As mulleres que protagonizaron o 10 de marzo do 72, 'Republicanas de Honra' no 50 aniversario dos feitos

Recibimento en 1976 aos últimos tres presos dos feitos do 10 de marzo do 72 © CRMH

Estas mulleres "nunca conseguiron un recoñecemento efectivo ao seu máis que relevante papel neses feitos de loita antifranquista e pola democracia que supuxeron as folgas en Ferrol do ano 1972", destaca a CRMH

Sari Alabau, Fina Varela, Toñita Rey Mosquera, Ánxela Loureiro, Fina Piñón, Encarna Puentes, Divina García Ferreño ... Ou tamén as finadas Lucita Aneiros Rodríguez, Mela Valcárcel, Angelita Fernández Dopico... Na loita obreira e antifranquista que se levou a cabo en Ferrolterra nos últimos anos da ditadura e na Transición houbo moitas mulleres. A maioría non figuraban ata hai pouco nos libros de historia, ficando ocultado o seu labor, menos visible que o dos homes, que nalgúns casos eran as súas parellas. Pero o seu traballo foi incansable, tanto na organización política, sindical e social, coma no propio sostemento das vidas das súas comunidades. 

Algunhas foron detidas e pasaron pola prisión, e outras tiveron que sacar adiante as súas familias cos seus homes encarcerados durante meses ou anos. Nos últimos anos comezou a recoñecerse a loita que estas mulleres levaron a cabo neses anos e no 2018 o Concello de Ferrol concedeulles "ás mulleres do 72" o Galardón do Día Internacional das Mulleres. Ademais, obras como Voces da memoria con ollos de muller, de Ánxela Loureiro, contribuíron a visibilizar a súa historia.

Agora a Comisión Recuperación Memoria Histórica A Coruña nomeou este ano ás 'Mulleres do 10 de Marzo de 1972 de Ferrol' como 'Republicanas de Honra' do ano 2022, un recoñecemento que coincide co 50 aniversario dos feitos, unha efeméride que se vén celebrando nos últimos meses a través de diversos actos. A CRMH destaca que estas mulleres "nunca conseguiron un recoñecemento efectivo ao seu máis que relevante papel neses feitos de loita antifranquista e pola democracia que supuxeron as folgas en Ferrol do ano 1972".

Previamente, foron recibidas no Concello e no Reitorado da UDC e visitaron o Pazo de Meirás

Este xoves 21 de abril terá lugar un acto de homenaxe na sede da ONCE da Coruña. No evento, que comezará ás 19.30 horas, intervirán varias das mulleres premiadas, que recollerán a peza institucional que todos os anos recoñece aos e ás republicanos de honra. Previamente o grupo de mulleres homenaxeadas foron recibidas no Concello da Coruña, no reiterado da UDC e realizaron unha visita ao Pazo de Meirás.

Sari Alabau, do PCG, unha das tres mulleres que foron xulgadas no Proceso dos 23 e que pasou pola Prisión Provincial da Coruña, destacaba nesta entrevista que "eles eran máis visibles, estaban nas fábricas, ían ás asembleas, eran detidos, pero o traballo que facían as mulleres era impresionante". "Foi tremendo como neses anos moitos homes desapareceron, porque estaban no cárcere, e as mulleres sacaron adiante os seus pequenos, traballaron, seguiron facendo activismo e algunha mesmo estudou", engadía.

As mulleres do 72, Republicanas de Honra, no Pazo de Meirás acompañadas pola subdelegada do Goberno de España na Coruña, María Rivas © Delegación do Goberno de España en Galicia
Cartel da celebración organizada pola CRMH para homenaxear ás mulleres do 10 de marzo © CRMH

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.