O 21 de xullo de 1939 fuxía do porto de Ares o Bou Ramón, un barco pesqueiro. Nel viaxaban, na procura da súa liberdade e da súa supervivencia, 27 republicanos que permaneceran agochados durante os tres anos anteriores, evitando a represión fascista. A fuga acadou o seu obxectivo, sendo rescatados por un pesqueiro francés, que os trasladou ao campamento de refuxiados de Barcarés. 75 anos despois destes feitos, os seus protagonistas serán homenaxeados en Ares, cunha serie de actos que terán lugar este sábado.
As actividades, organizadas pola Asociación Cultural Memoria Histórica Democratica e o Concello de Ares, comezarán ás 11 da mañá, nas Alianzas Aresás, con senllas conferencias a cargo de Eliseo Fernández e de Enrique Barrera. Pola tarde, a partir das 17 horas, desenvolverase no mesmo lugar un obradoiro de memoria, coa participación de varios descendentes dos protagonistas e coas actuacións do actor Roberto Leal Jiménez, fillo dun dos republicanos fuxidos, e do músico Víctor Aneiros. Finalmente, ás 20.30 inaugurarase un monumento en recordo da fazaña do Bou Ramón e dos seus tripulantes.
Enrique Barrera explica que non se tratou dun feito illado: "neses anos a xente ía saíndo como podía; meses antes en Ferrol houbo dúas fugas de bous, o Carmiña e o Teresita. E máis adiante houbo outras saídas doutros barcos, por exemplo dende Miño"
Enrique Barrera explica que non se tratou dun feito illado: "neses anos a xente ía saíndo como podía; meses antes en Ferrol houbo dúas fugas de bous, o Carmiña e o Teresita. E máis adiante houbo outras saídas doutros barcos, por exemplo dende Miño". Mais esta fuga, destaca Barrera, tivo elementos de grande espectacularidade, comezando polo feito de que o grupo de fuxidos, entre os que se atopaba o último alcalde republicano de Ferrol, Antonio Santamaría López, tivo que disfrazarse de falanxistas e de gardas civís, portando armas de madeira, para confiscar o pesqueiro.
O historiador expresa o seu desexo de que se vaian coñecendo máis detalles sobre esta acción, e de que todo isto poida reflectirse nun libro que afonde na historia do Bou Ramón. Coñécese a identidade dos fuxidos e mesmo parte da súa historia nos anos seguintes (algúns loitaron conta os nazis en Francia ou remataron no campo de concentración de Mauthausen), "pero queremos saber máis cousas, moita información que nos falta sobre como viviron agochados na bisbarra nos anos anteriores ou o que pasou coas súas familias e amigos". De feito, despois de que as autoridades franquistas se visen burladas, comezaron a deter as persoas próximas aos fuxidos, que sufriron un Consello de Guerra. Barrera amosa a súa esperanza en que o obradoiro que terá lugar pola tarde sirva para coñecer máis información, máis relatos, máis historias sobre esta historia. "A data de hoxe sabemos máis cousas das que sabiamos hai uns meses, cando comezamos a organizar a homenaxe", salienta.
"É moi importante sacar á luza estas testemuñas. Parece mentira, pero aínda hai xente que ten medo de falar. Cada vez que morre un señor maior é coma un libro que arde, que se destrúe. E cada vez temos menos tempo, porque as fontes escritas sempre van estar aí, pero non así as fontes orais", conclúe.
En Mugardos, homenaxe a Francisco Martínez Leira, Pancho
En Mugardos, ao longo de todo o mes de xaneiro, celebraranse actividades ao redor da figura de Francisco Martínez Leira, Pancho, o derradeiro guerrilleiro que actuou na comarca de Ferrolterra e que foi asasinado pola Garda Civil hai 60 anos. Pancho foi homenaxeado cunha ofrenda floral no cemiterio de Meá o pasado 31 de decembro, data na que se cumpriron os 60 anos do seu pasamento. O vindeiro venres 16 de xaneiro, no local social do colectivo Terra, o historiador Bernardo Máiz dirixirá un faladoiro co título Pancho, o último guerrilleiro, que será acompañado por un concerto de Mini e Mero. O venres seguinte, día 23, as actividades trasladaranse ao propio Concello de Mugardos, cuxo salón de plenos acollerá unha nova palestra do historiador. Finalmente, o venres 30 de novo a Casa do Concello acollerá a proxección do documental As silenciadas, de Pablo Ces Marco, e unha tertulia con Aurora Marco.
A pesar da súa ideoloxía esquerdista Francisco Martínez Leira, Pancho, tivo que marchar á fronte no bando nacional, aínda que numerosas fontes destacan que neses mesmos anos colaboraba xa cos fuxidos e republicanos agochados. Finalizada a guerra, achégase ás clandestinas ANFD e Unión Nacional e ao Partido Comunista, e comeza a exercer de enlace para a guerrilla, á que se incorpora en 1948. Cando o partido decide mudar a estratexia de loita, desbotanto a opción da guerrilla, Pancho rexeita marchar a Francia, e permanece nos montes da bisbarra, realizando accións, reparto de propaganda e asaltos a dereitistas. Porén, pouco a pouco foise pechando o cerco ao seu redor, e tras ser ferido en outono de 1954 toma a decisión de exiliarse. Confiou nun familiar, que o traizoou, citándoo o 31 de decembro de 1954 en Ombre, Pontedeume, onde o agardaban dous gardas civís que, disfrazados, lle deron morte.