"A conciencia democrática e as loitas obreiras da Transición estiveron alimentadas polos 15 días de folga xeral de Vigo"

Asemblea obreira en Galicia nos anos 70 Dominio Público Praza Pública

O 9 de setembro de 1972 os traballadores de Citroën iniciaron unha mobilización en demanda da xornada laboral de 44 horas, que lles permitiría librar os sábados, e da que xa gozaban os obreiros do naval vigués. A empresa respondeu despedindo a nove persoas, o que motivou o inicio dunha folga que, por solidariedade, se estendeu de inmediato polo resto de grandes empresas (Vulcano, Barreras, Álvarez, Ascón, Censa...) e que se converteu nunha folga xeral en toda a cidade. 

"As mobilizacións de Ferrol e Vigo non se poden disociar, teñen a mesma orixe e as mesmas intencións. E todo viña marcado pola estratexia dos grupos máis activos na oposición á ditadura"

Durante 15 días, ata o 25 de setembro, os traballadores vigueses mantiveron o desafío contra a ditadura, nunha folga xeral política deseñada polas organizacións obreiras para estenderse a outros territorios, aínda que finalmente ficou nun paro xeral na comarca. Máis de 25.000 traballadores de 33 empresas participaron na folga, que obrigou ao réxime a practicar unha forte represión, con centos de detencións e case 300 despedimentos.

A folga xeral de setembro de 1972 en Vigo foi un dos movementos de protesta máis significativos en todo o Estado contra a ditadura e, xunto cos feitos de marzo en Ferrol, un dos capítulos clave da historia do movemento obreiro en Galicia. O historiador José Gómez Alén (director da Fundación 10 de Marzo entre 1991 e 2005), con quen falamos, defende que foi ademais unha escola de mobilización e o xerme de moitas loitas posteriores. A pesar diso, as protestas obreiras do 72 en Vigo seguen a ser moi descoñecidas, mesmo na propia cidade onde tiveron lugar, e non contan cun recoñecemento oficial.

En que contexto político se convoca a folga xeral de Vigo, que chega seis meses despois da mobilización de Ferrol?

As mobilizacións de Ferrol e Vigo non se poden disociar, teñen a mesma orixe e as mesmas intencións. E todo viña marcado pola estratexia dos grupos máis activos na oposición á ditadura, sindicalmente as Comisións Obreiras e politicamente o Partido Comunista. Unha estratexia de loita que só é posible aplicar se existen medios para facelo: é dicir, unha implantación moi importante nas empresas e factorías, como sucedía en Ferrol e Vigo. A estratexia de confrontación coa ditadura viña alimentándose sobre todo dende as folgas da minaría asturiana en 1966 e que se acrecenta despois das eleccións sindicais de 1971, cando se observa a posibilidade de iniciar conflitos laborais en toda España.

José Gómez Alén © cazarabet

"En marzo prodúcese en Vigo o primeiro ensaio da folga xeral de setembro, en resposta á represión do 10 de marzo en Ferrol. Comeza unha folga de solidariedade en Vulcano, despois únense os de Barreras e finalmente os de Citroën. E así segue a cousa ata o día 15, cando rematan as folgas"

En Ferrol e Vigo había unha grande actividade obreira e implantación do comunismo e das comisións obreiras, que ademais entroncaba cunha tradición que viña da República, pois nas factorías había aínda traballadores que militaran en sindicatos e partidos de esquerda antes da Guerra Civil. O réxime era consciente disto e tentou descabezar o movemento, detendo preventivamente a moitos dos líderes (Pillado, Aneiros, Balón...) para evitar que participasen nas eleccións sindicais de 1971, que o Goberno levaba cinco anos sen convocar. Porén, unha nova xeración de militantes (Rioboo, Amor Deus...) tomou o relevo e gañou as eleccións igualmente, tanto en Ferrol, o que foi determinante do conflito laboral que levou ao 10 de marzo, coma en Vigo, onde as Comisións Obreiras varren en xuño nas grandes empresas. O Goberno franquista era polo tanto plenamente consciente de que no 1972 se ían producir importantes mobilización obreiras.

 

Xa en marzo houbera en Vigo un amplo movemento de solidariedade cos traballadores de Ferrol. Que magnitude tivo?

"Realízase unha análise positiva da resposta dos traballadores en marzo, hai 'condicións' que poden permitir avanzar unha folga xeral na cidade, pero son conscientes de que se non se incorpora o persoal de Citroën (que tiña máis de seis mil traballadores) non é posible levala a cabo"

O ano 1972 iníciase en Vigo con protestas dos traballadores de Barreras e Vulcano, que denuncian o convenio vixente, e tamén coa negociación do novo convenio en Citroën. Nos estaleiros os traballadores acadan a xornada de 44 horas, pero non se consegue en Citroën. En marzo prodúcese en Vigo o primeiro ensaio da folga xeral de setembro, en resposta á represión do 10 de marzo en Ferrol. Ese día, comunícase de inmediato aos cadros sindicais de Vulcano e Barreras que acababan de matar a dous traballadores e comeza unha folga de solidariedade en Vulcano, que é a primeira que para, despois únense os de Barreras e finalmente os de Citroën, que inician un paro de brazos caídos, pero non saen ás rúas. Os de Vulcano e Barreras si que se manifestan nas rúas, unindo á folga aos traballadores doutras empresas. E así segue a cousa ata o día 15, cando rematan as folgas.

Como se organiza a folga? Foi un proceso deseñado polas organizacións obreiras?

"Saben que o persoal de Citroën non sairía á rúa en solidariedade cos traballadores outras empresas, así que a folga tiña que empezar en Citroën e estenderse ás demais. A reacción da empresa foi a esperada, con nove despedimentos, o que leva a unha folga de solidariedade en Barreras, Vulcano e outras"

Os dirixentes do Partido Comunista e das Comisións Obreiras de Vigo realizan unha análise positiva da resposta dos traballadores en marzo. Ven que hai “condicións” que poden permitir avanzar cara á convocatoria dunha folga xeral na cidade, pero saben que hai que deseñar unha estratexia, porque son conscientes de que se non se incorpora o persoal de Citroën (que tiña máis de seis mil traballadores) non é posible levar a cabo unha folga xeral. Saben que nese momento o persoal de Citroën non sairía á rúa en solidariedade cos traballadores outras empresas, así que a folga tiña que empezar en Citroën e estenderse ás demais. A explicación é que era unha empresa nova, que non tiña a tradición de loita das outras e o Partido Comunista non tivera organización na empresa ata 1966 e carecía da forza que tiña nas outras.

Así que deciden iniciar a folga en Citroën, en reivindicación da xornada de 44 horas que tiñan outras empresas e da que esta carecía. Inician a folga, ademais, sabendo como ía reaccionar a compañía, porque ante os conflitos laborais adoitaba reaccionar con despedimentos (tamén o facía así en Francia). Nos primeiros días de setembro prepárase todo o conflito, por exemplo onde comezar o paro. E así, Francisco Lores -que era de CC.OO. aínda que pertencía ao colectivo Galicia Socialista no que tamén estaba Camilo Nogueira- foi o encargado de cortar a corrente. A reacción da empresa foi a esperada, con nove despedimentos, o que leva a unha folga de solidariedade en Barreras, Vulcano e outras empresas. 

Manifestación por Ascón a finais dos anos 70 en Vigo Dominio Público Praza Pública

Como foi o desenvolvemento da folga? 

"Durante os 15 días que durou a folga o aparato de propaganda do PC puxo na rúa 30.000 octavillas todos os días. E a pesar de todas as detencións e das malleiras sufridas por moitos traballadores, a Policía nunca soubo quen imprimía as follas nin onde se imprimían"

O movemento foise estendendo por toda a cidade e toda a comarca, co resultado que coñecemos: un rosario de detencións, malos tratos nas comisarías, 200 despedimentos definitivos e moitos outros despedidos inicialmente que posteriormente foron readmitidos. Nas mobilizacións obreiras hai tres niveis de compromiso: aqueles que saben que van ser despedidos ou encarcerados, aqueles que colaboran e saben que corren o risco de ser despedidos e despois a base social que corre riscos menores, que poden incluír multas ou algún pau.

Durante os 15 días que durou a folga o aparato de propaganda do PC puxo na rúa 30.000 octavillas todos os días. E a pesar de todas as detencións e das malleiras sufridas por moitos traballadores, a Policía nunca soubo quen imprimía as follas nin onde se imprimían. E os responsables, ademais de Carlos Barros, que era quen redactaba os textos, eran Luís Ferreiro e Antonio Figueroa.

O obxectivo era que a folga se estendese a outras cidades, pero non foi así. Iso foi o que obrigou a detela e volver ao traballo?

A estratexia era o que se coñecía como “mancha de aceite”: iniciar unha folga nunha empresa, estendela por outras empresas da cidade, da comarca e, despois, convertela nunha “folga xeral nacional política”

A estratexia era o que se coñecía como “mancha de aceite”: iniciar unha folga nunha empresa, estendela por outras empresas da cidade, da comarca e, despois, convertela nunha “folga xeral nacional política”, que era a estratexia de loita do Partido Comunista contra a ditadura.

A folga de setembro en Vigo chegou a ser de carácter comarcal, estendéndose a empresas de Redondela ou O Porriño, pero non foi máis aló. Si que na cidade se mantivo con forza durante 15 días e no seo da organización da folga houbo un debate sobre se continuala ou non. Por exemplo, a xente de Organización Obreira, que eran cadros moi novos e combativos, apostaba por seguir, pero outros sectores comezaron a ver que era difícil manter a mobilización máis tempo, a xente da base non aguantaba. O día 23 decídese que hai que volver ao traballo e reagrupar forzas, mirando cara ao futuro e sendo conscientes de que as loitas non fixeran máis que comezar.

Proxección do filme 'Vigo 1972' en Cangas © Vigo 1972

Que efectos tivo a folga, a curto e a longo prazo?

"Con esta folga a conciencia democrática dos cidadáns desenvolveuse moito, o suficiente para que pouco tempo despois, a pesar da represión, as folgas volvesen rexurdir na cidade"

Con esta folga a conciencia democrática dos cidadáns desenvolveuse moito, o suficiente para que pouco tempo despois, a pesar da represión, as folgas volvesen rexurdir na cidade. A conciencia democrática e as loitas obreiras da Transición, polas liberdades e a amnistía, estiveron alimentadas polos 15 días de folga xeral de Vigo e por toda a organización que levara a este paro.

As distintas organizacións analizaron todo o sucedido e fixeron unha valoración. Deuse nese momento un debate interno; houbo un sector que considerou que a folga tivera custos excesivos e que polo tanto había que pensar máis no futuro antes de facer un movemento así e outro sector, en cambio, sacou conclusións moi positivas, tendo en conta que as organizacións non quedaran descabezadas e que poucos meses despois a actividade sindical e política volvía ser moi importante. No ano 1974 comeza a haber de novo mobilizacións moi significativas, e xa non digamos no ano 1975, no que se volven celebrar eleccións sindicais, nas que as Comisións Obreiras arrasan, acabando co Sindicato Vertical. Ademais, o movemento obreiro e sindical vólvese máis diverso, con novas organizacións e a aparición, por exemplo, do sindicalismo nacionalista.

Mobilizacións obreiras como as que se levaron a cabo en 1972 en Ferrol e Vigo desmenten a idea establecida de que o proceso de Transición política foi unicamente un pacto de elites, que o ditador morreu na cama e a democracia chegou como unha prebenda outorgada? 

"A Transición, con todos os seus erros e con todas as deficiencias que poida ter hoxe a nosa democracia, tería sido moi distinta sen a loita que durante moitos anos levaron a cabo os traballadores, especialmente entre 1974 e 1977"

A Transición, con todos os seus erros e con todas as deficiencias que poida ter hoxe a nosa democracia, tería sido moi distinta sen a loita que durante moitos anos levaron a cabo os traballadores, especialmente entre 1974 e 1977. Nun principio o que ofrecían os sectores que viñan do Franquismo, como Alfonso Suárez e a maior parte da xente que formou UCD, era unha simple reforma política, unha actualización das leis da ditadura que dese cabida a algúns partidos, pero non apostaban por un sistema democrático pleno e por un proceso constituínte. Primeiro inténtao Arias Navarro en febreiro de 1976 para ver se así acalaba a protesta social. Pero fracasa, porque a rúa estaba moi mobilizada, especialmente nas zonas industriais. O 1976 foi o ano con máis folgas da historia, cunha cantidade de horas de traballo paradas foi tremendo. 

A Transición foi unha imposición da rúa, ao berro de “liberdade e amnistía” ao que en Galicia se unía o de “Estatuto de Autonomía”. A liberdade non lla regalaron aos traballadores españois, conquistárona na rúa e detrás desa liberdade hai moitos sacrificios. 11.000 traballadores foron procesados no TOP en todo o Estado e moitos máis foron despedidos. O que se conseguiu non ten nada que ver co que o ditador quería, ou co que querían Carrero Blanco, Arias Navarro ou o mesmo Suárez.

Fotograma de 'Vigo 1972' © Vigo 1972

Desmente tamén a outra idea establecida de que Galicia é un territorio conservador e politicamente submiso?

"Algunhas das folgas que se levaron a cabo en Galicia pola súa intensidade, duración e magnitude están no primeiro plano das folgas laborais en España"

A resposta á ditadura en Galicia, debido ao menor número de obreiros industriais, é certo que foi menor que nos territorios máis mobilizados, como Cataluña, Madrid ou o País Vasco e estivo máis localizada. Pero foi moi relevante e non hai que quitarlle importancia. E isto quedou demostrado ao longo de toda a ditadura, dende as folgas da fame de 1946 e 1947 -como a folga do aceite en Ferrol en 1946-, as folgas de 1962 en Vigo en resposta á mobilización mineira de Asturias, un gran número de mobilizacións laborais ao longo dos anos 60 e ata chegar aos movementos de 1972. Algunhas das folgas que se levaron a cabo en Galicia pola súa intensidade, duración e magnitude están no primeiro plano das folgas laborais en España, e sobre todo a de Ferrol de marzo de 1972, que espertou unha resposta internacional de solidariedade como poucas veces se viu.

Chama a atención a escasa importancia que nas últimas décadas se lle deu á folga xeral de Vigo de 1972, especialmente na propia cidade, onde a diferenza do que sucede en Ferrol co 10 de marzo, non houbo un recoñecemento oficial e nunca se lle dedicou un espazo público de homenaxe, como reclaman este ano distintas iniciativas. Por que cres que sucede isto? Cómpre un maior recoñecemento en Vigo á folga do 72?

Isto ten que ver por unha banda cos chamados combates pola historia e pola memoria. Historia e memoria son cousas distintas, aínda que a historia contribúe á memoria colectiva dunha sociedade. A historia fana os historiadores, que empregan todas as ferramentas documentais que teñen ao seu alcance, mentres que a memoria colectiva é produto da memoria individual e nela inflúen moitos factores; a memoria é moito máis fraca. 

"A folga xeral de setembro de 1972 debería ter o seu recoñecemento en Vigo, penso que é importante para honrar a memoria das persoas que loitaron durante anos. Fíxate que Vigo ten unha rúa chamada 10 de marzo, pero ningún espazo que lembre a folga xeral de setembro.

Por que non se celebra en Vigo e si en Ferrol? Dende hai décadas houbo un grande esforzo en Ferrol por conmemorar o 10 de marzo, que é unha data que ficou marcada en moitas persoas e é entendible: tivo unha gran repercusión e unha manifestación foi ametrallada e dous obreiros morreron e cen máis quedaron feridos. Eu creo que a celebración do 10 de marzo debería entenderse como unha conmemoración do conxunto das loitas obreiras de Galicia, especialmente as que se levan a cabo no resto do ano 1972, e polo tanto eu considero que a folga xeral de Vigo está incluída neste símbolo. 

Iso si, a folga xeral de setembro de 1972 debería ter o seu recoñecemento en Vigo, penso que é importante para honrar a memoria das persoas que loitaron durante anos, xa antes de 1972, pola democracia e polos dereitos dos traballadores. A cidade debería dedicarlles algo; fíxate que Vigo ten unha rúa chamada 10 de marzo, pero ningún espazo que lembre a folga xeral de setembro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.