No ano que vimos de pechar celebrouse o 50 aniversario das mobilizacións obreiras de Ferrol e Vigo en 1972, uns feitos que levan anos sendo lembrados na cidade do norte a través do Día da Clase Obreira Galega pero que na urbe do sur están aínda pendentes de ser postos en valor e recuperados a través da memoria pública. Un dos aspectos que conformaron a mobilización obreira que adoita ser deixado de lado é o labor desenvolvido polas mulleres, que moitas veces fican nun papel secundario (no mellor dos casos).
En Ferrol tiveron que pasar varias décadas para que as mulleres do movemento obreiro viran recoñecida a súa loita
En Ferrol, por exemplo, tiveron que pasar varias décadas para que as mulleres do movemento obreiro viran recoñecida a súa loita, que levaron a cabo en primeira liña (algunhas foron detidas e enviadas a prisión), pero sobre todo nos espazos máis ocultos, sostendo os fogares e as folgas, asistindo a feridos, presos e fuxidos e tamén introducíndose -como sucedeu en Ferrol- nos aparellos ata entón dominados pola ditadura, coma as as asociacións de amas de casa.
A activista feminista Lola Ferreiro vén de difundir un calendario do ano 2023 protagonizado polas mulleres que foron clave nesa folga xeral
No 2018 o Concello de Ferrol concedeulles "ás mulleres do 72" o Galardón do Día Internacional das Mulleres e hai uns meses a Comisión Recuperación Memoria Histórica A Coruña nomeou este ano ás 'Mulleres do 10 de Marzo de 1972 de Ferrol' como 'Republicanas de Honra' do ano 2022. Ademais, obras como Voces da memoria con ollos de muller, de Ánxela Loureiro, contribuíron a visibilizar a súa historia.
Tendo en conta que mesmo nunha loita ben documentada e coñecida coma a que tivo lugar en marzo en Ferrol o papel das mulleres ficou décadas silenciado, non estraña que a participación das mulleres na folga xeral do mes de setembro en Vigo sexa aínda máis descoñecida. Porén, agora a activista feminista Lola Ferreiro vén de difundir un calendario do ano 2023 protagonizado polas mulleres que foron clave nesa folga xeral, un elemento que acompaña dun documento explicativo no que fai fincapé no papel xogado por cada unha delas.
Ferreiro leva máis dunha década publicando estes calendarios, cos que homenaxea e recoñece a mulleres destacadas na historia recente de Galicia e do resto do mundo, figuras moitas veces inxustamente esquecidas na memoria oficial
Lola Ferreiro leva máis dunha década publicando estes calendarios, cos que homenaxea e recoñece a mulleres destacadas na historia recente de Galicia e do resto do mundo, figuras moitas veces inxustamente esquecidas na memoria oficial. Así, por exemplo, no ano 2021 o calendario estivo protagonizado por libertarias galegas como Consuelo Meitín Rodríguez, Josefa Barreiro González ou María Bello Paz. En anos anteriores o calendario lembrou ás 14 rosas vermellas, ás mulleres galegas represaliadas polo Franquismo ou a mestras que tamén sufriron a represión.
Nesta ocasión o calendario de 2023 homenaxea a Margarita Rodrígez Montes, Carmen Segurana Bedrina, Dolores Giráldez Castro, Julia Domínguez Rodriguez, Luisa Cuevas Raposo, Pilar García Giménez, Pilar Pérez Rodríguez, Elvira Landin Aguirre, Pilar Rodríguez Costas, Amelia Rodríguez Gonzalez, Laura Perez Durán e Hortensia Otero Álvarez. Unha parte dela traballaban en industrias como Álvarez ou Alfageme, hainas tamén que foron avogadas laboralistas ou que traballaban na casa. Tiveron militancia sindical (case todas en CCOO, pero tamén en Organización Obreira) e política (nomeadamente no PCG) e case todas sufriron represión directa durante a folga xeral de 1972 e nos meses posteriores.
Destaca que a folga xeral de Vigo sería "impensábel" sen a participación das mulleres porque "todas, sen excepción, sostiveron e coidaron da vida mentres se desenvolveu o conflito, asemade de participaren activamente nel, con distintos niveis de compromiso"
Lola Ferreiro destaca que a folga xeral de Vigo sería "impensábel" sen a participación das mulleres porque "todas, sen excepción, sostiveron e coidaron da vida mentres se desenvolveu o conflito, asemade de participaren activamente nel, con distintos niveis de compromiso".
Ademais, Ferreiro lembra que "as mulleres que participaron na folga xeral (ao nivel que fose) tiñan dobre, tripla ou cuádrupla xornada de traballo. Algunhas delas estaban empregadas en empresas, maiormente en conserveiras ou na cerámica; asemade, moitas participaban no sindicato e na organización política na que militaban; pola súa vez, as máis delas estaban nas mobilizacións, nos encerros, nas comisións que se entrevistaban coas autoridades, etc., e desde logo todas coidaban da familia e da casa".
Lola Ferreiro conclúe que "as mulleres que participaron nas folgas obreiras, mesmo as que o fixeron desde responsabilidades políticas e sindicais, non foron visibilizadas"
Lola Ferreiro conclúe que "as mulleres que participaron nas folgas obreiras, mesmo as que o fixeron desde responsabilidades políticas e sindicais, non foron visibilizadas. Tiveron que pasar décadas e denuncias do movemento feminista desta forma de violencia simbólica para que comezara un proceso (complexo, complicado e difícil) de recuperación da memoria do seu papel. Debémosllo".
Cómpre lembrar, así mesmo, que o calendario de 2022 realizado por Lola Ferreiro estivo xa dedicado ás mulleres que participaron máis activamente no movemento obreiro de Ferrol en 1972. Mela Valcárcel Luaces, Fina Varela Fontán, Sari Alabau Albors, Victoria Díaz Cabanela, Encarna Puentes García, Susa Sanjurjo Pazos, Manuela López García, Maruja Fernández Pérez, Fina Piñón Seoane, Angelita Fernández Dopico, Manuela Paredes Pérez e Divina García Ferreño. Unha ducia, unha por mes, representando a moitas outras.