A xuíza salienta que desde que o Pazo deixou de ser usado polo Estado foron reiterados os cuestionamentos da lexitimidade da familia, que polo tanto non pode ampararse nunha “posesión pacífica” prolongada no tempo
O Pazo de Meirás foille entregado a Franco como xefe de Estado e ao Estado debeu volver tras a súa morte. Esa é a conclusión principal da sentenza emitida este mércores polo xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña, que descarta que o ditador adquirise o recinto a título persoal e obriga ao seus herdeiros a desaloxalo. Porén estes argumentaban tamén na súa defensa que a súa “posesión pacífica” prolongada no tempo dáballes dereitos sobre o pazo, algo que a xuíza rexeita salientando o papel de resistencia fronte a esa ocupación de diversos “movementos civís e políticos”, que mesmo enumera. “Nunca podería alegarse polos demandados [os herdeiros] unha posesión pacífica, porque os movementos civís e reivindicativos con relación ao Pazo de Meirás constan acreditados, ademais de ser notorios”, di a xuíza.
“Nunca podería alegarse polos herdeiros unha posesión pacífica, porque os movementos civís e reivindicativos con relación ao Pazo de Meirás constan acreditados, ademais de ser notorios”, di a sentenza
O xulgado rexeita que poida falarse de "prescrición" ou "atraso desleal" na demanda interposta polo Estado contra os Franco porque esta se producise en xullo de 2019, máis de catro décadas despois de que o pazo deixase de ser residencia do xefe de Estado tras a morte de Franco. E diferenza a figura do atraso desleal da prescrición porque "se ben en ambas requírese que o dereito non se exercera durante un longo tempo, no exercicio atrasado requírese, ademais, que a conduta sexa desleal, de xeito que crease unha confianza no deudor [os Franco] de que o titular do dereito non o exercería". E os franco non podían confiarse, vén dicir a sentenza, porque a súa presenza no pazo foi cuestionada publicamente en numerosas ocasións.
Por unha banda, a sentenza lembra que seguiu habendo presenza estatal no pazo, con persoal ou servizos pagados polo Estado, ata os anos 90. E por outra "o certo é que existiron e existen movementos civís e políticos contra da propiedade defendida polos demandados”, di a sentenza, que engade que por iso os Franco “nunca poderían invocar unha posesión pacífica, en orde a lexitimar unha posesión esixida ex lege en concepto de dono, pública, pacífica e ininterrompida”.
A xuíza sentenza que o Estado "nunca renunciou aos seus dereitos" sobre Meirás "sendo cuestión distinta", engade, "as dificultades que existiron para recabar os documentos"
A xuíza di que o Estado “nunca renunciou aos seus dereitos” sobre Meirás “sendo cuestión distinta”, engade, “as dificultades que existiron para recabar os documentos, sendo en suma en datas relativamente recentes cando se conseguiu a totalidade do soporte documental achegado”. Pero antes diso, di, “acredítase que tras o falecemento de Francisco Franco comezan a xurdir importantes movementos civís e políticos que defenden a recuperación do Pazo para o uso público e que cuestionan a lexitimidade da posesión por parte dos seus herdeiros”.
“A posibilidade de articular esta demanda nace dun importante estudo histórico e dun consenso social, logrado tras moitos anos, que responde a unha madurez do noso sistema democrático”, conclúe a sentenza
A propia sentenza enumera algúns deses movementos: “As primeiras reivindicacións xorden no ano 1977 a cargo da Asemblea Popular Galega e o Centro de Cultura Popular da Coruña”, di. E continúa salientando diversas actuacións, reclamacións ou debates arredor da propiedade de Meirás por parte de PSOE, Concello da Coruña, Concello de Sada, PSG, Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica ou o Parlamento de Galicia ata que finalmente o Estado presentou a demanda contra os Franco.
“En consecuencia, non pode falarse dun atraso desleal, senón da obtención de documentación que posibilitase o exercicio dunha acción e da existencia dun consenso social que tiña que xerarse”, di a sentenza. A xuíza remata a súa argumentación, xusto antes de ditar o seu fallo, salientando que “a posibilidade de articular esta demanda nace dun importante estudo histórico e dun consenso social, logrado tras moitos anos, que responde a unha madurez do noso sistema democrático”.