Praza Pública

Unha ducia de imaxes do periplo das esculturas do Mestre Mateo en poder dos Franco

O Consello da Cultura Galega activou recentemente un especial web no que difunde material inédito que recolle a historia das esculturas do Mestre Mateo en poder dos Franco, un percorrido das figuras documentado por Francisco Prado-Vilar, doutor pola Universidade de Harvard. Recollemos unha ducia de momentos cos textos do propio Consello da Cultura.

  1. 01

    O emprazamento orixinal

    A colocación de portas nas tres entradas do nártice do Pórtico da Gloria no século XVI precisou da retirada de tres parellas de esculturas, David e Salomón na entrada da esquerda, Enoc e Elías na do centro e, na da dereita, Xeremías e Ezequiel, profetas do exilio que chaman ao arrepentimento como anticipo das condenas do xuízo final representadas nesa sección do pórtico.

  2. 02

    As esculturas de Enoc, Elías e Santiago ‘Miles Christi’ na Exposición Rexional Galega

    Na Exposición Rexional Galega de 1909, celebrada en Santiago, exhibíronse por primeira vez tres das cinco esculturas da desaparecida fachada do Mestre Mateo da Catedral de Santiago, conservadas ata entón no pazo de Ximonde en Vedra. Pechada a exposición, permaneceron no claustro do Colexio de San Clemente ata 1928.

    [Imaxe: Claustro do Colexio de San Clemente co profeta Enoc en primeiro plano. Autor: Morelló i Nart, Joaquim. Centre Excursionista de Catalunya. Fondo: Memòria Digital de Catalunya]

  3. 03

    1928: As esculturas do Mestre Mateo e o Seminario de Estudos Galegos

    Dous membros do Seminario de Estudos Galegos, Xesús Carro e Filgueira Valverde, asesoraron á Catedral de Santiago na formación do Museo Diocesano. Entre as pezas que incorporou o centro estaban as tres esculturas do Mestre Mateo que o conde de Ximonde prestara para a Exposición Rexional Galega.

    [Imaxe: Membros do Seminario de Estudos Galegos. Entre eles: Xesús Carro e Filgueira Valverde.]

  4. 04

    1936: O Pórtico da Gloria en tempos de guerra

    Ricardo de Orueta, director xeral de Belas Artes, visita e fotografía as esculturas. A franquista Comisaría de Defensa do Patrimonio presenta un plan de emerxencia para evacuar os tesouros artísticos de Compostela.

    [Imaxe: Documentación confidencial sobre o traslado de obras de arte de Santiago de Compostela en caso de guerra. Fondo: Comisaría de la Primera Zona de Defensa del Patrimonio Artístico Nacional, Arquivo de Galicia, Santiago de Compostela]

  5. 05

    1946: Bouza-Brey propón que o Museo Arqueolóxico Nacional adquira as esculturas

    Fermín Bouza Brey, amigo do conde de Ximonde, serve de mediador para a oferta de venda das cinco esculturas do Mestre Mateo ao Museo Arqueolóxico Nacional.

    [Imaxe: O profeta Xeremías no pazo de Ximonde. Fondo: Durán Loriga / Museo de Pontevedra]

  6. 06

    1948: O concello de Santiago adquire as esculturas de Ezequiel e Xeremías

    Seguindo uns protocolos estritos, o Concello de Santiago tramita a compra dos profetas do Mestre Mateo que se atopaban no pazo de Ximonde. O proceso de adquisición culmina coa sinatura da escritura de compravenda o 4 de xuño de 1948.

    [Imaxe: Retrato de Sarmiento Garra nunha entrevista de El Correo Gallego (2 de abril de 1947)]

  7. 07

    1948: Retirada das esculturas do Mestre Mateo do museo da catedral de Santiago

    O conde de Ximonde decide retirar as tres esculturas que permanecían en depósito no Museo da Catedral para facilitar a súa venda. Esta decisión fixo que se iniciase unha busca policial para determinar o seu paradoiro.

    [Imaxe: As esculturas na Granxa "El Baliño". Fondo: Real Academia de Belas Artes de San Fernando (esquerda) / Arquivo Xeral da Administración (dereita)]

  8. 08

    1954: A condesa de Ximonde ofrécese a vender as esculturas do Mestre Mateo

    A condesa de Ximonde, María Carrasco, vende ao Estado, para o Museo de Pontevedra, as figuras dos profetas Enoc e Elías. Nas negociacións participaron importantes persoeiros como Chamoso Lamas, Filgueira Valverde e Sánchez Cantón, interesados en que as esculturas do Mestre Mateo non saísen de Galicia.

  9. 09

    1954: O Ano Santo no que se decide o traslado das esculturas do Concello de Santiago ao Pazo de Meirás

    Evidencias epistolares e fotográficas revelan a cronoloxía da decisión de trasladar ao pazo de Meirás as esculturas do Mestre Mateo do Concello de Santiago durante o Ano Santo de 1954.

  10. 10

    1961: Fraude no catálogo da exposición do Románico

    O contorno de Franco interveu para que as esculturas mateanas figurasen no catálogo da Exposición de Arte Románico de 1961 como “propiedade do Xefe do Estado”.

    [Imaxe: Capitel cedido por Blanco-Cicerón para a Exposición do Románico. Ao fondo fotografía dun profeta. Procedencia: Arxiu Mas. Fundació Institut Amatller d'Art Hispànic]

  11. 11

    1961: Historia dunha familia: Os Blanco-Cicerón e o patrimonio

    En contraste coa actuación dos Franco, en 1963 a familia Blanco-Cicerón decidiu depositar a súa extraordinaria colección de escultura románica e do Mestre Mateo para gozo público na catedral de Santiago.

    [Imaxe: O neno Carlos Acuña Castroviejo, bisneto de Ricardo Blanco-cicerón, no xardín da casa familiar na rúa da Senra 3 de Santiago. Fondo: Colección Blanco-Cicerón.]

  12. 12

    1978: Incendio no Pazo de Meirás

    Durante o famoso incendio de 1978, as filmacións revelan como as esculturas están dispostas no xardín do pazo de Meirás.

    [Imaxe: Incendio do Pazo de Meirás. Fondo:RTVE.]