Este martes 5 de xullo o Consello da Cultura Galega acolle a xornada 'Memoria e historia do traballo no mar en Galicia,1931-1939. República, asociacionismo mariñeiro e represión franquista", un encontro que afonda na importancia do asociacionismo mariñeiro en Galicia nas primeiras décadas do século XX, especialmente durante a Segunda República. O movemento, no que cobraron importancia os sindicatos e a mobilización esquerdista e anarquista, foi cortado de raíz pola guerra civil e pola durísima represión posterior contra a vizosa sociedade civil que agromara nestas zonas.
"Entre 1910 e 1930, a beiramar galega asistirá ao espallamento do sindicalismo mariñeiro de clase, multiplicándose as folgas e a conflitividade laboral"
En paralelo co auxe do asociacionismo mariñeiro xurdiu a loita contra os tradicionais pósitos de pescadores, cuxas iniciativas "conciliadoras, paternalistas e interclasistas sempre foron rexeitadas polos novos protagonistas", agora encadrados en potentes sindicatos de clase que, en moitas ocasións, colaboraron coa política local republicana.
No encontro participan numerosas voces expertas, como Emilio Grandío, que falará sobre as "reaccións ante os cambios político-sociais na Segunda República en Galicia"; Dionisio Pereira, que afondará no asociacionismo mariñeiro entre 1931 e 1936; Bernardo Máiz, que intervirá sobre a lexislación naval militar; e Eliseo Fernández, que pechará a xornada cunha charla sobre "as evasións por vía marítima baixo a ditadura". Todos eles será moderados por Pilar Cagiao, profesora titular de Historia de América na USC, nun encontro coordinado por Francisco Xavier Redondo Abal, membro da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, con quen falamos.
Como se conforma a ideoloxía esquerdista que era tan importante en moitas vilas do litoral galego nas primeiras décadas do século XX?
"Desde finais do século XIX, tras a desaparición dos gremios de mareantes, as condicións de vida e laborais dos traballadores do mar na Galiza experimentaron un progresivo deterioro que mesmo foi denunciado pola Igrexa católica"
Desde finais do século XIX, tras a desaparición dos gremios de mareantes, as condicións de vida e laborais dos traballadores do mar na Galiza experimentaron un progresivo deterioro que mesmo foi denunciado pola Igrexa católica. Aquela indefensión se materializou na desaparición dos socorros e axudas benéficas que impulsaban as vellas confrarías relixiosas. A partir desta premisa e coa chegada do capitalismo pesqueiro a portos como Marín, Vigo e A Coruña, nacen as primeiras sociedades de resistencia no mundo do mar, moitas vencelladas a organizacións socialistas. En paralelo, as mulleres que traballaban nas fábricas dos portos tamén comezan a sindicarse. A resposta patronal, organizada en agrupacións de armadores, será o despedimento de moitas delas. Entón, as sociedades de clase que iniciaban a súa andaina comezaron a reivindicar o descanso semanal, o aumento dos xornais e a mellora na seguridade do traballo. Entre 1910 e 1930, a beiramar galega asistirá ao espallamento do sindicalismo mariñeiro de clase, multiplicándose as folgas e a conflitividade laboral.
Que papel xoga o anarquismo?
Pois moi relevante, fundamental. Xa en 1902 xorde na Coruña a Federación Local Obrera, de pensamento libertario, onde se integraban sociedades de resistencia como La Humanidad Libre ou a Unión Marítima. A FLO manterá duras liortas contra os armadores durante toda aquela primeira década do século XX. É certo que co estoupido da I Guerra Mundial e a progresiva paralización das faenas no mar, o sindicalismo de clase mariñeiro de filiación socialista incrementouse notabelmente, en especial cando se crean as Alianzas Marineras (Marín, Cangas, Moaña, Chapela...).
"O asociacionismo anarquista espallouse por todo a ribeira galega, fortalecido tanto organicamente como en número de novos afiliados. A represión executada pola ditadura de Primo de Rivera paralizou todo ese traballo asociativo e reivindicativo"
Con todo, a finais de 1914 xorde na Coruña unha potente organización, ben coñecida, chamada El Despertar Marítimo, sociedade de resistencia ligada á CNT, tamén presente en Vilagarcía de Arousa, Malpica, Mera, Ribeira... A importancia do movemento anarquista resulta reveladora se anotamos que no Congreso da CNT de 1919 en Madrid, El Despertar Marítimo representou a trescentos afiliados, La Activa de Ferrol a sesenta e cinco, La Unión de Pontedeume a outros trescentos cincuenta adheridos, La Humanidad Libre de Mera a case douscentos militantes...
Logo, en 1920, El Despertar converteuse nunha sección do Sindicato Único, integrando a moitos traballadores do mar e dos portos, mesmo da Mariña mercante. Así, o asociacionismo anarquista espallouse por todo a ribeira galega, fortalecido tanto organicamente como en número de novos afiliados. A represión executada pola ditadura de Primo de Rivera paralizou todo ese traballo asociativo e reivindicativo. Así, nas pequenas vilas moitas sociedades foron suspendidas, clausuradas e prohibidas. Todo o exposto e moito máis está perfectamente recollido no traballo do investigador Dionísio Pereira titulado Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), un ensaio de referencia para entender estas cuestión. No Encontro do martes asistiremos da man do devandito historiador á narración centrada no asociacionismo mariñeiro entre 1931 e 1939.
Que importancia tivo a participación nos pósitos de pescadores?
"Desde principios da década dos anos vinte xurdiron os chamados pósitos de pescadores, unha tentativa de artellar entre os traballadores do mar un pacífico organismo situado nas antípodas do sindicalismo de clase combativo"
Xunto ás sociedades mutualistas, de socorros mutuos, sindicatos católicos e organizacións patronais, desde principios da década dos anos vinte xurdiron os chamados pósitos de pescadores, unha tentativa de artellar entre os traballadores do mar un pacífico organismo situado nas antípodas do sindicalismo de clase combativo. Os pósitos eran os herdeiros das antigas confrarías creadas no século XVI e que sobreviviron até principios do XIX. De carácter paternalista e relixioso, ideoloxicamente moderados e inimigos da loita de clases, os pósitos non discriminaron entre armadores e mariñeiros. Sempre submisos ás autoridades gobernativas, buscaron a conciliación a través da asistencia de socorros e seguros e da mellora de infraestruturas portuarias. Ademais, crearon liñas de crédito para acceder á propiedade dos barcos de pesca. Impulsados polas autoridades de Mariña e polas clases adiñeiradas, en realidade os pósitos buscaron agochar e minimizar toda actividade reivindicativa e sindical, aproveitando a represión desatada tras o golpe de Estado de Primo de Rivera contra o sindicalismo de clase.
Durante a Segunda República, na costa galega funcionaron preto de sesenta pósitos con algo máis de sete mil adheridos, en especial en pequenos portos de pesca artesanal. Malia que destacaron en labores educativas e culturais, non foron quen de transformar as condicións laborais dos traballadores do mar, en especial se atendemos ao crecemento dos sindicatos de clase durante a etapa republicana. Tras a vitoria franquista, os pósitos foron substituídos en 1943 polas novas/antigas Confrarías de Pescadores, agora con forte cariz autoritario e profundamente nacional-católicas.
Que impacto ten a chegada da Segunda República nestas zonas?
En 1930, malia a represión padecida durante os anos da ditadura primorriverista, os sindicatos de clase manteñen un potencial asociativo que culminará a nivel estatal na creación da Federación Nacional de Obreros de la Industria Pesquera y Derivados, ligada á CNT. Na Galiza, ademais, as diferentes sociedades de mariñeiros comezan a integrarse na Confederación Regional Galaica. Todo iso prende a alarma na clase patronal que, acertadamente, entende que a problemática do mundo do mar traspasa os límites locais para xeneralizarse por todo o país. A patronal pesqueira será cada vez menos compracente e máis belixerante. Os sindicatos seguirán coas súas reclamacións de descanso semanal, subida salarial e incremento das dotacións nos buques pesqueiros.
"O tecido asociativo fíxose máis complexo e extenso, abrangueu toda a mariña galega e acolleu antes da guerra a case 18.000 homes e mulleres vencellados ao traballo no mar e os peiraos"
Durante os anos republicanos, os cadros da CRG entenderon que as conexións das relacións industriais nos diferentes portos pesqueiros facía necesaria unha federación estruturada e organizada nunha única entidade. Así, as antigas sociedades mariñeiras afectas á CNT pasaron a engrosar os chamados Sindicatos de Industria Pesqueira (SIP). O tecido asociativo fíxose máis complexo e extenso, abrangueu toda a mariña galega e acolleu antes da guerra a case 18.000 homes e mulleres vencellados ao traballo no mar e os peiraos. O impacto da República e as mudanzas político-sociais nestas zonas serán relatadas polo profesor Emilio Grandío que, sen dúbida, aportará unha visión moito máis esclarecedora do que eu podo comentar.
"O relato de folletín segundo o cal Galiza permaneceu sempre calada e desmobilizada xa quedou desbotado en multitude de estudos serios e rigorosos"
O que sucedeu nesas décadas no litoral galego desmente unha vez máis a idea de Galicia como un territorio conservador e desmobilizado politicamente?
Absolutamente. O mito da Galiza submisa, conservadora e mesmo reaccionaria é, xustamente, iso: un relato falaz e interesado, creado pola historiografía franquista para xustificar algunhas cuestións incómodas ou comprometedoras. O relato de folletín segundo o cal Galiza permaneceu sempre calada e desmobilizada xa quedou desbotado en multitude de estudos serios e rigorosos. Galiza non foi, como pensaba o xeneral sublevado Miguel Cabanellas, a despensa e o subministrador de homes e alimentos para os sublevados.
"Resistencia houbo e moita. O que non houbo foron medios e armas coas que defender a legalidade republicana. Como non ía haber resistencia na costa galega co elevado nivel de conciencia de clase?"
Houbo resistencia ao Golpe de Estado en xullo de 1936 nestas zonas? A represión nestas zonas foi especialmente dura?
Resistencia houbo e moita. O que non houbo foron medios e armas coas que defender a legalidade republicana. Como non ía haber resistencia na costa galega co elevado nivel de conciencia de clase que había? A mobilización para frear golpe de Estado existiu e as vítimas apareceron axiña. Non esquezamos que falamos dunha confrontación entre militares ben armados e civís que non estaban en igualdade de condicións. O asunto da resistencia e represión, manifestada esta última nos consellos de guerra da xurisdición de Mariña, será obxecto de análise por parte de Bernardo Máiz quen, xa en 2004, deu ao prelo un detallado estudo titulado Resistencia, guerrilla e represión no que aborda estas e outras cuestións.
Nestas zonas funcionaron, ademais, redes que permitiron a fuga de moitos republicanos. Que ficou nestas zonas despois do control de Galicia polos sublevados?
"O que ficou na Galiza tras o rápido control dos sublevados foi o medo e o terror. Tamén a eliminación de todo o tecido asociativo que tanto esforzo custara artellar. A represión contra homes e mulleres foi brutal"
O que ficou na Galiza tras o rápido control dos sublevados foi o medo e o terror. Tamén a eliminación de todo o tecido asociativo que tanto esforzo custara artellar. A represión contra homes e mulleres foi brutal. Sobre as redes de evasión e as fugas por mar falará Eliseo Fernández, profundo coñecedor destas accións desesperadas que, entre outras características, pretendían salvar a vida para, ao mesmo tempo, sumarse ás filas republicanas e continuar a loita contra o fascismo. O que moita xente descoñece é que aínda non rematado o mes de xullo de 1936 xa comezaron a producirse fugas de pesqueiros, motoras, bous, vapores... Fracasadas ou rematadas con éxito, o certo foi que foron ducias as fuxidas por mar, alongándose incluso até finais de 1948. Varios centos as persoas protagonizaron aquelas escapadas: libertarios, socialistas, comunistas, republicanos...