Adega, Federación Ecoloxista Galega e SGHN abandonan o órgano consultivo da Xunta pola negativa de Ángeles Vázquez a sequera debater os problemas derivados do modelo eólico do Goberno galego
As organizacións ecoloxistas máis representativas do sector en Galicia, e polo tanto presentes no Consello Galego de Medio Ambiente, órgano consultivo da Xunta nesa materia, fixeron pública este martes a súa decisión de abandonalo pola negativa da conselleira, Ángeles Vázquez, a sequera debater sobre os efectos e os problemas derivados da implantación do modelo eólico do Goberno galego, que está a recibir todo tipo de sentenzas xudiciais en contra. Adega, Federación Ecoloxista Galega e Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) acusan a Vázquez de intentar “furtar do debate público as consecuencias do actual modelo de desenvolvemento eólico, ocultando e silenciando a preocupación que os seus impactos están a causar no ambiente e na sociedade galega”.
A orixe do conflito entre os colectivos ecoloxistas e a conselleira de Medio Ambiente remóntase á reunión que o Consello Galego de Medio Ambiente celebrou o 26 de xaneiro, na que varios vogais ecoloxistas pediron debater e votar en pleno a necesidade dunha moratoria do actual Plan Sectorial Eólico de Galicia, documento de 1997 do que a Xunta admite que non está a avaliar o seu efecto ambiental. As organizacións ecoloxistas acusan a Vázquez de abandonar “precipitadamente” aquela xuntanza “mesmo deixando sen tratar o último punto da orde do día” para así evitar que se puidese sequera analizar a súa proposta.
Os ecoloxistas acusan á conselleira de ocultar "a preocupación que os impactos están a causar no ambiente e na sociedade galega”
Os vogais das organizacións ecoloxistas pediron que quedase constancia en acta das súas solicitudes, do peche abrupto da sesión e da petición dunha nova convocatoria do Consello “á maior brevidade” para tratar as súas propostas. Porén, a acta dese encontro, denuncian, non recolleu eses feitos e na orde do día da vindeira xuntanza, fixada para este martes, catro meses despois da anterior, non figuran as súas peticións de debate.
Ante esta situación, as tres organizacións ecoloxistas amosan a súa intención “de non seguir participando nas reunións mentres non se debatan e voten no pleno as propostas ecoloxistas sobre a problemática eólica”. Cuestión sobre a que as propias organizacións salientan que a administración ten unha maioría de representantes tan ampla no Consello Galego de Medio Ambiente que podería “impoñer o seu criterio”.