A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, organiza un acto en Santa Cruz de Rivadulla dentro da súa axenda oficial, que na última semana incluíu propostas contra a "alarmante" ocupación e en favor da caza de lobos
A Consellería de Medio Ambiente publicou este martes no Diario Oficial de Galicia o destino das súas axudas para a conservación e mellora das árbores e formacións vexetais senlleiras, que este ano van parar a 11 particulares e cinco concellos. Para publicitalas, a propia conselleira, Ángeles Vázquez, incluíu na súa axenda oficial un acto no Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, que foi propiedade do militar golpista Alfonso Armada, falecido en 2013, e agora dos seus herdeiros, cuxas formacións vexetais reciben 7.200 euros, o 17% das axudas a particulares deste ano. O acto deste martes forma parte dunha axenda política que na última semana levou á conselleira a presentar novas iniciativas contra a ocupación de vivendas que presentan o fenómeno como “alarmante” e contra novas limitacións á caza do lobo.
O Pazo de Santa Cruz de Rivadulla foi propiedade e lugar de residencia do xeneral Alfonso Armada, falecido en 2013 tras ser indultado en 1988 dos 30 anos de cadea a que fora condenado pola súa participación no golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981. O recinto, coñecido pola importancia dos seus xardíns e camelias, ten varias árbores e formacións vexetais incluídas no catálogo galego de formacións senlleiras e na convocatoria de axudas deste ano Juan Armada Díez de Rivera, actual marqués de Santa Cruz de Rivadulla, obtén catro contías distintas que suman 7.200 euros para actuar no buxal do Pazo de Santa Cruz (2.700 euros), na retícula de oliveiras do recinto (2.899,81 euros), nunha camelia (800 euros) e en washingtonias robustas (800 euros).
O Pazo de Santa Cruz foi elixido para o acto malia que as axudas que recibe, o 17% do total, non son máis elevadas nin para concellos nin para particulares, encabezadas pola Fundación Uxío Novoneyra
A elección do Pazo de Santa Cruz para o acto publicitario deste martes produciuse malia que as axudas que recibe -7.200 euros en total que supoñen o 17% dos 42.000 euros destinados a particulares, aos que hai que engadir outros 20.000 euros para concellos- non son as máis elevadas de ningunha das dúas categorías, encabezadas polos 8.000 euros obtidos pola Fundación Uxío Novoneyra para o Souto da Rubial, en Folgoso do Courel. Ademais, a diferenza doutras árbores ou formacións senlleiras, o acceso ás dos Pazo de Santa Cruz é de pago, cunha entrada xeral de 5 euros para visitar os xardíns, segundo a súa propia web.
A Xunta salientou este martes nunha nota de prensa que actualmente dos 179 elementos incluídos no catálogo galego (141 árbores e 38 formacións arbóreas) “nove exemplares (7 árbores e 2 formacións) atópanse nos xardíns do Pazo de Santa Cruz de Ribadulla, o que o converte nun referente da importancia do patrimonio natural que atesoura a Comunidade galega”.