As contas pendentes de Franco en Galicia un ano despois da súa exhumación: do pazo de Meirás ao xuízo de Bóveda

Franco, na inauguración en 1956 do encoro de San Estevo, no río Sil do que o Lor é afluente uns poucos quilómetros augas arriba Dominio Público NODO-Filmoteca Española-RTVE

A propiedade da Casa Cornide, das estatuas do Mestre Mateo ou as persoas aínda desaparecidas coa represión son algunhas das cuestións pendentes máis alá da simbólica saída dos restos do Valle de los Caídos

Concitou a atención mesmo internacional, aos poucos días deixou de ser noticia e cinco meses despois a pandemia converteu en secundario todo o demais. Pero este 24 de outubro hai un ano que os restos de Francisco Franco saían do Valle de los Caídos poñendo así fin a 44 anos de exaltación dun ditador nun lugar propiedade de Patrimonio Nacional. Un ano despois desapareceron as polémicas arredor da exhumación, pero o franquismo ten aínda numerosas contas pendentes en Galicia, desde a propiedade do Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as estatuas do Mestre Mateo aínda en poder dos herdeiros de Franco ata as persoas aínda desaparecidas froito da represión da ditadura. 

Franco xa saíu do Valle de los Caídos, pero aínda queda proceso xudicial por diante para que os seus herdeiros saian do Pazo de Meirás tras a sentenza do pasado 2 de setembro coa que un xulgado da Coruña estableceu que o recinto é propiedade do Estado xa que o ditador o recibiu como xefe do mesmo. Esa resolución xudicial recoñeceu o papel dos movementos civís e políticos das últimas décadas para que os Franco non legalizasen a súa ocupación do pazo, pero como toda primeira sentenza xudicial pode ser recorrida, e así o fixeron hai uns días os herdeiros, que veñen de presentar unha apelación que agora deberá resolver a Audiencia Provincial da Coruña. É un paso máis do camiño xudicial que aínda queda por diante para que se poida executar a sentenza e os Franco saian do edificio no que entraron hai oito décadas.

© Goberno de España

As garantías procesuais que permiten aos Franco recorrer contra a sentenza que lles quitaría Meirás non as tivo Bóveda cando foi fusilado catro días despois de ser xulgado sumarisimamente

Esas garantías procesuais que permiten aos Franco recorrer contra a sentenza de Meirás non as tivo Alexandre Bóveda cando o 13 de agosto de 1936 foi condenado nun xuízo sumarísimo e fusilado só catro días despois. Máis de oito décadas despois do comezo da represión, o Goberno central vén de lanzar agora un anteproxecto de Lei de Memoria Democrática co que ampliar a norma aprobada en 2007 para, entre outras cuestións, anular as condenas do franquismo. Non estará aprobada ata o próximo ano, pero o executivo xa confirmou que Bóveda será un dos desagraviados, “acredor da reparación moral coa que a democracia española honra os que inxustamente padeceron persecución ou violencia".

A nova lei de Memoria Democrática que tramita o Goberno central quere revogar distincións franquistas e favorecer a recuperación de restos mortais das persoas asasinadas polo réxime

O novo texto prevé, entre outras cuestións, a "revogación de distincións, nomeamentos, títulos e honras institucionais, de condecoracións e recompensas ou títulos nobiliarios" concedidos polo réxime franquista, especialmente os que supoñan "a exaltación da Guerra Civil e a Ditadura". Tamén inclúe disposicións destinadas a favorecer a procura dos restos mortais das persoas asasinadas polo réxime franquista, que debe der ser impulsada de xeito proactivo polo Estado, coa creación dun Banco Nacional de ADN de Vítimas da Guerra Civil e a Ditadura, unha Fiscalía de Sala para a investigación dos feitos producidos durante a Guerra Civil e a Ditadura e mais un Censo Nacional de Vítimas. Unha medida que contribuiría a acelerar e facilitar as complexas buscas de restos mortais que continúan de xeito periódico en diversos puntos de Galicia.

Escavación en agosto no cemiterio de Fornelas, na Pobra do Brollón, na busca de restos de dous asasinados polo franquismo © ARMH

Pero antes de que a nova lei sexa aprobada, os Franco terán que seguir acudindo aos xulgados. Igual que o Estado de Dereito lles permite a eles recorrer contra a sentenza que lles quitaría o pazo de Meirás, tamén permite ás administracións públicas insistir na vía xudicial malia resolucións contrarias como a da Audiencia Provincial de Madrid que a finais do ano pasado avalou que as estatuas do Mestre Mateo sigan en poder dos herdeiros. Unha vía xudicial que o Concello da Coruña tamén quere comezar para a recuperación da Casa Cornide, coa que os Franco se fixeron tras unha poxa supostamente amañada.

Hai un ano Franco saíu do Valle de los Caídos, pero os seus feitos en Galicia tardarán algo máis en saír do ordenamento xurídico ou da paisaxe do país.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.