Unha ducia de árbores galegas senlleiras
Castelao escribiu no Sempre en Galiza que a árbore formaba parte da "Santísima Trinidade galega", xunto co peixe e a vaca. E segue a ser así en tempos de monocultivos forestais e da crecente presenza de especies como o eucalipto ou o piñeiro. O Catálogo de Árbores Senlleiras vén de actualizar a súa listaxe, da que forman parte 189 exemplares individuais ou conxuntos, distribuídos por todo o país e pertencentes a 80 especies distintas. Árbores que son singulares polo seu tamaño, antigüidade ou importancia histórica ou natural.
-
01
Sobreira de Valiñas (A Estrada)
Situada a carón do Pazo das Valiñas, en Callobre (A Estrada) esta árbore suma entre 250 e 500 anos de idade e baixo as súas pólas celébrase dende hai séculos a festa de San Bieito
-
02
Fraga de Catasós (Lalín)
É unha das carballeiras e soutos en mellor estado de conservación de toda Galicia e os seus castiñeiros están entre os máis altos de toda Europa. No ano 2000 foi declarado Monumento Natural. A pesar diso, sufriu a ameaza da construción dunha liña de alta tensión que ameazaba con destruír unha parte do espazo. Finalmente, a mobilización da veciñanza detivo o proxecto de Gas Natural Fenosa.
-
03
Carballo de Santa Margarida (Pontevedra)
Este carballo, de entre 500 e 800 anos de antigüidade, é coñecido como “o Matusalén de Pontevedra”. Xa o Padre Sarmiento se referiu a el en 1746 como "o carballo maior do reino", foi debuxado por Castelao en Cousas da Vida e baixo as súas pólas celebráronse algunhas das xuntanzas preparatorias do alzamento liberal de 1846, que sentou as bases do movemento galeguista. Nos últimos anos sufriu varios problemas e denunciouse a falta de protección por parte das administracións.
-
04
Secuoia Vermella do Castelo de Soutomaior
Esta foto ten que ir, necesariamente, en vertical. A secuouia que se atopa nos xardíns do Castelo de Soutomaior ten máis de 41 metros de altura, e foi plantada a finais do século XIX.
-
05
Oliveira do Paseo de Alfonso XII (Vigo)
Vigo é coñecida dende hai séculos como "Cidade olívica" ou "Cidade da oliva" pola presenza dunha destas árbores no adro da igrexa da Colexiata de Santa María, que foi derrubada a comezos do século XIX e con ela desapareceu a oliveira. Porén, un veciño recolleu unha das súas pólas e plantouna diante da súa casa, preto da Porta do Sol, onde agromou. En 1932 a árbore tivo que se de novo trasladada á súa actual localización, no Paseo de Alfonso XII
-
06
Teixadal de Casaio (Carballeda de Valdeorras)
En Carballeda de Valdeorras atópase un dos bosques de teixo máis importantes de Galicia e de toda a Península, formado por unhas 400 árbores que ocupan unhas dúas hectáreas de terreo, que posúen un encanto máxico
-
07
Castiñeiro de Pumbariños (Manzaneda)
O Souto de Pumbariños ou de Rozabales foi declarado Monumento Natural en 2000. Calcúlase que este castiñeiro ten máis de 500 anos e é un dos máis fermosos exemplos deste tipo de árbores antergas, como tamén pode ser o Castiñeiro de Trambolosríos, en Chandexa de Queixa, de 700 anos de idade
-
08
Castiñeiro da Capela (Begonte)
Este castiñeiro, de 500 anos de idade, estivo a piques de ser tallado por mor dunhas obras de ampliación da estrada en 1971. Impediuno a intervención do artista local Victor Corral, que se pechou dentro do oco da árbore. Durante o seu peche, esculpiu dentro da árbore un pequeno santuario á Virxe do Rosario.
-
09
Carballo de Luxís (Castro de Rei)
Este enorme carballo foi plantado polos antigos propietarios da Casa de Luxís hai uns 250 anos. Grazas a que esta árbore nunca foi podada, a superficie da súa copa acada unha área considerable, de case 600 metros cadrados. Produce uns 300 kilos de landras ao ano.
-
10
Retícula de Oliveiras do Pazo de Santa Cruz (Vedra)
Máis de 500 oliveiras compoñen este conxunto, situado no Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra). Foron plantadas hai 500 anos, aló polo século XVI, acompañando a construción do propio pazo e como unha forma de separar os cultivos.
-
11
Aciñeira de Covas (Rubiá)
A Aciñeira de Covas, en Rubiá, ten unha idade estimada de entre 250 e 500 anos e sitúase no centro na Serra da Enciña da Lastra, que toma o nome desta árbore. Dise que en tempos remotos unha aciñeira de grandes dimensións servía de guía aos viaxes nesta terra de paso, situada no corazón da Gallaecia romana
-
12
Metrosidero Excelso do Xardín da Policía da Coruña
O Metrosideros excelsa é unha especie orixinaria de Nova Zelandia, e poden atoparse varios exemplares na Coruña, onde mesmo lle dan nome a unha rúa. O que se atopa no interior das instalacións da Policía Local pénsase que foi plantado a finais do século XVIII por mariñeiros ingleses en viaxe dende Oceanía. Esta especie florece entre novembro e xaneiro, presentando en decembro o momento máis álxido da súa floración, polo que no hemisferio sur é coñecido como a Árbore de Nadal
-
13
Freixo de Porta (Sobrado)
O Freixo de Porta, en Sobrado, supera os 30 metros de altura e os 250 anos de idade. A árbore convive con outros tres exemplares tamén de grandes dimensións, que foron plantados nas esquinas dun cadrado, formando un conxunto singular, representativo da importancia destas árbores na economía rural.