A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) busca sen éxito durante tres días os restos de Gervasio González e Ildefonso Fernández nunha foxa do cemiterio de Fornelas
O 5 de setembro de 1936 Gervasio González, veciño de Ribas do Sil membro de UGT e “vinculado a organizacións progresistas da Segunda República”, foi asasinado por un grupo de pistoleiros falanxistas. Esta semana a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) escavou no cemiterio de Fornelas, na Pobra do Brollón en busca dos seus restos e doutro asasinado canda el, Ildefonso Fernández, de Quiroga, os dous enterrados nunha foxa común.
Non houbo sorte porque o cemiterio sufriu moitas obras desde aquela, pero ás súas portas María José Franco, neta de Gervasio, lanzou unha mensaxe: “Espero que nunca vivades nun país sen democracia, porque o que nós tivemos que pasar foi terrible”.
María José, que durante as últimas xornadas viu como veciñanza da zona se achegaba ao cemiterio a apoiala e contarlle o que sabía do que lle ocorrera ao seu avó, dirixiu a súa mensaxe a un grupo de mozos e mozas que estes días participa nunha campaña arqueolóxica próxima e se achegou a coñecer os traballos que se estaban a realizar no camposanto. A eles lembroulles que as represalias contra o seu avó non remataron co seu asasinato porque un dos seus fillos foi detido posteriormente e encadeado en Lugo, onde pasou case dous anos como preso político.
Na Pobra do Brollón a colaboración entre a ARMH e o arqueólogo Xurxo Ayán permitiu recuperar en 2016 os corpos doutros dous asasinados, Ramón Somoza e José Rodríguez Silvosa
Os traballos destes días tamén foron visitados polo deputado de Memoria Histórica da Deputación de Lugo, Efrén Castro, que lembrou que en 2016 a colaboración entre a ARMH e o arqueológo Xurxo Ayán, como nesta ocasión, si permitiu localizar na Pobra do Brollón os restos doutros dous asasinados, José Rodríguez Silvosa, xastre de 31 anos, e Ramón Somoza Álvarez, gandeiro de 39, que apareceron tiroteados na mañá do 14 de xullo de 1938 tirados nun camiño con feridas de arma de fogo. Os seus restos volveron coas súas familias en 2018.
A ARMH ten previsto colocar, coa colaboración do Concello, unha placa en lembranza dos asasinados
Malia non atopar desta volta os restos de Gervasio e Ildefonso, que diversa documentación situaba nunha foxa na entrada do cemiterio sobre a que co tempo se terían realizado diversas obras, a ARMH ten previsto colocar, coa colaboración do Concello, unha placa en lembranza dos asasinados. Dous dos moitos represaliados nunha comarca de Lemos na que os movementos agrarios e obreiros vinculados ao ferrocarril intentaron opoñer resistencia aos golpistas.