O Supremo condena os Franco a devolver as esculturas do Mestre Mateo ao Concello de Santiago

As esculturas do Mestre Mateo, nunha imaxe divulgada pola Xunta cando estiveron expostas temporalmente en Santiago CC-BY-SA Xunta

As esculturas foron mercadas polo consistorio en 1948, o ditador e a súa esposa quedaron con elas nos anos 50 e o goberno local litiga para recuperalas dende 2017

No ano 2017 o Concello de Santiago emprendeu un procedemento xudicial para tentar recuperar dúas esculturas obra do Mestre Mateo. As pezas foran parte da composición orixinal do Pórtico da Gloria e o consistorio mercárallas en 1948 ao conde de Ximonde, Santiago Puga, para integralas no "patrimonio artístico da cidade", pero acabaran en poder de Franco e da súa esposa, cuxos herdeiros veñen de ser condenados definitivamente polo Tribunal Supremo a devolvelas.

En 1954 a esposa  do ditador, Carmen Polo, amosou un "interese insistente" nas esculturas ao visitar o Pazo de Raxoi canda o seu marido durante os actos do 25 de xullo, cando acudiran a facer unha ofrenda ao Apóstolo e mais a inaugurar o Hostal dos Reis Católicos. A consorte do xeneral golpista suxeriu "de forma inequívoca que pasasen á súa posesión" e, aínda que non houbo "formalidade ningunha" para facelo, sete anos despois xa apareceron nunha exposición como "cesión" dos Franco, documentara o Concello.

As esculturas, no Pazo de Meirás, nunha imaxe do inventario realizado polo Estado durante o proceso para recuperar a propiedade CC-BY-SA Inventario do Pazo de Meirás - Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

O proceso para tentar recuperar as esculturas, iniciado no período do goberno municipal de Compostela Aberta, sufriu dous reveses importantes. O primeiro, en 2019, cando a xuíza de Madrid que tramitaba o caso, de controvertido perfil, desestimou a demanda con argumentos como que os Franco gozaran da posesión de forma pacífica, pública e continuada durante décadas sen que ninguén a reclamase ou que o Concello non identificara correctamente as pezas.

O alto tribunal sentencia que a Audiencia de Madrid incorreu nun "erro patente na valoración da proba" ao concluír que o concello compostelán non identificou "adecuadamente" as pezas que reclamaba. As esculturas en poder dos Franco son as mesmas, "sen posibilidade de dúbida"

O goberno compostelán recorreu a sentenza, pero en 2019 a Audiencia de Madrid desestimou o recurso. Se ben admitiu que as esculturas son do Concello, permitiu que seguisen en poder dos Franco. Como expón a sentenza ditada este 18 de xuño de 2025 pola Sala Primeira do Tribunal Supremo, "considerou que os bens reivindicados non estaban adecuadamente identificados", afirmando que non existían "probas de que as estatuas adquiridas polo Concello fosen as mesmas" que seguían nas mans dos Franco. E iso é tanto como incorrer nun "erro patente na valoración da proba".

En resposta ao recurso formulado polo Concello en 2020, durante o goberno do PSdeG, o Supremo conclúe que "a identificación das estatuas reivindicadas" por parte do consistorio "é clara" e "despréndese sen lugar a dúbida dos documentos achegados e do informe pericial" esgrimido por Compostela. E faino "sen posibilidade de dúbida".

Documentos achados polo Concello de Santiago en 2017 sobre a adquisición das esculturas © Concello de Santiago

Así, o Supremo detalla que no expediente municipal para a compra en 1948, as pezas foron descritas con detalles como que "unha delas presenta unha fractura". Mentres que a Audiencia de Madrid afirma "que ningunha das estatuas" reclamadas polo Concello "presenta a fractura", o certo é que "as fotografías achegadas como proba documental" amosan "a simple vista que a única das estatuas de todas as extraídas da catedral e atribuídas ao Mestre Mateo" que ten esta eiva é unha das reclamadas. Así, a afirmación da Audiencia foi "claramente errónea".

"As dúas esculturas románicas atribuídas ao Mestre Mateo percenten ao Concello de Santiago" e os herdeiros do ditador son condenados a "restituílas" ao seu propietario

Probas coma esta, abondan, evidencia que "as únicas estatuas que se corresponden coas descritas nos informes" do expediente da compra "son as que se atopan no poder" dos Franco e "son as reivindicadas na demanda" do Concello de Santiago. E, dado que a propia sentenza da Audiencia acreditou que o Concello mercou as pezas e que non hai documentación ningunha que acredite como pasaron a mans dos Franco, fica claro que "a perda da posesión das estatuas por parte do Concello se produciu por unha vía de feito e non mediante unha actuación administrativa regulada".

O "erro" da Audiencia de Madrid, en síntese, foi "patente, directamente verificable de forma incontrovertible a partir de actuacións xudiciais" e levou a "unha conclusión contraria aos principios da lóxica e da experiencia". Agora queda claro que o Concello si identificou correctamente as esculturas e polo tanto o Supremo declara "que as dúas esculturas románicas atribuídas ao mestre Mateo (...) pertencen ao Concello de Santiago" e condena os herdeiros de Franco a "restituílas" ao goberno municipal.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.