Marcos Pérez Pena

Unha ducia de candidaturas ao Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Dende hai 26 anos o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, impulsado polo Grupo Aresa e a USC, recoñece iniciativas de todo tipo que traballan a prol do desenvolvemento da economía rural galega, especialmente do sector agrogandeiro. Este venres deuse a coñecer o gañador da edición deste ano: Bico de Xeado, elixido pola súa “inmensa ligazón co medio rural e o sector primario". Estas eran as 11 candidaturas finalistas, exemplos todos dun rural moi vivo.

  1. 01

    26 anos apoiando o desenvolvemento da economía rural galega

    O pasado ano o Premio Aresa de desenvolvemento rural, organizado polo lucense Grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela, celebrou o seu 25 aniversario.

    O galardón recoñece empresas, grupos de investigación, asociacións ou calquera outra entidade “que contribúa ao desenvolvemento da economía rural galega”. Como sinalou o reitor da USC o pasado ano, a historia deste galardón “é un mapa de fitos claves para comprender o avance do rural galego, os grandes pasos, as iniciativas fundamentais que revolucionaron e seguen a transformar o sector agrogandeiro".

  2. 02

    O gañador deste ano: Bico de Xeado

    Quen non coñece Bico de Xeado? Trátase dunha cooperativa agraria con sede en Bergondo e con granxas en Miño e San Sadurniño que nos últimos anos gañou sona grazas aos seus xeados artesáns, sumando xa 30 xeadarías en todo o país e un total de 40 sabores diferentes, unha mostra da súa aposta polo I+D.

    O xurado escolleu Bico de Xeado pola súa “inmensa ligazón co medio rural e o sector primario e polas súas tres liñas de traballo na produción leiteira, na prestación de servizos e na elaboración dos seus propios xeados para a súa posterior comercialización en Galicia e fóra das nosas fronteiras”, explicou o reitor da USC, Antonio López Díaz, na rolda de prensa na que se deu a coñecer o ditame e que tivo lugar este venres.

  3. 03

    Cátedra do Pan e do Cereal

    A Cátedra do Pan e do Cereal é un proxecto de investigación e difusión destes elementos, impulsado dende o ano 2017 polo grupo Da Cunha e dirixido por Mª Ángeles Romero, catedrática de Tecnoloxía de Alimentos da USC no Campus Terra de Lugo.

    Búscase afondar na selección e produción de cereais autóctonos e no seu impacto na economía galega, no coñecemento da historia da elaboración do pan en Galicia, na promoción da investigación sobre a produción do pan galego e outros produtos derivados, así como na optimización dos procesos de panificación.

  4. 04

    Embutidos Suarna

    Embutidos Suarna é un dos mellores embaixadores de Navia de Suarna en todo o mundo. A empresa naceu en 1998 producindo androllas e despois pasou a facer tamén chourizos, salchichón, lombo, chicharróns e salazóns de touciño, cachola e minilacón. Dá traballo a seis persoas e elabora uns 1.000 quilos de embutido á semana.

  5. 05

    Da escola á granxa

    Da escola á granxa é un programa de educación rural da Vicepresidencia a Deputación de Lugo que o pasado ano completou a súa cuarta edición. Neste tempo foi quen de achegar o sector primario ao alumnado de Infantil e Primaria a través de visitas educativas a granxas da provincia. Máis de 18.000 nenos e nenas participaron nas súas actividades.

  6. 06

    Gandería Quintián

    Gandería Quintián é unha granxa e queixará familiar situada no Páramo. Na actualidade é levada por Julio e Chelo, pero naceu xa nos anos 60 do pasado século da man dos pais de Julio. "En Quintián vivimos na granxa, traballamos nela e coidámola cada día. Sen granxa, non hai produto. Sen vacas, non hai queixo. Sen terra, non hai historia", destacan na súa web, na que dan conta dos seus produtos: leite e queixos artesanais.

  7. 07

    Belacolmea

    Belacolmea é a primeira liña de cosmética natural creada a base de Mel de Galicia con Indicación Xeográfica Protexida. Unha iniciativa pioneira que nace en 2020 da man da Agrupación Apícola de Galicia, que destaca que "Belacolmea non só ofrece solucións de beleza destinadas ao coidado da pel do rostro ou do corpo, senón que supón toda unha filosofía de vida baseada na naturalidade, a sustentabilidade, o coidado do medio ambiente".

  8. 08

    Hifas da Terra

    Hifas da Terra naceu en 1999 como unha spin-off da USC. Neste tempo converteuse na a biotech líder en Europa en I+D+i a partir de cogomelos e fungos, facturando máis de 14 millóns de euros a través da produción de suplementos nutricionais. Dirixida por Catalina Fernández de Ana, dá emprego a un cento de persoas e conta con filiais en cinco países.

  9. 09

    Sociedade Cooperativa O Rodo

    O Rodo Sociedad Cooperativa Galega é unha das cooperativas líder na comarca do Deza. Naceu en Rodeiro en 1988 foi fundamental para o desenvolvemento do sector primario nesta localidade, principalmente da agricultura e da gandería. Na actualidade ten socios nos concellos de Rodeiro, Dozón, Lalín, Piñor, Antas de Ulla, Taboada e Chantada.

  10. 10

    Ecogranxa de Riomouro

    A Ecogranxa de Riomouro, situada en Poio, defínese como un ecohotel, pero ademais de ofrecer estadías en contacto coa natureza, acolle excursións escolares para que a rapazada teña contacto cos animais e aprenda sobre a vida nunha granxa.

  11. 11

    Vacantes.gal

    Vacantes é unha web "que une persoas que queren vivir e traballar en Galicia". Defínese como "un espazo aberto para quen quere vivir e traballar no rural". "Aquí podes ofrecer ou atopar servizos, crear comunidade con outras persoas, pero tamén buscar ou anunciar vivenda, fincas, traspasos de negocios ou explotacións… en definitiva, todo aquilo que dá vida ao noso territorio", sinalan.

  12. 12

    AZ Agro

    AZ Agro é un caderno dixital para explotacións agrarias, unha ferramenta dixital para calquera tipo de dispositivo, que permite rexistrar todos os datos e actividades dunha explotación e simplifica o traballo burocrático. Foi desenvolvido por Arza Ingeniería co obxectivo de facilitar o cumprimento co Sistema Integral de Xestión de Explotacións (SIGE).

  13. 13

    O palmarés: un rural moi vivo

    Nas 25 edicións anteriores estes foron os gañadores e gañadoras:

    Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da TVG O Agro-Labranza (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria da USC (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010)

    A SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica, Ovica (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, Craega (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta, Asoporcel (2019)

    A Cooperativa A Carqueixa (2020), EFA Fonteboa (2021), Casa Grande de Xanceda (2022), Moexmu (2023) e Traloagro (2024).