O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este venres a resolución da Secretaría de Estado de Memoria Democrática para incoar o procedemento para declarar a cidade de Ferrol Lugar de Memoria Democrática. A urbe únese así a unha listaxe da que xa forman parte o Pazo de Meirás ou a Illa de San Simón e á que aspiran localizacións como o Vello Cárcere de Lugo ou a península da Torre de Hércules, na Coruña, entre outras.
Segundo o disposto na Lei 20/2022 de Memoria Democrática, a declaración de Ferrol xustifícase pola súa "singular relevancia na historia da loita polos dereitos e liberdades en España", a súa "repercusión na memoria colectiva" ou pola "represión e violencia" sobre a súa poboación, entre outras características.
O Goberno de España xustifica a súa inclusión nesta selecta listaxe en varios feitos, lembrando xa de inicio que o golpe de Estado triunfou "de forma inmediata" na cidade, o que desatou unha "represión sistemática" con detencións e execucións que "buscaron aniquilar toda oposición republicana e consolidar a nova orde franquista".
O BOE publica este venres a resolución para incoar o procedemento para declarar a cidade de Ferrol Lugar de Memoria Democrática
No texto cos fundamentos xurídicos para tomar a decisión, que se pode ler no BOE, repásanse varios "escenarios significativos" da violencia institucional, destacando o cemiterio de Canido por ser "lugar habitual de fusilamentos de mariñeiros, sindicalistas e cidadáns comprometidos coa legalidade republicana". 300 execucións entre 1936 e 1945, di o documento, que lembra que sobre aquel solo ergueuse logo o actual Instituto de Canido.
Tamén lembra o documento o cemiterio de Serantes, con 150 vítimas, e destaca que "malia a violencia sufrida, Ferrol mantivo viva a súa tradición de loita obreira e de resistencia ao longo do tempo". Nese contexto destaca Navantia, por ser o lugar dos antigos estaleiros, "escenario de mobilizacións e reivindicacións laborais que prolongaron a cultura de resistencia do proletariado ferrolán".
A xustificación para esta declaración destaca que Ferrol, "malia a violencia sufrida, mantivo viva a súa tradición de loita obreira e de resistencia ao longo do tempo"
Porque foi tamén alí onde se desenvolveron as primeiras manifestacións contra o golpe de Estado e moitas outras que "lograron poñer en xaque a ditadura". E aí cita a folga do aceite de 1946, a de 1966 contra despedimentos en Bazán ou os sucesos de marzo de 1972, cando o franquismo abalou no mesmo lugar onde nacera o seu ditador.
O Cantón de Molins, testemuña da "defensa do edificio consistorial entre o 20 e o 21 de xullo de 1936", o Teatro Jofre, o Centro Obrero de Cultura y Beneficencia ou o número 27 da rúa Terra, "por ser o lugar onde o sindicalista Ramón Reboiras foi asasinado a tiros pola Brigada Político Social", son destacados como "espazos emblemáticos e vinculados coa Memoria Democrática".
"O recordo de Reboiras representa un verdadeiro exemplo de resistencia ante o fascismo e loita pola liberdade", di un documento baseado nos informes solicitados ás universidades da Coruña e Santiago e mais ao Consello da Cultura Galega. O Monumento do 10 de Marzo, que conmemora "a represión sufrida polos traballadores", sinálase como homenaxe a "un dos fitos do movemento obreiro antifranquista" que "simboliza a continuidade entre as loitas republicanas, a resistencia durante a ditadura e a conquista das liberdades democráticas na Transición".
22 "espazos emblemáticos vinculados coa Memoria Democrática"
O texto destaca tamén a "profunda tradición progresista e intelectual" de Ferrol e as "figuras de gran relevancia para a historia dos dereitos e da cultura democrática" que alí naceron e viviron, como Concepción Arenal, Carvalho Calero, Pablo Iglesias ou o mestre García Niebla.
Así, destacando tamén o seu importante patrimonio documental e militar, o documento destaca que Ferrol, no seu conxunto, "configura unha xeografía histórica da represión, a resistencia e a memoria democrática, onde conviven os espazos de violencia cos de dignidade e reconstrución cívica". E por iso o Ministerio emite o informe favorable para que torne en Lugar de Memoria Democrática, un expediente que deberá resolverse nun prazo máximo de doce meses.
A documentación inclúe, ademais, unha lista detallada —cos enderezos, as coordenadas xeográficas e a titularidade— dos 22 "espazos emblemáticos e vinculados coa Memoria Democrática" en Ferrol. Son o castelo de San Filipe, a prisión naval militar de Caranza, o cuartel do Baluarte e mais o de Dolores, a actual Comisaría da Policía Nacional (antes prisión), a comisaría de Santo Amaro, o cemiterio de Serantes, o monolotio en memoria de Alejandro Porto, o instituto de Canido, a igrexa de San Rosendo, a factoría de Navantia, os Cantóns de Molins, o teatro Jofre, o Centro Obrero de Cultura y Beneficencia, o portal 27 da rúa Terra, o Monumento Dez do Marzal, a casa natal de Concepción Arenal e mais a de Carvalho Calero, o monolito dedicado a Pablo Iglesias, a avenida Mestre García Niebla, o Arsenal Militar e o Arquivo Naval de Ferrol.