Sindicalistas históricos de Vigo reivindican a memoria da folga xeral de setembro de 1972

Asemblea en Barreras nos anos 70 © CCOO

No mes de setembro de 1972 Vigo foi escenario dunha das folgas xerais máis importantes da ditadura franquista, que chegaba uns meses despois das mobilizacións que en Ferrol acabaran coa morte de dous obreiros, e que xa espertaran un importante movemento de solidariedade na cidade olívica. Durante dúas semanas o paro paralizou a cidade e toda a comarca. Participaron 20 mil traballadoras e traballadores, houbo asembleas en todas as empresas e as follas voandeiras cubriron todos o barrios. A policía viuse obrigada a tomar a cidade para frear o movemento de protesta, houbo centos de detidos e torturados, ao redor de 6 mil despedimentos (limitados a 400, primeiro e a 200, finalmente) e centos de persoas detidas ou feridas. 

Esas dúas semanas o movemento obreiro galego escribiu unha das súas páxinas principais, semente de boa parte das mobilizacións posteriores

Esas dúas semanas o movemento obreiro galego escribiu unha das súas páxinas principais, semente de boa parte das mobilizacións posteriores. Con todo, este movemento de protesta foi nas últimas décadas escasamente estudado e divulgado, sendo aínda menos coñecido que os feitos de marzo en Ferrol. Non houbo, ademais, un recoñecemento ou homenaxe oficial aos traballadores que nese momento se mobilizaron. Nos últimos anos, iso si, foron publicándose varias investigacións e ensaios ao respecto e, así mesmo, en 2017 estreouse Vigo 1972, un filme que conta a historia daquelas semanas, a súa orixe e a súa significación histórica.

Portada de A Voz do Pobo, órgano de comunicación do PCG, de setembro de 1972 © Fundación 10 de marzo

Participaron 20 mil traballadoras e traballadores, houbo asembleas en todas as empresas e as octavillas cubriron todos o barrios. A policía viuse obrigada a tomar a cidade para frear o movemento de protesta, houbo centos de detidos e torturados

Nos últimos días un grupo de sindicalistas históricos reclamaron publicamente un recoñecemento oficial da folga xeral a través dunha declaración institucional do Concello de Vigo que subliñe a importancia histórica daquela mobilización. Así o fixeron Margarita Rodríguez Montes (Grupo de Empresas Álvarez), Emilio Fernández González (Vulcano, Higinio Leirós Bastos (Barreras), Juan Benavides (Auxinaval), Francisco Lores (Vulcano), Xoaquín López Facal (Plásticos de Galicia), María Luisa Vilas Costa (El Corte Inglés) e Enrique Ordóñez Rey (Citroën), que encabezan a comisión e as demandas, apoiadas por máis dun cento de traballadores e traballadoras que participaron na folga, hai 50 anos.

O grupo de sindicalistas históricos reclaman un recoñecemento oficial da folga xeral a través dunha declaración institucional do Concello de Vigo, ao que piden tamén que dedique un espazo público da cidade a homenaxear aquel movemento e aos homes e mulleres que participaron no paro

Todos eles e elas destacaron o carácter "político" daquela folga xeral e reclamaron tamén do Concello de Vigo que dedique un espazo público da cidade a homenaxear aquel movemento e aos homes e mulleres que participaron no paro. A folga comezou o 6 de setembro en Citroën. O persoal da factoría iniciou unha manifestación para reclamar a xornada laboral semanal de 44 horas e o descanso os sábados pola tarde. Porén, nos días seguintes uníronse á mobilización os traballadores doutras empresas da cidade, principalmente das grandes plantas industriais. A situación sorprendeu ao réxime, que se viu obrigado a enviar á cidade unha cifra importante de axentes antidisturbios e outros corpos policiais e militares.

Dende comezos deste ano, a plataforma vigosetembro1972 está tamén a organizar actividades para conmemorar o 50 aniversario da folga xeral © vigosetembro1972

A folga comezou o 6 de setembro en Citroën. O persoal da factoría iniciou unha manifestación para reclamar a xornada de 44 horas e o descanso os sábados pola tarde. Nos días seguintes uníronse á os traballadores doutras empresas

O paro sumaba reivindicacións estritamente laborais coa contestación á ditadura franquista e a demanda de democracia. Aínda que a noticia da folga se estendeu polo resto do Estado a través dos grupos de Comisións Obreiras e do Partido Comunista e doutros grupos minoritarios de esquerda, o exemplo vigués non foi seguido noutras zonas, o que obrigou aos folguistas a, finalmente, poñer fin á protesta, case tres semanas despois. As consecuencias para moitos deles foron moi duras: despedimentos, torturas, prisión e varios tiveron mesmo que exiliarse ou pasar á clandestinidade.

A comisión que pelexa pola institucionalización desta data na cidade reuniuse a pasada semana co alcalde, Abel Caballero

A comisión que pelexa pola institucionalización desta data na cidade reuniuse a pasada semana co alcalde, Abel Caballero, que se comprometeu a aprobar unha declaración institucional dende o Concello. Porén, este grupo de traballadores e traballadoras pide ir máis aló, apostando pola reserva dun "espazo público" que lembre aqueles feitos, para asegurar que non son esquecidos e son coñecidos "polas novas xeracións". Dende comezos deste ano, a plataforma Vigo Setembro1972 está tamén a organizar actividades para conmemorar o 50 aniversario da folga xeral.

Roi Cagiao: "Hai moita xente da nosa xeración que non coñece ou feitos, ou ben que non lles dá a importancia que teñen"

Roi Cagiao, director do documental Vigo 1972, que está a piques de estrear a súa nova película sobre os feitos de marzo de 1972 en Ferrol, destacaba nesta entrevista que "a folga de Vigo do 72 forma parte do subconsciente colectivo da sociedade viguesa e galega e constituíu, xunto co 10 de marzo ferrolán, o fito principal na loita do pobo galego polas liberdades democráticas e os dereitos sociais no tramo final da ditadura". E denunciaba que "hai moita xente da nosa xeración que non coñece ou feitos, ou ben que non lles dá a importancia que teñen", cando Vigo "foi o centro da loita contra a ditadura durante semanas, a policía tomou a cidade, foi noticia en toda Europa".

Carlos Barros: "a folga xeral de Vigo de 1972 foi o maior éxito histórico da clase obreira galega"

De igual xeito, Carlos Barros, nese momento responsable de comunicación do PCG, salientaba que "a folga xeral de Vigo de 1972 foi o maior éxito histórico da clase obreira galega". "Naquel momento estabamos ensaiando a folga xeral política na estratexia de derrocar a ditadura a través da mobilización de masas. E Galicia estaba na vangarda dese proceso, cando menos os traballadores de Ferrol e Vigo e os estudantes de Compostela", engadía Barros nesta entrevista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.