Hai 82 anos, tras o golpe de estado fascista de xullo de 1936, Jesús Casas González, o Inverno, abandonou Eirexalba, no Incio, para fuxir ao monte. Ameazado de morte polos golpistas, deixou a súa muller e as catro fillas para acabar agochándose no veciño concello da Pobra do Brollón, nunha aldea da parroquia de Saa, onde ao pé do seu cemiterio a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) busca desde este luns os restos deste labrego torturado e asasinado por cinco falaxistas naquel mes de agosto.
A ARMH busca desde este luns en Saa os restos de Jesús Casas, torturado e asasinado por falanxistas en agosto de 1936
"En el camino vecinal que va de la carretera que conduce de esta villa a Incio con dirección al pueblo de Pouza de la Parroquia de Saa, términos de la misma, apareció el cadáver del vecino de Eirejalba, Jesús Casas (a) Inverno, muerto a consecuencia de disparos de arma de fuego y que según referencias fue detenido por unos falangistas esta mañana en el barrio de Cabadelas de tal parroquia de Saa", reza o oficio emitido ao xuíz de instrución de Quiroga o 6 de agosto de 1936.
Este documento, e outros do procedemento militar aberto achados por voluntarios da ARMH no Arquivo Militar de Ferrol, permitiron á asociación atopar o lugar aproximado do enterramento dun home que, segundo a acta de defunción asinada un día despois no Rexistro Civil, morreu a causa dunha "hemorragia interna a consecuencia de maltratarlo". Todo polas ideas de esquerda dun campesiño que tamén foi concelleiro e mesmo proposto para alcalde.
Os traballos de exhumación son "moi complicados" ao ter varias versións de posibles lugares, en antigos cemiterios e con máis restos
A intervención, da que se levan xa varias horas, é "moi complicada" segundo os técnicos da ARMH, que lembran que o cemiterio do adro da igrexa foi remodelado e que nel incorporáronse novas sepulturas, xusto nuha das zonas onde se cre que pode repousar o corpo de Jesús Casas. A axuda dos testemuños orais das persoas que aínda lembran aquel crime será fundamental para dar co lugar exacto para os traballos de exhumación, que dirixe o arqueólogo Xurxo Ayán e no que participan voluntarios de varias localidades do Estado.
"Temos para dous días máis polo menos e traballamos en diferentes intervencións", explica a Praza.gal Marco González, directivo da ARMH e participante nas escavacións, que tras os testemuños dalgunha veciñanza, leváronse a cabo tamén "no cemiterio vello que se empregaba nos anos 30" e onde o movemento de terras e restos fai máis complexo o labor. "Hai diferentes versións e nesta última intervención atopamos un corpo no lugar exacto que algunhas persoas nos indicaban, pero non é nada pechado nin definitivo, hai que agardar", explica. Ben seguro, ata o xoves se todo fose ben.
'O Inverno' foi asasinado polos falanxistas; anos despois, a Garda Civil matou a súa sogra e detivo a súa muller, que morreu na cadea ao pouco
Porque a tráxica historia da casa do Inverno non quedou aí e é dabondo coñecida pola veciñanza do Incio e da comarca. Aos poucos días do asasinato de Jesús Casas, o seu cuñado Ramón sofre tamén ata a morte a represalia dos falanxistas da zona. Asasinados seu marido e seu irmán, Anuncia Rodríguez, a viúva, marcha vivir á casa da súa nai xunto con outro irmán e as catro fillas.
Ao pouco de rematar a guerra civil, a Garda Civil descobre nesta casa familiar un acubillo no que se agochaban dous fuxidos e escapados da represión. Ao intentar detelos, o tiroteo acaba coa morte do tenente encargado da misión e da sogra de Jesús Casas. Os axentes prenden lume á vivenda e provocan un incendio no que morren tamén os homes alí escondidos. As pequenas, chegadas das escola, ven tamén como é detida a súa nai Anuncia, que foi presa ao cárcere de Lugo, onde morrería con tuberculose varios meses despois para logo ser enterrada nunha fosa común. O seu tío Antonio tamén foi apreixado aínda que sobreviviu.
As pequenas --xa sen pais, nin tío, nin avoa-- acabaron repartidas por varias casas de familiares na comarca, aínda que a relación sempre foi moi estreita durante o resto da súa vida. Tanta que dúas delas, Aurelia e Rosario, acabarían compartindo piso fronte á estación de tren da Coruña. Alí, hai dez anos, morrerían as dúas intoxicadas tras un incendio. Tiñan 84 e 70 anos e a traxedia volvíase cebar con elas, desta vez por un curtocircuíto e non pola persecución e a represión que viviran sendo tan só unhas pícaras.
As investigacións nos rexistros civís da Pobra do Brollón permitiron localizar máis foxas con varios corpos de represaliados polo fascismo
Agora, os restos de Jesús Casas poderían ser recuperados, ao igual que algúns outros veciños represaliados durante e despois da guerra civil. As investigacións nos rexistros civís da Pobra do Brollón, como lembra a ARMH, permitiron localizar outras dúas posibles foxas en Abrence e Fornelas. Nelas estarían os corpos de cinco asasinados polos fascistas en setembro de 1936 e que apareceron tiroteados en diferentes puntos dunha estrada da zona. Ademais, estas fosas únense ás dúas buscadas en Castroncelos en 2016 e á recente busca dos irmáns García Moral, na mesma parroquia.