Centos de persoas saíron á rúa este domingo, 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, para reivindicar as liberdades dos traballadores e traballadoras e loitar contra a precariedade
Este domingo, 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, centos de persoas saíron á rúa para reivindicar as liberdades dos traballadores e traballadoras e loitar contra a precariedade no traballo.
As distintas forzas sindicais en Galicia organizaron actos en Ferrol, para homenaxear a Amador e Daniel, “asasinados pola policía represiva do réxime cando se manifestaban polos seus dereitos” en 1972, tal e como lembra CC. OO. no seu manifesto; ademais, tiveron lugar mobilizaións e actos de concentración e lectura de manifestos nas distintas cidades galegas ao mediodía.
“Máis de medio século despois, a economía medra e, con ela, os beneficios empresariais; porén, sobre a calidade de vida dos traballadores e traballadoras mantéñense implacables os elementos de desvalorización. É unha responsabilidade desta organización impulsar un cambio de rumbo en Galicia con máis compromiso político, autogoberno, concertación social e xustiza social”, reivindica CC. OO.
Baixo o lema ‘STOP precariedade. Traballo digno. Por un marco galego de relacións laborais’ a CIG saíu ás rúas neste 10 de marzo para enfrontar a precariedade e a pobreza, reclamar traballo digno e que o marco galego de relacións laborais sexa unha realidade, segundo explican. O acto central desta xornada de reivindicación foi en Ferrol, onde ademais da manifestación se realizou a tradicional ofrenda floral no monumento 10 de Marzo. A central nacionalista desenvolveu manifestacións tamén en Vigo e Compostela, mentres que na Coruña, Pontevedra, Ourense e Lugo, fixéronse concentracións.
"Cómpre saírmos a rúa para rematar coa precariedade, co abuso da contratación a tempo parcial e fixa descontinua en todos os sectores públicos e privados", defende o secretario xeral da CIG
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, salientou en Ferrol que, nun momento como o actual, no que ter un emprego xa non garante os ingresos mínimos necesarios para vivir con dignidade, "cómpre saírmos a rúa para rematar coa precariedade, co abuso da contratación a tempo parcial e fixa descontinua en todos os sectores públicos e privados; e para esixir unha nova lexislación laboral e social que restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos e regulacións que nos fortalezan como clase traballadora galega", indicou.
A CUT defende que “Daniel e Amador non poden converterse, como así está acontecendo, nun símbolo ou fetiche de celebración co cal xustificar que estamos coa clase traballadora”
A CUT, pola súa banda, defende que “Daniel e Amador non poden converterse, como así está acontecendo, nun símbolo ou fetiche de celebración co cal xustificar que estamos coa clase traballadora”.
A central sindical realizou unha concentración na Porta do Sol de Vigo para conmemorar o Día da Clase Obreira Galega e render homenaxe a Amador e Daniel, 52 anos despois do seu asasinato.
“Cómpre facer un exercicio de memoria colectiva e revisar a historia dos últimos cincuenta e dous anos. Estarían Daniel e Amador, e todas as mulleres e homes que saíron as rúas, satisfeitas co que temos?”, cuestiona o sindicato.
“Hoxe din que temos un goberno de esquerdas e hoxe a xente non ten acceso á vivenda, os salarios non alcanzan para chegar a fin de mes, hai traballadores e traballadoras pobres, temporalidade disfrazada semanticamente cos fixos-discontinuos, unha Lei Mordaza nacida para nos silenciar e reprimir, e unha política de esquerdas dedicada a crear frontes illadas onde lexislar na comodidade sen afrontar en ningún caso o reto transcendental, que non é outro que cuestionar o sistema capitalista", asegura a CUT.
O sindicato argumenta que os feitos de 1972 “non van de dous nomes illados, senón que nos lembran que a forza do colectivo, a solidariedade, son o motor da historia”. Tomemos exemplo de aquilo que determinou un cambio cualitativo para todos e todas nós, loitemos contra o individualismo que o capital pretende impór e tomemos as rúas. “A clase traballadora temos na mans ser libres ou escravas”, proclama a CUT.