A alerta lanzábaa o deputado do BNG Luís Bará o pasado sábado e confirmábao a familia Franco en declaracións ao diario La Razón publicadas este domingo, 8 de novembro. Os herdeiros do ditador teñen en marcha a contratación de "entre trinta e cincuenta camións" para facer a "mudanza" e baleirar o Pazo de Meirás antes de que o 10 de decembro, ás 11 da mañá, sexa executada provisionalmente a sentenza que os obriga a devolver o predio ao Estado, tal e como sentenciou un xulgado da Coruña en resposta á demanda do Goberno de España.
En declaracións a 'La Razón', os herdeiros do ditador confirman que teñen en marcha a contratación de "entre trinta e cincuenta camións" para baleirar o Pazo, que conta no seu interior con "obxectos de moitísimo valor"
Citando persoas "próximas á familia" do xeneral golpista, o mesmo xornal sinala que os Franco acreditan que en Meirás contan con "obxectos de moitísimo valor" como "cristalarías, cadros, tapices, armas", pinturas de "Álvarez de Sotomayor o Zuloaga" e tamén as dúas esculturas do Mestre Mateo que formaran parte do Pórtico da Gloria e por cuxa propiedade litiga o Concello de Santiago dende hai máis de tres anos. Estas esculturas, cuxa devolución agora é asumida por todo o arco parlamentario galego, son Ben Interese Cultural dende 2019.
Esa condición de BIC, coa que tamén conta o propio pazo, é especialmente relevante á hora dun eventual traslado. Non en van, a lei do Patrimonio Cultural de Galicia establece, no seu artigo 64, que "o traslado de bens mobles declarados de interese cultural deberá ser autorizado" pola Consellería de Cultura, indicando cal é o destino e "as condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento".
Segundo a Xunta, polo momento os Franco non pediron a autorización esixida na lei de patrimonio cultural para o traslado das esculturas do Mestre Mateo, obrigatoria pola súa condición de BIC
Ante esa comunicación, a Xunta pode autorizar ou non o traslado e, se dá o seu visto e prace, ten a facultade de dar "as instrucións precisas para garantir a salvagarda do ben" e "adoptar as medidas necesarias para paralizar o desprazamento cando se aprecie a existencia de riscos para a súa conservación e protección". O propio Goberno galego evidenciaba este domingo a existencia desa obriga legal de "comunicar previamente calquera posible traslado", algo que, asegura, "non consta neste momento na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural".
No caso de que os Franco optasen por trasladar as esculturas sen comunicalo ou sen permiso, a lei contempla sancións de entre 300 e 150.000 euros. Concretamente, se un ben moble declarado BIC é trasladado sen autorización, a norma considérao unha infracción leve, sancionada con entre 300 e 6.000 euros.
Esta semana reúnese o comité de persoas expertas que, presidido polo profesor Emilio Grandío, estuda as vías para a recuperación das esculturas pola que litiga o Concello de Santiago dende 2017
Se ese traslado se produce e ademais, o ben sofre algún dano, a infracción pasa a ser grave e a multa, duns 150.000 euros. Así e todo, estas sancións serían relativamente menores para o patrimonio dos herdeiros do ditador, que diversas investigacións cifran nuns 400 millóns de euros. Estudos como o debullado no libro Los Franco, S.A., do xornalista Mariano Sánchez, apuntan a un patrimonio que, entre o entramado empresarial da familia e outras propiedades, roldaría os 500 millóns.
Coa anunciada mudanza como pano de fondo, Xunta e Concello de Santiago confirmaban tamén este domingo que o vindeiro mércores se celebrará a primeira xuntanza do comité de persoas expertas que ten encomendado "estudar as últimas evidencias en torno ás figuras" do Mestre Mateo e "valorar accións conxuntas para a súa reintegración no patrimonio público". O equipo está encabezado polo profesor da USC Emilio Grandío, cuxas pescudas xa foron clave na recuperación do Pazo de Meirás.