"Os feitos do 72 en Ferrol supuxeron unha sacudida de conciencia moi importante en toda Galicia"

Manifestación día 10 de marzo. Fotografía de Abel López. Arquivo da Fundación 10 de Marzo © Fundación 10 de marzo

"Erguéstesvos cedo aquel día/ o costumbre do traballo/ mañá cediño/ pra facernos ca vosa morte". Uxío Novoneyra dedicou estes versos a Amador Rei Rodríguez e Daniel Niebla García, os obreiros ferroláns asasinados pola Policía o 10 de marzo de 1972, no marco das mobilizacións do persoal de Bazán, e que hoxe se segue conmemorando no Día da Clase Obreira Galega. O ano que vén será o 50 aniversario daqueles feitos e está a prepararse unha longametraxe documental que afondará na mobilización obreira ferrolá e no efecto que tivo en toda Galicia a morte de Amador e Daniel.

O documental, que chegará ás salas comerciais ao longo do vindeiro ano, incluirá entrevistas con varios dos e das protagonistas, imaxes de arquivo inéditas e tamén dramatizacións 

Galicia 10 de marzo está dirixido por Roi Cagiao, autor hai uns anos de Vigo 1972, filme que afondaba nas protestas obreiras que tiveron lugar na cidade olívica precisamente en resposta ao sucedido en Ferrol. O documental, que chegará ás salas comerciais ao longo do vindeiro ano, incluirá entrevistas con varios dos e das protagonistas, incorporará imaxes de arquivo inéditas "e moi interesantes a distintos niveis", adianta o seu director, e tamén recreacións e dramatizacións dalgúns acontecementos. "Queremos gravar tamén no interior do propio estaleiro, cos traballadores actuais", sinala Cagiao, establecemento unha ligazón entre as loitas obreiras do pasado e do presente, xusto nun día no que Ferrolterra volveu mobilizarse nas rúas nunha nova folga xeral contra a "asfixia económica" que sofre a comarca. 

Ángel Porto, Rafael Pillado e Ramiro Romero, extraballadores da Bazán © Galicia 10 de marzo

A manifestación dos traballadores de Bazán do 10 de marzo de 1972 chegaba despois de anos mobilización e organización, que levaran á vitoria nas eleccións sindicais do 71 das candidaturas promovidas polas Comisións Obreiras. Os traballadores ferroláns esixiron un convenio propio para a factoría, pero a empres impuxo un convenio interprovincial, valéndose da maioría verticalista aínda existente nos estaleiros de Cartaxena e Cádiz. Despois de varios paros parciais nos primeiros días de marzo, os traballadores de Bazán convocan unha asemblea masiva o día 9, que é seguida ao longo do día por manifestacións e cargas policiais. 

A represión policial nos dez días seguintes foi moi intensa, con máis de 160 traballadores despedidos, e máis dun cento de detidos

O 10 de marzo os traballadores saen ás sete e media da mañá en manifestación, en dirección ao barrio de Caranza (daquela en construción) e Astano, en Fene, cuxo persoal tamén se preparaba para marchar en dirección a Ferrol. Porén, a policía impide o avance dos traballadores de Astano e carga contra os traballadores de Bazán antes de que poidan chegar á Ponte das Pías. Os disparos acaban coa vida de Amador e Daniel, provocan cando menos 40 feridos de bala, un número que seguramente foi maior pois moitos evitaron achegarse aos hospitais para non ser detidos. 

A represión policial nos dez días seguintes foi moi intensa, con máis de 160 traballadores despedidos, máis dun cento de detidos e ducias de encarcerados na Prisión Provincial da Coruña e outras. Ademais, 23 líderes obreiros foron xulgados no coñecido como Xuízo dos 23, celebrado no verán de 1975, e algúns dos encausados non saíron da prisión ata febreiro de 1976, momento en que foron recibidos como heroes en Ferrol.

 

Un filme para achegar estes feitos a un público novo

"Conta o crego Vicente Couce que hai uns anos fora a un instituto e quedara desolado, porque entre os rapaces de 18 anos de Ferrol ningún tiña nin idea do que sucedera"

Galicia 10 de marzo será a primeira longametraxe documental sobre os feitos máis icónicos da loita obreira en Galicia. "Dáme a impresión de que en Ferrol estes feitos son moi coñecidos, cando menos entre as persoas de 40 anos ou máis, e aínda que non se coñezan todos os detalles si que se sabe que ese día morreron dous traballadores de Bazán. Pero creo que nas xeracións máis novas non o é tanto", destaca Roi Cagiao. "Conta o crego Vicente Couce que hai uns anos fora a un instituto e quedara desolado, porque entre os rapaces de 18 anos de Ferrol ningún tiña nin idea do que sucedera", engade. 

Un momento da rodaxe das entrevistas © Galicia 10 de marzo

"Por iso creo que é importante facer audiovisual sobre estes temas, porque doutro xeito só chegas ao mesmo público unha e outra vez: aos ideoloxizados e ás persoas que viviron os feitos directamente"

"Por iso creo que é importante facer audiovisual sobre estes temas, porque doutro xeito só chegas ao mesmo público unha e outra vez: aos ideoloxizados e ás persoas que viviron os feitos directamente", destaca Cagiao, que relata que "con Vigo 1972 levamos unha sorpresa moi agradable. En Vigo a película estivo nos cines, proxectándose diariamente, durante sete semanas; e a primeira semana a maioría das sesións esgotáronse as entradas". "Ademais, fóra das salas comerciais, houbo máis de 200 proxeccións en toda Galicia a cargo de colectivos e entidades de todo tipo. E hai que ter en conta que a produción foi modesta, o mesmo que os gastos en promoción", di.

 

"Unha sacudida de conciencia moi importante en toda Galicia"

"A mobilización destes traballadores foi un salto cualitativo na oposición ao franquismo en Galicia"

"Os feitos de 1972 en Ferrol supuxeron unha sacudida de conciencia moi importante en toda Galicia", subliña Cagiao, que xa afondou na resposta inmediata que houbo na cidade de Vigo, cunha folga xeral que paralizou a cidade e a comarca durante dúas semanas. "Pero tamén houbo folgas na Coruña e tamén noutros lugares de Galicia", sinala. "Pode que o que sucedera en Ferrol adquirira unha maior importancia simbólica por ser a cidade natal de Franco, pero a mobilización destes traballadores foi un salto cualitativo na opoisción ao franquismo en Galicia", destaca. "Por iso foi tan dura tamén a represión: Aproveitaron para encausar a todo o movemento antifranquista ferrolán, porque moitos dos que xulgaron no proceso aos 23 nin sequera estaban alí ese día", di

Aínda que varios dos protagonistas principais do movemento obreiro ferrolán nos anos setenta faleceron xa, como Manuel Amor Deus, Paco Balón ou José María Riobóo, o documental inclúe entrevistas a outros, como Rafael Pillado, Fina Varela, Suso Díaz, Anxo Currás, Sari Alabau, Encarna Puentes, José Torregrosa, Vicente Couce, Ángel Porto ou Fernando Miramones (estes dous últimos finados nos últimos meses). Dedícase un espazo ao papel xogado polos cregos comprometidos na loita obreira e antifranquista, moi numerosos e activos en Ferrolterra. 

 

O papel das mulleres

Tamén se trata o papel das mulleres no movemento obreiro, moitas veces invisibilizadas

Tamén se trata o papel das mulleres no movemento obreiro, moitas veces invisibilizadas, aínda que ben estudadas nos traballos de Ánxela Loureiro ou Aurora Marco. "Era un conflito laboral masculino e por iso o día da manifestación eran maioritariamente homes os que estaban alí, pero as mulleres tiñan unha participación moi importante no movemento obreiro", destaca Cagiao. "Cando se produce a retirada dos obreiros en dirección á Praza de España, con moitos feridos, elas crearon piquetes e foron polos negocios e fábricas para que pechasen as portas en sinal de protesta. Tres delas foron procesadas no xuízo aos 23", destaca.

Cartel do documental 'Galicia 10 de marzo' © Galicia 10 de marzo

Cagiao comenta que neses anos prodúcese "un crecemento da muller no interior do movemento obreiro ferrolán, un empoderamento"

Cagiao comenta que neses anos prodúcese "un crecemento da muller no interior do movemento obreiro ferrolán, un empoderamento". "Do mesmo xeito que os homes comezan a controlar o Sindicato Vertical, as mulleres comezaron a copar as asociacións de amas de casa, que tiñan moita forza no franquismo. Participaban nos peches, repartían octavillas, recollían fondos para apoiar as folgas... Tamén foi moi importante o seu apoio aos presos. E adquiren unha gran conciencia obreira e de loita", di.

 

"Respecto e recoñecemento" aos líderes do movemento obreiro 

"Unha das cousas que máis me impresionou ao facer o documental foi a capacidade de organización e de mobilización que tiña naqueles anos o Partido Comunista e Comisións Obreiras en Ferrol, sobre todo dentro do estaleiro. Contoume Alfonso Tellado que unha vez entrou a policía a detelo ao estaleiro e chegou Pillado e dixo: 'ata que saia a policía do estaleiro, ninguén volve traballar'. E a xente parou e a policía tivo que marchar. Dá unha idea do poder de organización que había alí dentro", destaca Cagiao, que tamén subliña o "respecto e recoñecemento" que se ten en Ferrol cara aos líderes do movemento obreiro daqueles anos, "unha grande admiración pola súa calidade humana e disciplina". 

Iñaki Varela comparte a escrita do guión con Roi Cagiao, e ambos os dous contan co asesoramento histórico de José Gómez Alén e Víctor Santidrián. As entidades patrocinadoras do filme son Navantia e o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, coa colaboración da Fundación 10 de Marzo, a Asociación Cultural Fuco Buxán, a Federación de Pensionistas e Xubilados de CCOO de Galicia e o Centro de Negocios Witland.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.