Xa hai data e hora. 10 de decembro de 2020 ás 11 da mañá. Catorce anos despois de que o Goberno galego de PSdeG e BNG iniciase os trámites para declarar o Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural, dando pé á súa apertura ao público por primeira vez. E, sobre todo, 82 anos e cinco días despois de que un grupo de afectos aos golpistas reunido na Junta pro Pazo del Caudillo entregase a Francisco Franco as Torres de Meirás tras facerse con elas mediante un conxunto de doazóns forzosas disfrazadas de "subscrición popular".
O xeneral golpista quedou co pazo o 5 de decembro de 1938, cando llo entregou a 'Junta Pro Pazo del Caudillo', culminando a operación financiada con achegas económicas forzosas
"Acepto", escribiu o xeneral sublevado no documento no que as autoproclamadas novas autoridades da provincia da Coruña ratificaron a entrega do pazo aquel 5 de decembro de 1938. Nese ano, os golpistas asasinaron cando menos unhas 550 persoas en Galicia, segundo as pescudas do grupo Nomes e Voces.
Aquela doazón é a que vén de ser declarada nula pola xuíza Marta Canales en resposta á demanda interposta polo Estado para o retorno do Pazo ao patrimonio estatal. O ditame tamén deixa claro que a suposta compravenda do predio, rubricada tres anos despois, en 1941, non foi máis ca unha "simulación", unha "ficción" na que intermediara Pedro Barrié de la Maza, na altura propietario do Banco Pastor e membro destacado da devandita Junta, "só co obxecto de poñer o ben ao seu nome"
Os herdeiros de Franco din estar dispostos á entrega mentres non se resolve o seu recurso. Non obstante, a xuíza advirte de que "se non proceden á entrega voluntaria" o día fixado, a Policía procederá "ao inmediato desaloxo"
Unha vez publicada a sentenza, que os herdeiros do ditador prevén recorrer, o Goberno de España urxiu a súa execución a finais do pasado outubro e, nun escrito entregado ao xulgado, os Franco dixeron aceptar esa execución provisional. Din acceder a entrega do pazo ata que se resolva o recurso. Non obstante, "se non proceden á entrega voluntaria no día e hora sinalados", a Policía procederá "ao inmediato desaloxo".
Esa advertencia vai contida no auto no que, o pasado 6 de novembro, a xuíza acordou a execución provisional da sentenza na que ordenou "restituír" o predio "ao seu lexítimo propietario", o Estado. "Atendida a natureza do ben, por motivos de seguridade e coa fin de preservar a súa integridade, a entrega verificarase no mesmo lugar no que se sitúa o inmoble, coa presenza da Comisión Xudicial", resalta o auto.
O BNG asegura ter constancia "dunha operación de mudanza con entre corenta e cincuenta camións" para levar bens de Meirás e insta a Xunta a impedilo
Sobre posibilidade de que esta "integridade" estea en cuestión alertaba este sábado o BNG. A través do depuado Luís Bará, principal forza da oposición parlamentaria galega asegura ter constancia "dunha operación de mudanza" con "entre corenta e cincuenta camións" para "o traslado de numerosos bens" do Pazo de Meirás a "propiedades da familia Franco". Entre eles, mantén Bará, "tapices e elementos da biblioteca de Pardo Bazán".
É por iso, sinala o parlamentario, que o Bloque "solicita á Xunta que demande ante o xulgado medidas cautelares para garantir que non sexan trasladados bens que formen parte do patrimonio público". Trátase, abonda, de que os herdeiros do ditador non poidan manter o "espolio franquista" e, ao tempo, de "velar pola integridade" de elementos clave como as esculturas do mestre Mateo por cuxa propiedade aínda litiga o Concello de Santiago.
O Goberno galego reclama poder xestionar o Pazo en canto sexa devolto ao patrimonio público
Mentres, dende a Xunta, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, confirmaba este sábado a súa petición de que sexa o Goberno galego "quen xestione" o pazo unha vez recuperado polo Estado. O Concello de Sada, pola súa banda, propuxo nos últimos días un acordo entre Administracións para abrir o pazo ao público canto antes en canto sexa recuperado. O Goberno de España, pola súa banda, defende que a inminente execución da sentenza debe ser lida como un "triunfo da democracia", afirma o seu delegado en Galicia, Javier Losada.
O Goberno dos populares galegos culmina así unha pronunciada viraxe a respecto do pazo de Meirás. Non en van, dende 2009 e ata 2013, o gabinete de Alberto Núñez Feijóo optou pola vía do acordo cos Franco para cumprir coa apertura ao público derivada da declaración BIC impulsada polo Executivo de PSdeG e BNG. Nesa liña, a Xunta chegou a pagar ata 50.000 euros para financiar os gastos de seguridade das visitas.