Perseguir ocupas, apoiar ás patronais e fomentar a caza, en particular do lobo, están entre os focos de atención que Ángeles Vázquez prima cos seus actos públicos
Este luns a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, publicitou no Real Club Náutico de Sanxenxo axudas para reformar segundas residencias co obxectivo declarado de “dinamizar o mercado residencial e a actividade construtiva” nunha das zonas de Galicia menos necesitadas dese tipo de dinamizacións. O lugar e o acto elixidos por Vázquez para publicitar por primeira vez unhas axudas que se convocaran o venres anterior non parecen casuais cando se analiza a súa axenda política e os focos de atención que prima coas súas actividades públicas quen foi xornalista, alcaldesa de Melide de 2004 a 2015 e conselleira de Medio Rural desde aquela ata 2018, cando asumiu o seu actual cargo.
Vivenda: da persecución de ocupas á entrega de chaves en man
En materia de vivenda unha das principais liñas de actuación política da conselleira é a súa loita persoal contra as ocupacións, malia que son un problema menor en Galicia segundo os datos oficiais en comparación cos desafiuzamentos ou as dificultades para acceder a unha vivenda digna
En materia de vivenda unha das principais liñas de actuación política da conselleira é a súa loita persoal contra as ocupacións. Un problema menor en Galicia segundo os datos oficiais en comparación cos desafiuzamentos ou coas dificultades da cidadanía para acceder a unha vivenda digna, o que para Caritas é o principal factor de exclusión social en Galicia.
A finais de 2020, ao tempo que o PP multiplicaba os seus actos sobre ocupacións de vivendas e a Xunta o seguía, a consellería admitía que carecía de “datos reais” sobre o problema das ocupacións en Galicia, pero aseguraba que percibía unha “sensación” de “impunidade”. Para dotar de contido á súa postura a consellería encargou un informe, publicitado pola propia conselleira nun acto público, que culpou do suposto aumento de casos a Ada Colau, alcaldesa de Barcelona e previamente activista en defensa do dereito á vivenda.
Aquel informe foi encargado a unha ex-deputada do PP no Congreso, Silvia Valmaña, profesora de Dereito Penal na Universidad de Castilla-La Mancha. O documento reproducía parágrafos dunha lei do PP nesa comunidade e a Xunta pagou por el 8.000 euros.
Nesa campaña contra a ocupación, tamén a finais de 2020 a Xunta comezou a financiar un teléfono de asesoramento ás persoas afectadas, con 500 euros á semana para ter avogados de garda que atendesen as posibles consultas. Foron 30 nun ano, a unha media de menos dunha consulta á semana, o que non impediu á Xunta valorar o seu resultado como “satisfactorio”.
Fronte a este foco nas ocupacións posto pola propia conselleira, a pasada foi a lexislatura con menos vivendas protexidas rematadas dende que hai datos, 24. Iso non impediu que coas eleccións galegas de 2020 xa convocadas, período no que están prohibidos os actos propagandísticos por parte das administracións públicas, a propia Ángeles Vázquez realizase ata tres actos distintos de entrega de chaves en persoa ou visitas a persoas con dereito a unha vivenda pública.
Medio ambiente e territorio: do fomento da caza ao apoio ás patronais
Na outra gran área competencial da consellería de Ángeles Vázquez a pandemia da COVID e as súas restricións iniciais permitiron comprobar outra das prioridades dos seus actos. Cando os políticos de todas as cores e administracións tiveron que suprimir as visitas a obras e reunións en persoa e as videoconferencias se converteron no pouco que podían publicitar das súas actividades, o mundo da caza e as patronais de diversos sectores convertéronse en colectivos privilexiados na axenda pública da conselleira.
A finais de abril de 2020, cando se cumprira un mes de restricións pola pandemia e xa se reunira por videoconferencia tres veces co sector da caza -cando menos polo divulgado da súa axenda pública-, a propia consellería salientaba o seu “fomento da actividade cinexética”, unha das poucas actividades que a Xunta exceptuara do confinamento xeral da poboación.
A conselleira privilexiou as súas reunións co mundo caza no comezo da pandemia e salientou o seu "fomento da actividade cinexética", e foi ela e non Medio Rural quen encabezou a loita contra a prohibición da caza do lobo
A defensa da caza por parte da conselleira de Medio Ambiente chegou ao punto de que foi ela, e non o conselleiro de Medio Rural, quen máis se implicou na campaña da Xunta contra a prohibición de capturas de lobos decidida polo Goberno de España, que ten nos gandeiros o principal colectivo en contra e no ecoloxismo os seus defensores.
Ao igual que ocorreu coas ocupacións, cando primeiro se alertou desde a Xunta do suposto problema e despois se encargaron os informes para avalar a súa postura, tamén no caso do lobo a conselleira de Medio Rural defendeu a súa caza malia non ter datos actualizados do estado da súa poboación en Galicia desde 2015, para o que encargou un novo estudo a comezos do pasado ano. Aínda este martes ela mesma presentou a posibilidade de que se poidan cazar lobos como exemplo de que a convivencia co home "é perfectamente compatible", malia que se basearía na eliminación de individuos dunha das dúas partes supostamente convivintes.
Tamén as patronais de diversos sectores veñen estando no foco de atención política da consellería de Medio Ambiente, non só con reunións e declaracións públicas de apoio durante a pandemia senón coa súa incorporación ao máximo órgano consultivo da Xunta en materia de territorio, do que pola contra se eliminou a posibilidade de que participen nel movementos sociais, como o ecoloxismo.
As políticas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas son moitas outras, non todas elas con proxección pública a través da axenda persoal da conselleira Ánxeles Vázquez. Como ocorre con todos os políticos, esa axenda pública está deseñada para publicitar o positivo fronte ao negativo, como os investimentos en conservación da natureza fronte ás reducións de espazos xa protexidos que vén decidindo a Xunta.
Hai un ano, de todos os posibles beneficiarios das axudas para árbores senlleiras, entregadas a 11 particulares e 5 concellos, elixiu para publicitalas o Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, do militar golpista Alfonso Armada
Pero tamén á hora de publicitar eses investimentos a axenda pública de Vázquez está deseñada para primar a visibilidade de terminados colectivos sobre outros. Un exemplo paradigmático pode ser o acto co que hai un ano publicitou as axudas do seu departamento para a conservación de árbores senlleiras de Galicia. Foron parar a 11 particulares e 5 concellos, pero de todos os beneficiarios Vázquez elixiu para visibilizalas realizar un acto nos xardíns do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, que foi propiedade do militar golpista Alfonso Armada e agora dos seus herdeiros.