0 Gardados para despois

Un 10 de marzo polo emprego digno e a recuperación de dereitos

Redacción | @prazapublica

Un ano máis os sindicatos galegos celebraron o 10 de marzo con actos que tiveron o seu núcleo en Ferrol, no monumento ao Dez de Marzo, erguido no lugar no que en 1972 Amador Rey e Daniel Niebla foron asasinados pola policía franquista. Como é habitual, CIG e CCOO realizaron as súas ofrendas florais por separado e por separado manifestaranse esta tarde, en senllas marchas convocadas baixo os lemas “2017, un ano de loita. Recuperemos os nosos dereitos” e "Emprego e salarios dignos para unha vida digna", respectivamente.

No seu manifesto, CC.OO. lembra que en marzo de 1972 "os traballadores e traballadoras da Bazán pelexaban polo seu convenio colectivo, por un salario digno, contra a carestía da vida, por mellores condicións de vida e polas liberdades democráticas" e que hoxe, 45 anos despois, "a cerna daquelas reivindicacións é a mesma: seguimos loitando polos convenios colectivos, porque son o único instrumento válido para mellorar as condicións laborais das traballadoras e traballadores e porque con eles se aplica a primeira repartición da riqueza nas empresas". O sindicato reclama a importancia da negociación colectiva, subliñando que "a economía recupérase e estase a xerar riqueza, pero a súa distribución é inxusta: as rendas salariais perden peso fronte aos beneficios empresariais".

"O Goberno galego debe liderar un novo modelo de crecemento económico equilibrado e duradeiro, respectuoso co medio ambiente, condición necesaria para que creza a produtividade. Só nesas condicións a sociedade galega ampliará o seu horizonte de desenvolvemento e de cohesión social", reclama CCOO, que se manifestará esta tarde en Ferrol a partir das 19 horas, saíndo do monumento do Dez de Marzo e rematando na Praza da Constitución.

CC.OO. manifestarase esta tarde en Ferrol

Pola súa banda, a CIG chama no seu manifesto á mobilización nas rúas para reverter as reformas laborais aplicadas nos últimos anos por PSOE e, sobre todo, polo PP. "Hoxe o PP non ten maioría no Parlamento; por tanto, a continuidade destas leis que atacan os nosos dereitos dependen daqueles que permiten que gobernen. O resultado final dependerá da resposta social da clase traballadora, da mobilización na rúa", destaca o sindicato no seu manifesto. "A explotación da clase traballadora é máis brutal na actualidade con estas leis, con estas reformas, e xa non lles abonda con roubarnos os dereitos no traballo, senón que tamén queren roubarnos as nosas pensións".

A CIG convoca para esta tarde oito manifestacións e concentracións

A central convoca para esta tarde oito manifestacións e concentracións: Vigo (cruce da Dobrada ás 20.00 horas), Ferrol (local da CIG na Avenida de Esteiro ás 20.00 horas), Lugo (local da CIG na Ronda da Muralla ás 20.00 horas), Ourense (dende a Subdelegación do Goberno ás 19.30 horas até a Praza Maior), Vilagarcía (concentración na Praza de Galicia ás 20.00 horas), Pontevedra (concentración na Praza da Peregrina ás 20.00 horas), Santiago (dende a Praza Roxa ás 20.00 horas) e Cee (dende fábrica de Brens até a Praza do Concello ás 19.30 horas).

Ademais, a CUT celebrou unha concentración en Compostela ás 12.30 horas naPraza 8 de marzo.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.