Os corpos de José Rodríguez Silvosa, xastre de 31 anos, e Ramón Somoza Álvarez, gandeiro de 39, apareceron tiroteados na mañá do 14 de xullo de 1938 tirados nun camiño de Castroncelos, na Pobra do Brollón, con feridas de arma de fogo. Este sábado os restos dos dous, atopados por casualidade en 2016 pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica cando buscaba outros dous represaliados, José María e Ricardo García Moral, foron entregados aos seus familiares, ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia, nun acto nesa mesma vila presidido polo seu alcalde e o de Monforte, onde Ramón fora concelleiro.
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica atopou en 2016 os dous corpos mentres buscaba os doutros dous represaliados
Na busca dos irmáns García Moral a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica traballara como fai habitualmente, buscando os cadáveres a partir da documentación existente e das lembranzas de familiares e coñecidos. Pero ao atopar os outros dous corpos tiveron que actuar á inversa, reconstruíndo posteriormente a historia dos dous asasinados, que participaran en Monforte na resistencia ao golpe de Estado franquista en 1936 e tiveran que fuxir ao monte ata que foron apreixados dous anos despois.
A historia que relata agora a asociación é a da recepción no xulgado de Ribas de Sil, ao amencer do 14 de xullo de 1938, dunha comunicación na que se indica que no lugar de Seixo da parroquia de Castroncelos apareceron mortos por disparos dúas persoas que segundo os veciños eran Ramón Somoza Álvarez e José Rodríguez Silvosa. Ao contrario do que adoitaba ocorrer, neste caso abriuse unha investigación. O xulgado de instrución de Quiroga asumiu o caso, ordenou á Garda Civil da Pobra do Brollón que averiguase o ocorrido e preguntou ao Xulgado Militar de Monforte se estaba actuar, ao que este contestou de xeito negativo. Porén, ao preguntar á Comandancia Militar se alí instruíran dilixencias polos feitos, o comandante responde ao xulgado que José e Ramón “foron mortos pola Garda Civil, cando eran conducidos polo camiño de Salcedo e Castroncelos, por intentar fugarse”.
O xeneral xefe da rexión militar recomendou á Garda Civil que “no sucesivo adopte as máximas previsións ao obxecto de evitar que a forza se vexa no transo de facer uso das súas armas con tan fatais consecuencias”
Ante esa resposta, o xulgado de instrución de Quiroga inhíbese do caso en favor da xurisdición de guerra. Tres meses e medio despois de apareceren os cadáveres, o 3 de novembro de 1938, o xeneral xefe da oitava rexión militar ordena o sobresemento e delega no xefe do Tercio correspondente que “chame a atención” do tenente da Garda Civil Manuel Losada para que “no sucesivo ao dispoñer servizos da natureza de autos, adopte as máximas previsións ao obxecto de evitar que a forza se vexa no transo de facer uso das súas armas con tan fatais consecuencias”.
O acordo de sobresemento, conta a Asociación da Memoria Histórica, “se lle notifica á nai de Ramón Somoza, Eudosia Álvarez Azpilicueta, o día 16 de novembro, co cal se dan por pechadas por completo as actuacións e o procedemento é enviado ao Goberno Militar de Lugo, onde quedará almacenado”. 78 anos máis tarde, mentres buscaban sen éxito os corpos dos irmáns García Moral, os membros da asociación atopan os corpos de Ramón e José e, tirando do fío, reconstrúen a historia, que rematou este sábado coa entrega dos restos mortais aos familiares.