Na procura dos restos de Anuncia Casado, a 'Pasionaria galega', aldraxada e asasinada en Viana do Bolo en 1936

Traballos de exhumación en Viana do Bolo © USC

Nacida en Cualedro en 1887 e labrega, destacou como organizadora sindical do campesiñado e dos traballadores do ferrocarril, responsable tamén do Partido Comunista na comarca do Bolo

O 21 de agosto foi executada en Viana do Bolo Anunciación Casado Atanes, alcumada "a Pasionaria galega". Tiña 39 anos e foi unha das mulleres galegas cunha máis destacada participación política e sindical durante a Segunda República. Nacida en Cualedro en 1887 e labrega, destacou como oradora e organizadora sindical do campesiñado, sendo responsable do Partido Comunista na comarca do Bolo; ademais, levou a cabo unha importante actividade propagandística entre os traballadores do ferrocarril da liña entre A Gudiña e Vilar de Barrio.

Este luns comezaron na fosa común de Castro-Pixeiros, en Viana do Bolo os traballos de exhumación que buscan recuperar os restos de Anuncia Casado. A súa execución, precedida do rapado do seu cabelo e de torturas, enmárcase dentro da fortísima represión exercida precisamente contra os e as traballadoras do ferrocarril na provincia de Ourense. E é tamén unha mostra da ferocidade que acadou a violencia contra as mulleres durante o Golpe de Estado de 1936.

Anunciación Casado Atanes foi asasinada no lugar de Reverdeitas, entre a Gudiña e Viana © Google Maps

O equipo encargado dos traballos, enmarcados no Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia 2023, está integrado por especialistas en historiografía, antropoloxía forense, arqueoloxía e xenética que pescudan sobre o pasado da violencia franquista en Galicia. 

O asasinato veu precedido de varios días de persecución, ata que finalmente a muller foi detida polos falanxistas de Verín, que a ultraxaron e raparon o seu cabelo antes de matala. Ademais, antes da súa execución foi exhibida nun carro de bois pola contorna da Gudiña

Anunciación Casado foi asasinada na curva das Revendeitas, na estrada que vai da Gudiña a Viana. Foi inscrita no rexistro de defuncións do xulgado de Viana do Bolo, o 30 de agosto dese mesmo ano, en virtude dun oficio do xuíz de instrución do Partido. A pesar de que a súa morte foi rexistrada a consecuencia de “fractura y destrución de la masa cerebral”, en realidade, a propia natureza do crime e das feridas que sufriu constitúen un “paseo”, tal e como explican dende o equipo de investigación.

O asasinato veu precedido de varios días de persecución, ata que finalmente a muller foi detida polos falanxistas de Verín, que a ultraxaron e raparon o seu cabelo antes de matala. Ademais, antes da súa execución foi exhibida nun carro de bois pola contorna da Gudiña.

"A disposición dos corpos sen vida á vista pública en estradas, camiños e encrucilladas e a exhibición das vítimas antes de ser asasinadas proban que había un interese por parte dos asasinos en aterrorizar exemplarmente a poboación", destacaban dende o proxecto Nomes e Voces

Dende o proxecto Nomes e Voces explicaban nesta información que "a disposición dos corpos sen vida á vista pública en estradas, camiños e encrucilladas e a exhibición das vítimas antes de ser asasinadas proban que había un interese por parte dos asasinos en aterrorizar exemplarmente a poboación, que de súpeto se atopaba con tan macabros sinistros e que a miúdo se encargaba de trasladar e enterrar os cadáveres. As mulleres comprometidas non foron unha excepción a estas regras".

De igual xeito, dende o proxecto facían fincapé no uso frecuente das violacións contra as mulleres detidas e doutras ferramentas de humillación, coma o rapado do pelo que tamén sufriu Anunciación Casado. "Moitas mulleres foron sometidas á agresión sexista co fin de castigalas a elas e as súas familias, aplicando os prexuízos patriarcais reaccionarios da deshonra sexual. O obxectivo era acalar e exterminar as mulleres contestatarias pola súa ideoloxía, con frecuencia utilizando o factor sexual da suposta humillación aniquiladora de toda resistencia, que tamén se aplicou a moitos homes", sinalan.

Homenaxe a Anuncia Casado na igrexa de San Pedro do Castro © Histagra

O equipo

Por parte da USC, a través do grupo de investigación de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra), integran o equipo o catedrático de Historia Contemporánea Lourenzo Fernández Prieto e o profesor Antonio Míguez Macho, os cales coordinan un equipo formado por arqueólogos dirixidos polo profesor da USC José Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) Fernando Serrulla Rech e o equipo de xenética do Instituto de Ciencias Forenses 'Luis Concheiro'. 

En futuras datas, o equipo intervirá tamén nas fosas do cemiterio de San Salvador de Trasanquelos (Oza-Cesuras) e na de Santa María do Val (Narón)

En futuras datas, o equipo intervirá tamén nas fosas do cemiterio de San Salvador de Trasanquelos (Oza-Cesuras) e na de Santa María do Val (Narón). Entre 2021 e 2022 realizáronse os traballos de investigación e exhumación das fosas de Vilagarcía de Arousa e Crecente (2021), Celanova, Lousame e A Capela (2022), alén de comezar as investigacións da fosa de Serantes (Ferrol) e a actualización do mapa de fosas “onde na actualidade contamos con 91 localizadas”, explican dende Histagra. En doce delas, os restos foron trasladados a Cuelgamuros en diferentes anos. Para a presente anualidade, contémplase o recoñecemento do espazo da fosa común do cemiterio de Celanova, a de Vilagarcía de Arousa, Crecente e Lousame.

Igrexa de Pixeiros, en Viana do Bolo © Histagra

“Seguimos actualizando o mapa de fosas de Galicia, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de asasinados/as pola violencia franquista”, explican dende Histagra

“Seguimos actualizando o mapa de fosas de Galicia, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de asasinados/as pola violencia franquista”, explican dende Histagra. “O contacto cos axentes sociais é imprescindible, por iso facemos un chamamento a todas as persoas que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos”, engaden. “De novo, a axuda e a presenza da sociedade civil de Galicia, a través das asociacións de memoria democrática, investigadores locais e familiares de asasinados/as, convértese nun piar fundamental da investigación”, afirman. As persoas interesadas poden contactar co equipo investigador a través de histagra@usc.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.