Os Franco solicitan 13 anos de cadea para cada unha das persoas que ocuparon simbolicamente o Pazo de Meirás o pasado verán reclamando a súa devolución ao pobo galego. Así o veñen de anunciar 14 das 19 que participaron naquela protesta. Son a Fundación Francisco Franco, que xestiona as visitas ao inmoble, a filla do ditador xa falecida, Carmen Franco, e o neto deste, Cristóbal Martínez-Bordiu os que reclaman cadea para estes homes e mulleres, entre os que se incluían dirixentes políticos ou activistas sociais e da Memoria Histórica.
A Fundación Francisco Franco, Carmen Franco e Cristóbal Martínez-Bordiu piden 13 anos de cadea para cada activista
Todo xorde daquel 30 de agosto pasado, cando un grupo de militantes do BNG e outras organizacións próximas accederon ao recinto de Meirás e colgaron das súas torres dúas pancartas para esixir a súa devolución, nunha xornada na que o inmoble estaba aberto ás visitas ao público. "Que nos devolvan o roubado, franquismo nunca máis", rezaba a outra pancarta dunha acción que desenvolveron tamén nas redes sociais a través da etiqueta #OPazoÉdoPobo.
Na rolda de prensa desta mañá, varias das 19 persoas denunciadas polos Franco deron conta da denuncia presentada pola familia do ditador e consideraron "unha barbaridade política que os bens espoliados e roubados polo ditador continúen nas mans da súa familia e non tivesen pasado ao patrimonio público no final da ditadura". Ademais, recalcaron que acción "reivindicativa" que realizaron o 30 de agosto de 2017 "foi pacífica e simbólica, sen ningún tipo de incidente nin de dano ao patrimonio".
A denuncia foi presentada no xulgado de Betanzos e acusa as 19 persoas de posible violación de morada, delito contra o honor, danos e delito de odio. Cos agravantes incluídos na demanda, a petición de penas rolda os 250 anos en conxunto para os homes e mulleres participantes, entre os que se inclúen tres membros da Executiva do BNG, Bieito Lobeira, Rubén Cela e Néstor Rego; o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández; así como o que fora secretario xeral da CIG, Suso Seixo.
"A acción reivindicativa foi pacífica e simbólica, sen ningún tipo de incidente nin de dano ao patrimonio"
Precisamente, Néstor Rego advertiu na comparecencia pública de que a "loita" que levaron a cabo aquel 30 de agosto "continúa sendo xusta e necesaria" e que "só finalizará cando todo o patrimonio espoliado sexa rescatado para o conxunto do pobo galego". "Rescatar o Pazo de Meirás, a Casa de Cornide e as estatuas do Mestre Mateo é unha incontornábel exixencia democrática e unha maneira de facer xustiza ás vítimas directas do espolio e á totalidade de vítimas do franquismo", engadiu. A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, xa anunciou que denunciará ante Europa "esta aberración" porque é "inadmisible".
A acción reivindicativa producíase en pleno debate sobre a devolución ao patrimonio público do Pazo de Meirás, reavivado despois de que os herdeiros do ditador lle encomendasen á Fundación Francisco Franco a xestión das visitas ao pazo, obrigadas pola súa condición de Ben de Interese Cultural (BIC). A organización franquista advertira, ademais, de que usaría a xestión das visitas para facer apoloxía da ditadura durante o roteiro.
Eurodeputados acudiron hai un mes ao Pazo nunha visita que virou nunha oda ao franquismo e ao ditador
Abofé que o fai. Hai agora un mes, varios eurodeputados da delegación do Grupo de Memoria Histórica do Parlamento Europeo, acompañados de xornalistas, percorreron o inmoble nunha visita na que o guía, membro da Fundación Francisco Franco, evitou calquera alusión á guerra civil, á ditadura ou ao réxime totalitario e na que gabou o xeneral fascista, ademais de criticar os intentos por devolver as Torres ao público.
A Fundación Francisco Franco advertira tras a protesta de que os "asaltantes" recibirían "o seu xusto castigo"
Alén disto, e poucos días despois da acción simbólica do pasado mes de agosto, a Fundación Franco advertira de que faría "todo o que estea na súa man para asegurarse de que que os asaltantes reciban o seu xusto castigo de acordo coa lei". Nun comunicado, a entidade fascista comparaba esta acción de afiliados do Bloque co que considera a "sedición dunha ampla maioría das institucións democráticas catalás", en referencia á convocatoria do referendo do vindeiro 1-O, e aseguraba que a súa decisión de facer pública a denuncia do que considera un "asalto" é "aconsellable" ante a "escurantista presentación do referido asalto por parte de múltiples actores políticos e mediáticos".
“É como mínimo irónico que unha fundación que fai apoloxía do fascismo e da ditadura acuse persoas demócratas dun delito de odio e de atentado ao honor”, dixeron os agora demandados, que entenden que "as acusacións carecen de fundamento” e esperan que a acción realizada sexa considerada como o que realmente foi: “Un acto pacífico e democrático para expresar e defender unha posición que sabemos compartida por todas as persoas demócratas deste país, que debe ser entendido dentro do exercicio democrático da liberdade de expresión”.
Desde o BNG amosaron o seu apoio ás persoas denunciadas e consideraron "un despropósito e unha anomalía democrática tanto a denuncia como a existencia mesma da Fundación Franco", así como "o feito de que os bens espoliados pola ditador aínda non fosen devoltos ao seu lexítimo dono, --o pobo galego--, e sigan a ser propiedade e lugar de recreo da familia Franco corenta anos despois da desaparición do réxime franquista".
Ademais, o deputado do Bloque, Luís Bará formulou este xoves unha pregunta ao Goberno galego sobre a demora no traslado ao Parlamento da información solicitada pola súa formación sobre o pazo de Meirás, da familia propietaria e da Fundación Francisco Franco. O parlamentario preguntou se o Executivo “ten algo que agochar” para non remitir esta información e acusouno de “falta de transparencia e opacidade” por negarse continuamente a informar sobre os asuntos requiridos polos grupos parlamentarios.
As 19 persoas denunciadas no caso do Pazo de Meirás son: Mario Maceiras, Manuel da Cal, Suso Seixo, Óscar Calvo, Armando Carril, Alberte Ansede, Manuel Polo, Marta da Costa, Alfredo López, Silvia Seixas, Álvaro García, Xosé Manuel Magariños, Néstor Rego, Rubén Cela, Anxo Louzao, Ramira Oubiña, Bieito Lobeira, Lucía López e Alberte Fernández.