recibir axudas a municipios que reducen impostos a empresas, e agora o Goberno galego elévao a rango de lei
Por outra banda, no proxecto de lei de áreas empresariais que entrou no Parlamento e que agora está en prazo de presentación de emendas por parte dos grupos, a Xunta si incluíu xa outra medida que tampouco ten que ver coa ordenación urbanística dos polígonos empresariais. O Goberno galego decidiu aproveitar a norma en tramitación para legalizar a través dela o seu programa de incentivos aos denominados Concellos Emprendedores, aos que prima á hora de recibir axudas a cambio de que rebaixen impostos ou prazos ás empresas que queren instalarse neles.
O pasado novembro, tras un recurso do Concello de Vigo, o TSXG anulou varias convocatorias de axudas ao emprego da Xunta a municipios porque o Goberno galego dera máis puntuación aos que consideraba concellos emprendedores. O tribunal considerou que non se podían vincular ambas cuestións xa que o protocolo entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que creou os concellos emprendedores non era máis que un “compromiso ou declaración de intencións” sen amparo legal.
Agora a Xunta dálle a esa iniciativa rango legal e introduce varios artigos ao respecto na lei de áreas empresariais. Porén, introduce varias mudanzas a respecto do borrador de proxecto de lei que someteu a exposición pública en novembro. Se daquela contemplaba que a declaración de concello emprendedor fose outorgada por unha comisión técnica paritaria coa Fegamp e a través dunha resolución conxunta dos presidentes da Xunta e da Fegamp, agora será decido por valoración só da consellería con competencias en materia económica.
O programa de concellos emprendedores non só implicou ata agora primar nos baremos para recibir axudas da Xunta a concellos que aceptan rebaixar impostos ou priorizar a tramitación dos permisos das empresas que queren asentarse neles. O feito de que un concello formase parte ou non dese programa da Xunta implicou privilexiar a uns comerciantes sobre outros en axudas directas dirixidas a ese sector, non só aos concellos, polo feito de estar radicados nun ou noutro concello.
As medidas están incluídas na cuarta lei que a Xunta lanza desde 2009 para "impulsar o desenvolvemento empresarial"
Estas e outras medidas si pensadas para a ordenación urbanística das áreas empresariais, obxectivo inicial da lei que elaborou a consellería con competencias en ordenación do territorio, estarán finalmente incluídas nunha lei que o propio Feijóo defendeu para "impulsar o desenvolvemento empresarial e garantir o progreso socioeconómico de Galicia". Será a cuarta lei ao respecto que impulsa a Xunta desde que Feijóo chegou á presidencia hai 13 anos.