Unha manifestación esixirá que Vigo recoñeza oficialmente a folga de 1972 como unha data de homenaxe ao movemento obreiro

Proxección do filme 'Vigo 1972' en Cangas © Vigo 1972

A CIG vén de convocar unha manifestación, o 22 de setembro co obxectivo de lembrar uns acontecementos “sobre os que se constrúe a historia contemporánea do movemento obreiro galego"

En setembro de 1972 unha folga xeral paralizou a comarca de Vigo durante dúas semanas, unha acción do movemento obreiro en plena ditadura franquista que a día de hoxe é escasamente coñecida e reivindicada na cidade olívica e en toda Galicia, a diferenza do que sucede por exemplo en Ferrol cos feitos do 10 de marzo. Este ano, cando se celebra o 50 aniversario da folga xeral de Vigo, distintas iniciativas reclaman un recoñecemento oficial e institucional dos feitos, coa homenaxe pública aos homes e mulleres que participaron no paro.

Hai uns días un grupo de sindicalistas históricos da cidade fixeron un chamamento público para que o Concello de Vigo aprobe unha declaración institucional e dedique "un espazo público" da cidade a lembrar a folga de 1972. Agora, a CIG vén de convocar unha manifestación, o vindeiro xoves 22 de setembro, que esixirá o mesmo, co obxectivo de lembrar uns acontecementos “sobre os que se constrúe a historia contemporánea do movemento obreiro galego".

Monumento proposto pola CIG ao Concello de Vigo para conmemorar o 50 aniversario da folga de 1972 © CIG

A marcha rematará ante o Concello, onde se colocará unha réplica do monumento deseñado polo sindicato para conmemorar os feitos se nese momento o Goberno local non aprobou a colocación da escultura nun espazo público da cidade

A manifestación nacional de delegados e delegadas do sindicato sairá dende Vía Norte ás 11 horas e rematará ás portas do Concello de Vigo se nesa data o Goberno local da cidade non ofreceu "unha solución que permita instalar" o monumento encargado pola central sindical para conmemorar as loitas de setembro do 72. Deste xeito, os manifestantes colocarían ante a sede municipal unha réplica do monumento, obra do escultor Javier Diéguez Mosquera, membro da Asociación de Canteiros de Galicia.

A escultura, formada por catro pedras de gran tamaño (2,30 metros de alto, 1,20 de longo e 0,57 de ancho) e sufragada pola CIG coa intención de doarllo ao Concello de Vigo para que o instale nun espazo público visible, carece todavía de ubicación a pesar das xestións realizadas dende o pasado mes de xaneiro co Goberno local. “Até o de agora só nos atopamos con evasivas e cunha actitude que parece querer dilatar infinitamente un trámite que debera ser áxil e sinxelo de existir vontade política", denuncia Alberto Gonçalves, responsable da central sindical na comarca.

Este martes 13 de setembro ás 19 horas está prevista a proxección pública dun audiovisual que baixo o título de 'Setembro de 1972. Unha folga que mudou a nación galega' recolle testemuños dalgunhas das persoas protagonistas daqueles acontecementos

A marcha será un dos actos programados pola CIG para conmemorar o 50 aniversario da folga. Antes, este mesmo martes 13 de setembro ás 19 horas, está prevista a proxección pública dun audiovisual que baixo o título de 'Setembro de 1972. Unha folga que mudou a nación galega' recolle testemuños dalgunhas das persoas protagonistas daqueles acontecementos. O filme estrearase no auditorio Afundación, na rúa Policarpo Sanz. Ademais, estanse a programar tamén distintos actos informativos en diferentes puntos da cidade e da comarca no que tamén se visionará o audiovisual co obxectivo de achegalo ao maior número de persoas.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, fixo un chamamento a celebrar o 50 aniversario da folga xeral como homenaxe "a todas as persoas que co seu compromiso e acción fixeron posíbeis estas loitas e que padeceron persecución e forte represión”, persoas que son "un exemplo de resistencia, de coherencia e de profundo convencemento na outorganización da clase traballadora".

Paulo Carril e Alberto Gonçalves, na presentación dos actos en homenaxe á folga xeral de 1972 © CIG

“De igual xeito que en Ferrol se asume marzo do 72 como unha data con consideración oficial, en Vigo debera entenderse como unha data de recoñecemento, de homenaxe e de reivindicación e non de confrontación", dixo Carril

Carril criticou que o Concello de Vigo non asuma e mesmo impida as iniciativas que se teñen posto en marcha para dignificar unha data tan importante como esta. “De igual xeito que en Ferrol se asume marzo do 72 como unha data con consideración oficial, en Vigo debera entenderse como unha data de recoñecemento, de homenaxe e de reivindicación e non de confrontación", dixo.

"O Concello de Vigo debera de estar á altura das circunstancias e non esquecer que en Ferrol, goberne quen goberne, a lembranza de marzo do 72 é acollida e conmemorada de xeito respectuoso con diferentes actividades, tanto as que organiza o propio Concello como as organizacións sindicais, políticas e sociais", sinala a CIG

CCOO fai fincapé no protagonismo das mulleres

CCOO levou a cabo un Encontro Sindical da Muller, dedicado a lembrar as mulleres protagonistas das mobilizacións de 1972 en Vigo e Ferrol, "acontecementos que transformaron o contexto sociopolítico do noso país"

Pola súa banda, CCOO levou a cabo hai uns días un novo Encontro Sindical da Muller, dedicado a lembrar as mulleres protagonistas das mobilizacións de 1972 en Vigo e Ferrol, "acontecementos que transformaron o contexto sociopolítico do noso país". A inauguración correu a cargo da secretaria da Muller de CCOO de Vigo, Puri Bernárdez, mentres que o saúdo institucional lle correspondeu á concelleira Uxía Blanco. O acto comezou coa proxección dun vídeo e foi continuado por un coloquio.

A secretaria de Muller e Igualdade do sindicato, Mamen Sabio, salientou a importancia de saber "de onde vimos" para saber "a onde imos e que camiño tomar". Pola súa banda, a secretaria xeral do sindicato galego, Amelia Pérez, manifestou o seu "orgullo" por compartir xornada con todas as compañeiras e participantes, amais de coñecer de primeira man "as súas vivencias, a súa historia, o compromiso e a militancia".

Encontro Sindical da Muller, organizado en Vigo o 6 de setembro © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.