0 Gardados para despois

A Fundación Franco advirte dun "xusto castigo" aos militantes do BNG por "asaltar" Meirás

Redacción | @prazapublica

A Fundación Francisco Franco teima nos seus comunicados sobre o Pazo de Meirás. Logo de que se coñecese hai varias semanas que vai xestionar as visitas ao inmoble e que pretende con elas exaltar a figura do ditador, a entidade fascista deu en responder a todas as reaccións políticas, protestas ou iniciativas institucionais. Desta vez, e logo de que dese por "canceladas" as obrigadas visitas ao BIC "ata nova orde" e a familia do ditador se enfronte a unha nova multa, a institución responde á ocupación simbólica levada a cabo por militantes do BNG o pasado 30 de agosto e advirte de que "fará todo o que estea na súa man para asegurarse de que que os asaltantes reciban o seu xusto castigo de acordo coa lei". 

A Fundación Francisco Franco ameaza o BNG e di que buscará que "os asaltantes reciban o seu xusto castigo de acordo coa lei"

No comunicado, a Fundación compara esta acción de afiliados do Bloque co que considera a "sedición dunha ampla maioría das institucións democráticas catalás", en referencia á convocatoria do referendo do vindeiro 1-O, e asegura que a súa decisión de facer pública a denuncia do que considera un "asalto" é "aconsellable" ante a "escurantista presentación do referido asalto por parte de múltiples actores políticos e mediáticos". Ademais, a entidade fascista ameaza e advirte que "esta decisión terá consecuencias importantes" e, na súa opinión, "moi positivas sobre a sociedade española". Será así, engade, "porque a aplicación do peso da lei aos culpables do asalto ao Pazo de Meirás e aos culpables da sedición do Parlamento regional catalán será o cabalo de batalla do enfrontamento entre a democracia e a lei na España dos vindeiros meses". 

A entidade advirte de que a súa denuncia "terá consecuencias moi importantes" e "moi positivas sobre a sociedade española"

Para a Fundación, o relevante "non é o asalto en si mesmo", xa que, segundo din, "o respecto á lei da esquerda española é nulo", senón "na resposta ante o devandito asalto". Así, censura que "unha ampla maioría das organizacións políticas e mediáticas españolas tomou a decisión de non condenar o flgrante delito cometido" e denuncia que "decidiu nin tan sequera mencionar que o referido asalto era obviamente ilegal". 

A institución franquista quéixase de que "a versión máis difundida do asalto defíneo como un pequeno festexo, no cal os delincuentes son presentados como defensores do ben común, e as vítimas do delito, a familia de Francisco Franco e a Fundación en tanto que organizador das visitas, son descritos como delincuentes". "Como é posible que na España da II Restauración Borbónica se alcanzase un grao tan elevado de falta de respecto público á lei?", pregúntase a entidade, que se responde a si mesma: "Débese a unha erróneea equiparación entre democracia e lei". 

"Os delincuentes son presentados como defensores do ben común e as vítimas como delincuentes", asegura a institución franquista

A Fundación, na súa habitual retórica reaccionaria, denuncia que "en España son lexión os que pensan que a democracia debe prevalecer sobre la lei". E considera que este erro "explica a reacción política e mediática ao asalto ao Pazo de Meirás". "Como o asalto tivo lugar contra unha entidade que defende a España de Franco, o politicamente correcto é definilo como unha actuación democrática e, en consecuencia, legal". E a institución resume: "A sedición do Parlamento rexional e a non condena do asalto ao Pazo de Meirás nacen dun mesmo mito: que a democracia debe prevalecer sobre a lei". 

O Bloque non tardou en responder ao comunicado da entidade franquista. O seu deputado Luís Bará cualificou de “inaudito e intolerable” que a estas alturas a  Fundación Franco “sexa legal, que se comporte con total impunidade, que reciba beneficios dos poderes do Estado, que incumpra a lei nas visitas ao Pazo de Meirás” e agora anuncie ameazas contra o BNG pola acción simbólica de ocupación do Pazo. A formación nacionalista pedirá, a través dunha proposición non de lei ilegalizar esta institución por "apoloxía do franquismo, terrorismo e xenocidio” e declarala, xunto coa familia do ditador “non gratas en Galiza”.

O BNG advírtelle á Fundación que non lle ten medo e que non acepta "nin ameazas nin chantaxes"

Bará recalcou que  no BNG non acepta “nin ameazas nin chantaxes” por parte dos franquistas. “Non lles temos medo” e "seguiremos denunciando por todos os medios o incumprimento da lei, a impunidade do franquismo, o espolio, o roubo de bens públicos pola familia Franco e a complicidade das institucións do Estado, da Xunta de Galiza e do PP co franquismo”.

O nacionalista lembrou que na sesión plenaria que comeza este martes na Cámara galega, o PP terá unha oportunidade para dicir de que lado está, “do lado dos franquistas ou da democracia” no debate dunha proposta do BNG para declarar “non gratas en Galiza” a familia Franco e a Fundación Franco, condenar as declaracións da Fundación Franco e instar a súa ilegalización por “apoloxía do franquismo, terrorismo e xenocidio” e demandar a devolución do Pazo de Meirás

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

O PSdeG pide recuperar o Pazo "sen compensar a familia Franco"

O portavoz do grupo do PSdeG no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamou este luns a reversión do Pazo de Meirás á titularidade pública “sen compensación á familia Franco”,. O responsable socialista presentoua proposta socialista para constituír unha comisión técnica con participación de historiadores e xuristas para explorar as vías para recuperar o inmoble.

O PSdeG presentou a súa proposta de comisión técnica con historiadores e xuristas para explorar as vías para recuperar o Pazo

A proposta socialista propón un órgano liderado pola Xunta e no que tamén participen os concellos da Coruña e Sada, así como a Deputación Provincial, para analizar as condicións na que se produciu a doazón orixinalmente. O responsable socialista sinala que “a información que nos chega é que se produción sen voluntariedade, con coaccións, imposta pola Falange, no contexto dun golpe de Estado e con autoridades ilexítimas".

O responsable socialista propuxo explorar todas as vías para reverter o inmoble á titularidade pública "sen que iso supoña compensar á familia que actualmente goza del a consecuencia dun acto ilexítimo" que foi “unha doazón imposta por coacción”.

Leiceaga pide á Xunta que aplique a "sanción máxima posible" á familia Franco por pechar as portas do Pazo de novo

Ademais, reclamoulle á Xunta que aplique “a sanción máxima posible” polo novo peche das portas do Pazo ás visitas ao público, en contra da Lei de Patrimonio Público de Galicia. O Executivo, dixo, debe ter en conta os incumprimentos reiterados das obrigas da familia, que considera “unha burla á sensibilidade democrática da inmensa maioría da cidadanía de Galicia”, para ofrecer unha resposta “proporcionada, firme e consensuada”.

Finalmente, puntualizou que “non é admisible facer apoloxía da ditadura, e moito menos facelo a partir de posicións toleradas pola nosa sensibilidade democrática”. Aludiu así a que a apertura do inmoble sen realizar apoloxía do franquismo “non se consegue se é a Fundación Franco a que se ocupa de organizar as visitas”.

En Marea cualifica de "irrisoria" a multa da Xunta e EU denunciará a Fundación Franco

A deputada de En Marea no Parlamento galego, Ánxeles Cuña, cualificou de “irrisoria” a multa que Xunta impuxo á Fundación Franco por incumprir as visitas ao Pazo de Meirás e censurou as declaracións de Feijóo en referencia á solicitude de expropiación. “Está moi ben documentado o espolio ao pobo”, dixo a parlamentaria antes de engadir que os bens da familia Franco “conseguíronse practicamente a punta de pistola”.

Para En Marea, segundo aclarou, é unha "cuestión de vontade política" e insta o PP a “non seguir aldraxando as vítimas con palabras que só demostran a conivencia coa familia do ditador, e a favor da consolidación do saqueo”, denunciou a parlamentaria da confluencia.

“É a conciencia da sociedade civil de que hai que reparar a memoria a que está pedindo a devolución do Pazo de Meirás ao pobo”, lembrou Cuña. “É o que se fixo en todos os países democráticos, maduros e civilizados”, concluíu.

Por outra banda, a coordinadora de Esquerda Unida (EU) e deputada de En Marea Eva Solla anunciou que a intención de denunciar ante a Fiscalía "indicios" dun delito de odio por parte da Fundación Francisco Franco polas súas declaracións nas últimas semanas, en "conivencia" coa Xunta.

EU prevé denunciar a Fundación Franco por "indicios" de delito de odio

Nunha conferencia de prensa, Solla explicou que as declaracións de portavoces da devandita Fundación poden ser entendidas como un delito de odio, por "negar crimes de lesa humanidade". Por iso, sinalou que EU está a traballar na presentación dunha denuncia "en próximas datas", aínda que opinou que a Fiscalía "debería estudar" de oficio o ánimo desta entidade de "degradar ás vítimas".

Ademais, censurou que aínda continúa sen cumprirse en España a Lei de Memoria Histórica e, neste sentido, denunciou a postura das administracións públicas que "amparan a actitude dunha Fundación que nega os fusilamentos e condenas de morte". Así, criticou a postura do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, por mostrarse contrario a unha expropiación do Pazo de Meirás á familia Franco.