Os herdeiros de Franco presentaron xa o escrito de contestación á demanda da Avogacía do Estado para a recuperación do Pazo de Meirás, tras o achado na Coruña dun documento clave que demostraría o acordo “fraudulento” e a compravenda “simulada” do inmoble tres anos despois de que fose cedido ao ditador, algo que negan no devandito documento. Os avogados da familia do xeneral fascista responden cun escrito que busca botar abaixo a tese do Goberno central. E tiran do argumento de que a iniciativa para a recuperación do inmoble puido terse realizado moito antes, xa mesmo en democracia, e de que chega cun atraso de varias décadas nas que “as administracións públicas efectuaron explícitos recoñecementos de que a propiedade correspondía a Franco e aos seus sucesores”.
A contestación á demanda nega a "fraude" e a compravenda "simulada" e tira do argumento da inacción e mesmo desleixo do Estado durante décadas
Fronte ao Estado, que defende que a súa devolución é unha antiga reivindicación cidadá que foi reforzada co achado de novas probas, a familia lémbralle que non fixo nada durante anos, permitindo que os herdeiros do ditador fixesen o que lles petou cunha propiedade que agora reclama de seu.
A demanda do Estado foi presentada o pasado xullo e céntrase na tese xa desenvolvida en anteriores investigacións e no informe histórico-xurídico encargado pola Deputación da Coruña. Advirte que a transmisión do Pazo á familia Franco fíxose a través dun contrato simulado en 1941 para evitar que pasase a ser parte do patrimonio estatal e cando xa levaba tres anos sendo utilizado polo ditador, a quen lle fora doado en 1938. Xa que logo, as Torres foron vendidas dúas veces e a última delas a través dun acordo “fraudulento”, cando o inmoble xa era residencia do xefe do Estado tras un acordo anterior.
Os letrados dos Franco aseguran que a doazón plasmada nun pergamiño en 1938 foi "un acto simbólico" que "carece de validez legal"
Os avogados Utrera-Molina e Gil Evangelista, do despacho JY Hernández-Canut, negan que a escritura de compravenda de 1941 fose “unha operación simulada e fraudulenta” e advirten de que a escritura formailizada en 1938 coa Junta Pro Pazo para a cesión “non produciu nin puido producir a transmisión da propiedade”, xa que a vendedora, Manuela Esteban Collantes aínda non tramitara o título sucesorio. Os Franco aseguran que a doazón plasmada nun pergamiño en 1938 foi “un acto simbólico” que “carece de validez legal" ao non terse verificado en escritura pública por parte do seu lexítimo propietario”.
Os letrados argumentan que se decidiu “simplificar o proceso” e formalizar unha escritura de compravenda en 1941, “transmitindo directamente a propiedade a Francisco Franco”, que era, din, o que todos os implicados “manifestaran expresamente desde un principio”. Para os herdeiros, non hai simulación, “nin moito menos fraude”, menos cando o propio xeneral fascista “instou á inscrición deste inmoble ao seu nome no Rexistro da Propiedade tras mercalo en escritura pública”.
Ademais, a demanda e diversas investigacións históricas insisten en que o Pazo foi mantido, reformado e sometido a cambios con fondos públicos, o que afondaría no seu carácter de residencia de xefe de Estado e non particular.
Os avogados dos Franco, nun resumo da súa resposta á que tivo acceso Praza.gal, alegan que “por máis que o Estado xestionase e sufragase determinados gastos vinculados ao Pazo” derivados da súa condición de residencia do xefe de Estado e de "uso público", isto “non se estendeu a outras xestións e gastos vinculados a unha propiedade inmobiliaria, que foron asumidos e sufragados” polo ditador e que “se incorporaron ás declaracións do IRPF como propietario do inmoble”. Así, indican que tributou polos rendementos da explotación, como no caso dos ingresos e gastos das explotacións agrícolas e gandeiras, e asumiu os tributos que gravaban a titularidade do inmoble.
Por outra banda, o Goberno central defende tamén que Meirás é propiedade do Estado por usucapión, ao ser usado durante 40 anos como residencia oficial do xefe de Estado, lembrando que foi sede de consellos de ministros e actos oficiais. Xa que logo, sería un ben de dominio publico imprescritible e os herdeiros de Franco tampouco poderían ampararse en que foi deles desde a morte do ditador. Segundo a resposta dos avogados, non sería posible esta usucapión ao non cumprirse as condicións impostas polas leis de Patrimonio da época por, “entre outras cousas, a evidencia de que o inmoble está gravado coa correspondente contribución, que abonaba Francisco Franco” ou que “os produtos e rendementos do inmoble non se ingresaban no Tesouro Público, senón que se asumiron e foron declarados a Facenda” polo ditador.
Os Franco danlle a volta ao argumento da usucapión advertindo que tras a morte do ditador ocuparon o Pazo de forma "inisterrompida e pacífica" durante 44 anos
Segundo esta teoría, a adquisición do Pazo teríase efectuado como ben “patrimonial” e, polo tanto, puido ser e tería sido adquirido posteriormente por usucapión polos sucesores do ditador tras posuír as Torres desde 1975 e até agora “de forma pública, pacífica e ininterrompida”. Alén disto, advirten os letrados en que, aínda supoñendo que o Estado adquirise o inmoble por “desafectación tácita” tras a morte de Franco e deixar de ter inxerencia estatal e ser residencia do xefe de Estado, é esta mesma desafectación tácita a que posibilitaría a adquisición por parte dos herdeiros ao posuílo de forma “ininterrompida e pacífica” durante os 44 anos seguintes. Doutra volta, os avogados espremendo o feito de que, en máis de catro décadas de democracia, ningún Goberno fixese nada para recuperar un ben que agora di que lle pertencía.
"Atraso desleal"
De feito, os Franco advirten dese “atraso desleal” no “exercicio dun pretendido dereito e destacan que se mantivo “un comportamento que razoablemente levaba a pensar que o cuestionamento da súa propiedade que agora se fai non era algo que xamais se fose formular”. Como un dos “exemplos máis relevantes” desta postura, os letrados mesmo sinalan “a esixencia de obrigas á familia Franco na súa condición de propietarios do inmoble que comportou a declaración do Pazo como Ben de Interese Cultural no ano 2008, unha vez reconstruído pola daquela propietaria, a anterior Duquesa de Franco”.
Os Franco aseguran que o comportamento do Estado "levaba a pensar que o cuestionamento da propiedade non era algo que xamais se fose formular”
En referencia á inacción do Estado durante anos, argumento do que tira a familia, destaca tamén a “compracencia e activa participación das administracións públicas en cantas consecuencias impositivas ou tributarias trouxo consigo a titularidade e sucesivas transmisións do Pazo de Meirás”. Lembra que IBI, imposto de sucesións ou de patrimonio “foron puntualmente esixidos aos herdeiros de Franco como donos do Pazo de Meirás” e “puntualmente pagados por estes”.
Ademais, alega tamén o “absoluto desentendemento por parte do Estado desde 1975 dos gastos que supuxo a súa conservación e mantemento” e fai especial mención á rehabilitación tras o incendio de 1978.
Os Franco solicitan na contestación á demanda, que consta de máis de 115 páxinas e achega abundante documentación, que esta sexa “integramente desestimada” e que a Administración sexa condenada ao pagamento das custas.