Case 700 obxectos. Foi os que inventariaron os técnicos de Patrimonio da Xunta no Pazo de Meirás seguindo as ordes da xuíza que instrúe a causa sobre a propiedade das Torres e logo de que aplicase medidas cautelares para impedir que a familia Franco leve calquera obxecto do inmoble.
Os técnicos de Patrimonio da Xunta inventariaron 697 bens, 616 no interior do Pazo e 81 no exterior
En concreto, os técnicos da Xunta inventariaron, segundo o informe ao que tivo acceso Praza.gal, 81 elementos do exterior do Pazo e 616 do seu interior, nun detallado traballo que incluíu a toma de máis dun milleiro de fotografías e 80 vídeos.
Os técnicos destacan que o obxectivo é "realizar un inventario completo dos bens que se atopaban na propiedade" e aclaran que hai obxectos ou mobles domésticos que polas súas características, deterioración ou adquisición claramente contemporánea non foron incluídos na listaxe final.
O inventario inclúe as esculturas de Abraham e Isaac, do Mestre Mateo, e un "importante fondo bibliográfico" de ata 13.000 obras
Entre as pezas inventariadas, as "esculturas pétreas" de Abraham e Isaac do Mestre Mateo --polas que o Concello de Santiago mantén unha batalla xudicial cos Franco--, unha bula papal enmarcada, numerosos e valiosos lenzos, unha ánfora fenicia, tallas relixiosas, un sarcófago de pedra, moitos trofeos de caza, bustos, así como innumerables pezas de mobiliario de todo tipo e época. Ademais, un fondo bibliográfico con milleiros de libros, gran cantidade de alfombras ou retablos, entre outros bens.
No exterior, o inventario dá conta de tres hórreos, un cruceiro, fontes de pedra ou diversas esculturas espalladas que representan a varios santos (Pablo, Francisco, Cristóbal ou Andrés). Tamén unha pila baustimal ou varios reloxos de sol.
Os técnicos de Patrimonio da Xunta destacan o "importante fondo bibliográfico", que incluiría entre 9.000 e 13.000 exemplares con volumes, na súa maioría, de edicións dos séculos XIX e XX.
Ademais do inventario da Xunta, Patrimonio Nacional tamén levou a cabo o seu propio informe sobre os bens das Torres de Meirás co que intenta determinar se os obxectos alí gardados son ou non propiedade do Estado. No documento, ao que tamén tivo acceso Praza.gal, destácase que na vivenda hai mesmo mobles mercados ou encargados pola familia real.
Patrimonio Nacional destaca que no Pazo hai mobles e bens "de índole marcadamente institucional" e que pertenceron á familia real
Hai, como destaca Patrimonio Nacional, "mobiliario e enseres de carácter decorativo de índole marcadamente institucional". Ademais, aclara nas súas conclusións a necesidade dun estudo máis exhaustivo e recomenda prestar "especial atención ao mobiliario e aos bronces" ao haber "máis pezas das reseñadas" no documento e cuxa calidade "fai sospeitar que poderían ter a súa orixe nas Colecciones Reales Españolas". "O mesmo ocorre coa biblioteca", insiste.
Así, o informe repara nunha pantalla de cheminea encargada por Alfonso XII, un moble que formou parte da Sala de Música da raíña Victoria Eugenia ou un escritorio que estaba no Palacio Real de Madrid.
Ademais, Patrimonio Nacional pide que se proceda igual cos bens da primeira medade do século XX, especialmente con todas as alfombras e porcelanas, "para buscar a marcas, etiquetas e siglados da Fundación Generalísimo Franco, Industrias Artísticas Agrupadas".
Aléndisto, lembra que este informe é só unha "investigación preliminar" sobre os mobles máis facilmente recoñecibles como de Patrimonio Nacional, pero que "é moi posible que non sexan os únicos e que, de continuar as investigacións, se atope máis documentación relacionada coa titularidade doutras das pezas conservadas no edificio".
O inventario levado a cabo pola Xunta, entregado xa ás diferentes administracións e aos herdeiros do ditador, será agora clave no debate que se levará a cabo para determinar que bens forman parte ou non do conxunto do Pazo de Meirás e, xa que logo, pasanrán a ser este xoves, co acto de entrega previsto, propiedade do Estado de maneira provisional e mentres non haxa unha sentenza firme.
No inventario participaron unha historiaddor ada arte, un arqueólogo, dous arquitectos e un representante de Patrimonio Nacional.