Marcos Pérez Pena

Unha ducia de asasinados polo franquismo en agosto de 1936: os mortos daquel verán

O 18 de xullo de 1936 comezou un pesadelo. Nas súas primeiras semanas, a salvaxe represión franquista acabou coa vida de centos de persoas en toda Galicia, en accións dirixidas contra militantes esquerdistas, republicanos e galeguistas, contra concelleiros, mestres, sindicalistas, contra unha xeración que estaba a transformar a sociedade galega. Foi un verán de morte, con xuízos sumarísimos ou directamente secuestros e execucións en tapias e gabias. Estes -por desgraza- son apenas unha ducia deses asasinatos.

  1. 01

    Jesús Casas, 'O Inverno' (6 de agosto)

    Jesús Casas González, o Inverno, tiña 36 anos en 1936. Labrego nacido no Incio, desenvolveu unha importante actividade política e social na súa zona; por exemplo, foi delegado da Sociedad Republicana Labradores de Goó, foi escollido como concelleiro e posteriormente proposto para alcalde do Incio. 

    Tras o golpe de Estado do 18 de xullo fuxiu da súa casa, pero foi detido, torturado e fusilado o 6 de agosto. A súa familia tamén sufriu a represión; a súa dona, Anuncia, marchou vivir coa súa nai e o seu irmán á coñecida como “Casa do Inverno”, na que deron refuxio a fuxidos e guerrilleiros. En 1939 a casa foi asaltada pola Garda Civil. Anuncia foi detida e morreu no cárcere en 1941.

     

    A busca do 'Inverno', labrego do Incio asasinado polos falanxistas hai 82 anos

  2. 02

    Camilo Díaz Baliño (14 de agosto)

    O ilustrador Camilo Díaz Baliño, pai de Isaac Díaz Pardo (na imaxe), foi detido pouco despois do golpe de Estado. E pasou varias semanas no cárcere instalada no Pazo de Raxoi. Estando prisioneiro debuxou nun caderno retratos dos seus vinte e seis compañeiros. 

    Sen ser sometido a xuízo foi trasladado primeiro a Arzúa e posteriormente paseado en Palas de Rei por un grupo de falanxistas o 14 de agosto. Tiña 47 anos.

     

    Camilo Díaz Baliño, o deseñador que buscou a redención de Galicia a través da arte

  3. 03

    Alexandre Bóveda (17 de agosto)

    O 17 de agosto celébrase o Día da Galiza Mártir, unha conmemoración que lembra todas as persoas que sufriron a represión franquista, especialmente neses primeiros meses, e que está personalizada na figura de Alexandre Bóveda, executado ese día na Caeira (Poio).

    O político e economista fora detido o 20 de xullo e o 13 de agosto foi condenado a morte nun consello de guerra celebrado no actual salón de plenos da Deputación Provincial de Pontevedra e que foi recentemente anulado polo Goberno de España, un acto ao que asistiu a súa filla, Amalia Bóveda. En 2019 a súa familia incorporouse á Querela arxentina contra os crimes do franquismo.

     

    "A miña nai non puido velo, pero leveina na man": unha pulseira de pedida na reparación da memoria de Bóveda

  4. 04

    Xaime Quintanilla (18 de agosto)

    Un día despois que Alexande Bóveda foi executado Xaime Quintanilla Martínez, médico, militante do PSOE e alcalde de Ferrol entre 1931 e 1934 e, de novo, en 1936. Detido pouco despois do Golpe de Estado, foi fusilado o 18 de agosto de 1936 no muro do cemiterio de Canido canda a outros 14 presos. 

    O seu fillo maior, Jaime Quintanilla Ulla, tamén médico, foi o primeiro rexedor de Ferrol tras a recuperación da democracia e mantívose na Alcaldía entre 1979 e 1987.

     

    Ferrol inaugura o memorial aos mil asasinados polo Franquismo na comarca nun "acto de xustiza e reconciliación consigo mesmo"

  5. 05

    Ánxel Casal (19 de agosto)

    O 19 de agosto foi asasinado en Cacheiras (Teo) o editor Ánxel Casal, alcade de Santiago de Compostela e vicepresidente da Deputación da Coruña. O 16 de xullo entregou en Madrid, nas Cortes, o texto do Estatuto de Autonomía aprobado o 28 de xuño, pero ao coñecer as novas do Golpe de Estado, regresou a Compostela para facerse cargo da Alcaldía e tentar organizar a resistencia. 

    Consolidada a sublevación militar, Casal foi quen de fuxir cara a Arzúa, onde foi detido o 4 de agosto. Foi recluído no cárcere do Pazo de Raxoi (onde coincidiu, por exemplo, con Díaz Baliño) e na noite do 18 ao 19 de agosto foi executado en Cacheiras, onde hoxe se ergue un monolito na súa memoria.

     

    Ánxel Casal: 80 anos do día en que o editor do galeguismo foi alcalde

  6. 06

    A corporación municipal de Boimorto (20 de agosto)

    En lugares como Boimorto a corporación municipal republicana impulsou escolas públicas, asistencia sanitaria, enterros civís..., creáronse sindicatos agrarios cunha afiliación importantísima e unha grande actividade. A represión franquista tentou matar esa transformación social.

    O 20 de agosto de 1936 foron asasinados nove dos once concelleiros da corporación municipal de Boimorto. Só puido fuxir da morte o alcalde e dous edís. O resto dos representantes elixidos democraticamente, ademais de dous veciños, foron levados en camións ao Amenal (O Pino) e Ortoño (Ames) para ser executados. Berráronlles "Correde" e disparáronlles polas costas. Once corpos caeron ao chan e alí mesmo foron soterrados, con roupa de domingo.

    Só conseguiu fuxir José Cabanas, que cunha bala na perna (que lle sacaron uns labregos cun fouciño) percorreu corenta quilómetros ata regresar á súa casa. Alí viviu emparedado durante quince anos, nos que se intentou suicidar tres veces. A súa dona mandaba os seus fillos xogar á pita cega para que o seu pai puidese tocalos sen que eles o visen.

     

    Boimorto e Ames reivindican manter viva a memoria dos edís asasinados no verán de 1936

  7. 07

    Rafael Fernández Casas (20 de agosto)

    O mestre e escritor Rafael Fernández Casas naceu en Bos Aires en 1901 pero xa aos dous anos de idade a súa familia regresou a Galicia. Exerceu como mestre en Palas de Rei, Ortigueira e Sada, lugares nos que desenvolveu unha importante actividade cultural (por exemplo na directiva do Ateneo de Cultura Política e Social de Sada), con artigos en prensa e unha novela publicada.

    Tras o 18 de xullo foi detido e paseado nun lugar da estrada entre Betanzos e Agolada, na actualidade no concello de Oza-Cesuras

  8. 08

    Anuncia Casado (21 de agosto)

    O 21 de agosto foi executada en Viana do Bolo Anunciación Casado Atanes, alcumada "a Pasionaria galega". Tiña 39 anos e foi unha das mulleres galegas cunha máis destacada participación política e sindical durante a Segunda República. 

    Nacida en Cualedro en 1887 e labrega, destacou como oradora e organizadora sindical do campesiñado, sendo responsable do Partido Comunista na comarca do Bolo; ademais, levou a cabo unha importante actividade propagandística entre os traballadores do ferrocarril da liña entre A Gudiña e Vilar de Barrio.

    O asasinato veu precedido de varios días de persecución, ata que finalmente a muller foi detida polos falanxistas de Verín, que a ultraxaron e raparon o seu cabelo antes de matala. Ademais, antes da súa execución foi exhibida nun carro de bois pola contorna da Gudiña

     

    Na procura dos restos de Anuncia Casado, a 'Pasionaria galega', aldraxada e asasinada en Viana do Bolo en 1936

  9. 09

    Castor Sánchez Martínez (25 de agosto)

    O 25 de agosto de 1936 un grupo de falanxistas asasinou Castor Sánchez Martínez, alcalde socialista de Amoeiro entre 1931 e 1934 e, de novo, en 1936. 

    Era canteiro, foi representante dos traballadores nas obras do ferrocarril e loitou pola abolición dos foros, chegando a ser presidente das sociedades agrarias en Parada de Amoeiro. Fundou en Parada de Amoeiro a UGT e a Agrupación Socialista de Amoeiro, da que foi o seu primeiro secretario. A corporación municipal que encabezou destacou pola importancia que lle concedeu ao ensino e nela había varios representantes da Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Ourense (ATEO).

    Tras o Golpe de Estado do 18 de xullo refuxiouse en varias casas e tentou fuxir a Portugal. Porén, foi capturado e asasinado na beira da estrada.

     

    Na procura dos restos do derradeiro alcalde republicano de Amoeiro

  10. 10

    Emilio Martínez Garrido e "os mártires de Pereiró" (27 de agosto)

    A represión franquista acabou coa vida de ducias de alcaldes e concelleiros de toda Galicia (tan só na provincia da Coruña foron case un cento os edís asasinados). Entre os executados estiveron rexedores de Vigo, A Coruña, Ferrol e Compostela. 

    O socialista Emilio Martínez Garrido foi alcalde de Vigo entre 1931 e 1934 e, de novo en 1936. Nos días anteriores ao Golpe de Estado do 18 de xullo, viaxou a Madrid para facer entrega do texto estatutario aprobado en referendo unhas semanas antes, pero regresou a Vigo para participar na resistencia á sublevación militar. 

    O 20 de xullo foi detido, canda ao resto da corporación municipal, e tras un xuízo militar foi executado no cemiterio de Pereiró xunto con algúns dos máis destacados dirixentes da esquerda viguesa, sindicalistas e o alcalde de Lavadores (José Antela Conde), daquela un concello independente e hoxe integrado no de Vigo.

     

    Vigo rende homenaxe aos mártires de Pereiró

  11. 11

    Fusilados na Poza das Ras (29 de agosto)

    O 29 de agosto Julio González Álvarez, Amadeo López Bello, Silvio Torres Díaz e Eloy Romero Luis foron asasinados no lugar coñecido como A Poza das Ras, no concello de Verea.

    Julio González Álvarez tiña 25 anos e era mestre, Amadeo López Bello tiña 32 e tamén era mestre, Silvio Torres Díaz tiña 23 e era chofer e Eloy Romero Luis tiña 28 e era farmacéutico. Uníaos a súa militancia democrática e a súa loita "polas liberdades", como destacou en 2023 nunha homenaxe a presidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, Celia Inés Feijóo Soto.

    O alcalde de Verea, José Antonio Pérez Valado, iniciou os trámites para solicitar ao Ministerio da Presidencia a declaración da Poza das Ras como Lugar de Memoria ao abeiro da Lei de Memoria Democrática.

    Homenaxe aos fusilados na Poza das Ras: o Comité de Celanova e o Concello de Verea piden declaralo Lugar de Memoria

  12. 12

    Alfredo Suárez Ferrín (31 de agosto)

    Alfredo Suárez Ferrín foi alcalde da Coruña en 1934 e, de novo, en 1936, despois do triunfo da Fronte Popular nas eleccións de febreiro. Militante do Partido Republicano Radical-Socialista e posteriormente de Unión Republicana, foi detido pouco despois do Golpe de Estado e xulgado canda a outros integrantes da corporación municipal e militantes esquerdistas e republicanos.

    Foi fusilado no Campo da Rata o 31 de agosto de 1936, xunto a Manuel Guzmán, Joaquín Martín, Ramón Maseda, Francisco Mazariegos e Francisco Prego. 

     

    "A xeración máis activa e capaz de achegar cousas novas quedou anulada en 1936"

  13. 13

    Francisco Miguel Fernández

    O pintor vangardista coruñés Francisco Miguel non foi asasinado en agosto -a súa execución en Bértoa tivo lugar o 28 de setembro-, pero foi inicialmente detido o 3 de agosto, un mes no que a súa dona, Syra Alonso, buscou información sobre o seu paradoiro e a súa sorte, como relata nos seus Diarios, que vén de reeditar Alvarellos. Liberado en setembro, o 19 dese mes foi de novo secuestrado, aparecendo o seu cadáver dez días despois coa cara fendida e as mans amputadas.

    O 29 de setembro recibirá unha homenaxe no Concello da Coruña e os seus restos, recuperados hai dous anos, serán soterrados no cemiterio de San Amaro nun gran acto público.

     

    Historia, memoria e dignidade: as familias de tres asasinados polo franquismo reciben á fin os seus restos