Fálase | Mulleres do mar e da memoria do 10 de marzo de Ferrol

Sari Alabau e outros militantes que participaron nas históricas mobilizacións do 10 de marzo e o mar de Terra Nova CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Foto 10 de marzo: @borja_srt | Foto Terra Nova: © JRCC Halifax | Imaxe Fálase: © Isabel Vila

En Praza.gal en xeral e neste podcast en particular propuxémonos frear nas curvas, na medida do posible. Non escapar do que pasa, somos un xornal e este é un espazo informativo. Pero si contalo sen présa, para contalo ben. É por iso que neste episodio freamos. Detémonos na beiravía desa actualidade frenética para centrármonos en dúas historias que son moitas máis. 

No novo capítulo do Fálase, conducido por David Lombao, detémonos en testemuñas de mulleres que viviron momentos moi duros, historias que falan do mar, do traballo, da loita do día a día e da loita contra a ditadura e a inxustiza. As primeiras voces que imos escoitar son de mulleres do mar, que quedaban e seguen quedando en terra mentres os homes están embarcados.

Xa non falamos das viúvas dos vivos que retratou Rosalía de Castro, pero si de vivencias duras, de traballo, de soidade, de sororidade. De realidades que nos bateron de fronte outra volta hai unhas semanas, co naufraxio en Terranova do Villa de Pitanxo. Son realidades que dúas veciñas de Marín, Fina Delgado e Isabel Cruz, compartiron con Ana G. Liste nunha reportaxe concibida coa vontade de buscar o reverso, a contraparte sen a que non se entende o que pasa cando un mariñeiro vai a unha marea e está moitos meses fóra.

Fina Delgado explica a reacción do seu fillo, con apenas 3 anos, cando o seu pai volveu dunha marea antes do previsto

Elas contaron, por exemplo, como pasaron de despedir os seus pais e maridos, que marchaban en barcos de madeira, a mandar mensaxes aos seus fillos por WhatsApp para comprobar se seguen ben. O primeiro que as sorprendeu moito foi que existise interese por contar a súa parte da historia.

Neste episodio do Fálse buscamos tamén outra historia que son moitas historias. O 10 de marzo de 1972, hai agora cincuenta anos, a policía da ditadura matou a Amador Rey e a Daniel Niebla. Os sucesos de Ferrol, naquelas mobilizacións do persoal dos estaleiros da Bazán polo seu convenio, pero tamén contra o franquismo e a súa represión, son todo un fito nunha loita obreira e antifranquista moito máis ampla… 

En vésperas dese aniversario, Marcos Pérez Pena falou cunha das mulleres que estaban en primeira liña da loita. Trátase de Sari Alabau, mestra de profesión, militante comunista, activista infatigable e tamén testemuña de primeira man daqueles sucesos de 1972.

Sari Alabau detalla como o franquismo procuraba "dar un escarmento" ao movemento obreiro e estudantil de Ferrol

Todos os episodios de Fálase chegan primeiro ás socias e socios de Praza.gal e, a continuación, están dispoñibles para o resto da audiencia. Poderás escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, en Google Podcast, Apple Podcast e mais en Podgalego.

Neste capítulo foi empregada a pista musical Random Sequences de Fiftysounds.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.