É a maior investigación contemporánea sobre a guerra civil en Galicia. Un libro no que unha vintena de docentes e investigadores de diferentes ámbitos, pensamentos e universidades afondan no conflito e na construción sociopolítica da ditadura no territorio galego. Unha monumental obra que busca introducir máis aspectos ao debate sobre o franquismo", di a editorial.
Un libro —Galicia, un golpe sin cuartel, una guerra sin trincheras (Prensas Universitarias de València, 2023)— que "non é un universo pechado, senón que achega moito debate e diferentes opinións" sobre aquela época pero no que os seus autores defenden unha tese común: a de que a ditadura fascista forxouse desde o momento do golpe de Estado. Sendo Galicia —tamén Navarra, León ou o sur de Andalucía— unha especie de laboratorio que foi construíndo o franquismo que, tras o final da guerra, acabaría abranguendo todo o Estado.
Tamén é unha obra que "racha con mitos ou tópicos" sobre a guerra e a chegada do franquismo a Galicia e que reivindica a historia "desde a periferia". Así o explica o profesor Francisco J. Leira, da Universidad Isabel I, un dos coordinadores do libro xunto con Lourenzo Fernández Prieto catedrático da USC e membro da Real Academia Galega (RAG).
"A historia tense que facer desde outra óptica, tamén desde a periferia, sobre todo no que ten que ver co franquismo, e non só tendo en conta o final da guerra ou o primeiro goberno franquista. Todo o que sucedeu en Galicia, Navarra, León ou o sur de Andalucía explica o que logo foi o período da ditadura", di Leira.
A obra pretende mostrar como o franquismo se construíu desde o mesmo golpe de Estado, con capítulos que abranguen varios aspectos: a conspiración civil, a mobilización civil e militar, os primeiros poderes locais, a represión á lingua e á cultura galega, a imposición dunha mora católica, a discriminación da muller...
Para logralo, participan especialistas en historia, socioloxía, filoloxía, didáctica ou do ámbito xurídico. Investigadores das tres universidades galegas, de todos os campus, de tres grupos de investigación e do Instituto da Lingua Galega. Entre eles, Francisco Caamaño (ex-ministro e profesor da UDC), Julio Prada (Universidade de Vigo), Henrique Monteagudo (secretario da RAG), Dolores Vilavedra (USC) ou Ana Cabana.
"É un fito porque participa moita xente de diferentes xeracións e disciplinas, condensando as investigación dos últimos anos sobre a guerra civil e a construción do franquismo en Galicia, desde diferentes ópticas e visións que enriquecen a obra", explica Leira, que insiste na necesidade de "poñer o foco noutras latitudes" para entender tamén mellor "a complexidade", xa non do caso galego, senón de todo o que supuxo o golpe e o réxime fascista.
"O peso que teñen no debate historiográfico Madrid ou Barcelona fai que Galicia quede moitas veces apartada", pero tamén que a visión que se teña sobre a resistencia ao golpe, a sociedade da época ou as consecuencias da represión non sexan as máis precisas.
Por exemplo, cando o feito de que Galicia caese axiña no bando fascista parece implicar que non houbese resistencia. "Claro que a houbo, e en moitos casos moi importante, pero as características sociais, a dispersión poboacional ou o feito de non termos cidades moi grandes provocaron que a oposición ao golpe non fose tan organizada e potente como puido ser en Madrid ou Catalunya", explica Francisco J. Leira.
"Analizar a complexa sociedade galega da época, que aquí e en León fosen onde ser organizasen as primeiras guerrillas, explicar a trama civil que acompañou ao golpe... Todo iso é importante e é posible facelo cando a ollada se fai desde aquí", engade Leira, que aclara que a opción de editar a obra en castelán —aínda que logo se faga en galego— e tamén un intento por deitar luz "ante certa marxinalidade" que sofren relatos alleos á historiografía máis difundida.
"Iso do apoio da sociedade civil en Galicia ao golpe de Estado foi un mito e un dos capítulos céntrase, precisamente, nesa idea. Hai que ter en conta que as milicias que se formaron do lado fascista foron poucas e todas dunha clase social moi determinada", di.
"Non foi como o vendeu o franquismo", engade Leira sobre un libro "para explicar a construción da ditadura franquista desde a periferia".